Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Martes, 6 de agosto de 2019 Páx. 35822

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 19 de xullo de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se convocan para o ano 2019 (cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020) (código de procedemento BA403F).

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index)

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán optar a estas axudas as entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro que teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolva/n a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia sempre que a/s escola/s para a/s que solicita/n a axuda cumpra/n os seguintes requisitos:

a) Os establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro; no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia; no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia, así como na normativa de desenvolvemento, se é o caso.

b) Aplicar unha tarifa de prezos axustada ao réxime de prezos previsto na normativa autonómica aplicable.

A entidade beneficiaria non poderá ter recibido axudas financiadas con Fondos Estruturais e de Investimento Europeos 2007-2013 (en diante, fondos EIE) para o mesmo concepto de gasto.

2. Non se poderá obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas ás entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro para a adecuación e mellora das escolas infantís 0-3 da súa titularidade a través da realización das obras menores e da compra do equipamento precisos, na consideración de que a calidade das infraestruturas e do mobiliario e recursos educativos utilizados son un factor básico de impulso da calidade da atención prestada (código de procedemento BS403F).

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas axudas para o ano 2019.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 19 de xullo de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social e se convocan para o ano 2019 (cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020) (código de procedemento BS403F).

Cuarto. Importe

Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de catrocentos mil euros (400.000 €), que se imputará á aplicación orzamentaria 13.02.312B.781.1.

Financiarase ata o 100 % do investimento subvencionable e unha contía máxima por cada centro de 15.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 10.000 euros para as destinadas á compra de equipamento e mais á integración das novas tecnoloxías na aula.

Cada entidade poderá percibir unha axuda máxima de 25.000 euros con independencia do número de centros para os que presente a solicitude.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social