Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Martes, 6 de agosto de 2019 Páx. 35825

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2019 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape para a incorporación de novos titulados a actividades de mellora competitiva das empresas (programa Profesionais 4.0), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG502A).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), na súa xuntanza do 28 de xaneiro de 2019, acordou, por unanimidade dos membros asistentes, aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape para a incorporación de novos titulados a actividades de mellora competitiva das empresas (programa Profesionais 4.0), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e facultouse o director xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape para a incorporación de novos titulados a actividades de mellora competitiva das empresas (programa Profesionais 4.0) e convocar para o exercicio 2019 as ditas axudas en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG502A).

Estas axudas están cofinanciadas ao 80 % co Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e, en particular:

Obxectivo temático 8: promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral.

Prioridade de investimento 8.1: o acceso ao emprego por parte das persoas demandantes de emprego e das persoas inactivas, incluídos os desempregados e desempregadas de longa duración e as persoas afastadas do mercado laboral, así como as iniciativas de emprego locais e o fomento da mobilidade laboral. Facilitar o acceso ao emprego das persoas desempregadas e persoas inactivas, incluíndo as persoas paradas de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e apoio á mobilidade laboral.

Obxectivo específico 8.1.5: mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas ou inactivas, especialmente daquelas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, por medio da adquisición de experiencia profesional, incluídas as iniciativas locais de emprego.

Liña de actuación 103: adquisición de competencias profesionais.

Campo de intervención 102: acceso ao emprego dos solicitantes de emprego e persoas inactivas, incluídas persoas desempregadas de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e o apoio á mobilidade laboral.

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria

Ano 2019

Ano 2020

Ano 2021

09.A1.741A.4709

350.000 €

700.000 €

350.000 €

09.A1.741A.4815

150.000 €

300.000 €

150.000 €

Totais

500.000 €

1.000.000 €

500.000 €

A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade e informe favorable da modificación orzamentaria por parte do Organismo Intermedio do PO FSE Galicia 2014-2020 (actualmente, a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos), nos termos referidos no artigo 30.2 do mencionado Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento:

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que poida exceder o 30 de xuño de 2021.

O prazo para presentar a solicitude de cobramento rematará o 31 de outubro de 2020 para os proxectos finalizados antes do 30 de setembro de 2020, e o 31 de xullo de 2021 para os proxectos finalizados antes do 30 de xuño de 2021.

O prazo para solicitar os anticipos a que se refire o artigo 15.3 destas bases reguladoras rematará o 31 de outubro de 2019 para a anualidade de 2019, e o 31 de outubro de 2020 para a anualidade de 2020.

Quinto. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2019

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape para a incorporación de novos
titulados a actividades de mellora competitiva das empresas (programa Profesionais 4.0), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do
programa operativo FSE Galicia 2014-2020

A Axenda de competitividade Galicia Industria 4.0, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 13 de maio de 2015, dedica un dos seus plans ao desenvolvemento das persoas e organizacións. En particular, prescribe a prestación de servizos especializados de asesoramento ás empresas para a súa mellora e a posta a disposición dos profesionais de formación práctica aliñada coas necesidades das empresas.

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en cumprimento das funcións que ten encomendadas como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, está impulsando, en consonancia co indicado pola Axenda, a prestación de servizos de mellora da competitividade das pemes en diversos ámbitos, como poden ser o diagnóstico da situación competitiva, a profesionalización da xestión empresarial ou o desenvolvemento estratéxico, dixitalización e innovación.

Este impulso aos servizos parte do convencemento de que a adquisición de competencias por parte das empresas é a base da capacidade de xeración actual e futura das vantaxes que lle permitirán á empresa competir. Concíbense, pois, servizos claramente enfocados ás necesidades detectadas nela, curtos no tempo para poder modular as actuacións, e con resultados medibles no momento da súa finalización.

Por outra parte, as entidades asociativas galegas prestan aos seus asociados un conxunto de servizos cuxo obxectivo é tamén a mellora da competitividade da empresa.

A prestación destes servizos especializados supón unha importante oportunidade para incrementar a formación teórico-práctica de novos titulados galegos mediante a súa contratación para realizalos, se temos en conta o seguinte:

– Os servizos comezan con accións formativas dirixidas ás empresas que van participar neles, nas cales se poden incorporar persoas recentemente tituladas para maximizar o seu efecto.

– A adquisición de coñecemento por parte dun titulado recente nos ámbitos de mellora de que se trata só é posible mediante unha combinación de formación e acción. Unha gran cantidade de coñecemento teórico non garante a capacidade de levar a cabo un proxecto sen a experiencia real.

– As persoas contratadas, ademais da formación teórica, rematarán a súa formación práctica mediante a participación potencial en varios proxectos de mellora da empresa que os contrate durante polo menos un ano.

– A dedicación intensiva de persoas aos proxectos de mellora incrementa as súas posibilidades de éxito e de incorporación efectiva dos resultados do proxecto á operativa diaria da empresa.

Co ánimo de aproveitar esta oportunidade, e de apoiar tamén outros itinerarios de mellora acometidos motu proprio por todo tipo de empresas, o Igape pon en marcha o programa Profesionais 4.0, cuxo obxectivo é incentivar a contratación de persoas que traballarán especificamente en proxectos de mellora competitiva de diversos ámbitos.

A axuda terá a consideración de subvención en réxime de minimis e cumprirá co establecido –segundo o sector– no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro), Regulamento (CE) 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño) ou Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro).

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto das axudas é a incorporación, titorizada e con garantías de formación, de novos titulados universitarios e de formación profesional ás empresas ou a outras entidades de soporte, para realizar traballos que melloren as capacidades do tecido empresarial.

2. Serán subvencionables as contratacións laborais e gastos de formación realizados por empresas e organismos intermedios de carácter empresarial que estean dirixidos a executar de proxectos de mellora competitiva.

Consideraranse os seguintes tipos de proxectos de mellora competitiva:

a) Optimización financeira/mellora do circulante.

b) Profesionalización da produción e a cadea loxística.

c) Relanzamento comercial.

d) Xestión por procesos e sistemas de xestión da calidade.

e) Imaxe e comunicación empresarial.

f) Deseño e desenvolvemento da estratexia empresarial.

g) Identificación e desenvolvemento de redes de cooperación e socios.

h) Innovación empresarial.

i) Desenvolvemento do capital humano.

j) Execución de vixilancia tecnolóxica/intelixencia competitiva.

k) Asesoramento integral ao proceso emprendedor.

l) Dixitalización da empresa.

m) Creación de contidos dixitais.

n) Incorporación efectiva de tecnoloxía.

3. Os proxectos poderán consistir tanto na execución de plans de mellora competitiva internos das empresas como na prestación de servizos de mellora a terceiros. Neste último caso, os servizos a empresas nos que se integrarán as persoas contratadas non consistirán en actividades permanentes ou periódicas de xestoría ou auditoría (asesoría ou xestión fiscal, contable, laboral, servizos xurídicos periódicos, auditoría, publicidade e outros similares).

4. Os contratos obxecto de subvención deberán cumprir coas seguintes condicións:

a) Formalizar as contratacións entre os candidatos que formen parte da base de datos de candidatos Profesionais 4.0, accesible no enderezo http://www.igape.es/profesionais4.0. O acceso como candidato a esta base de datos estará aberto en todo momento a partir da publicación no DOG da convocatoria destas bases reguladoras e pecharase o día de publicación da resolución, ben que poderán abrirse prazos adicionais de entrada como candidato á base de datos, que serán obxecto de resolución da Dirección Xeral do Igape e publicados no DOG.

A contratación débese comunicar ao Servizo Público de Emprego (SEPE).

b) Os contratos deberán ser formalizados entre a data de presentación da solicitude e seis meses despois da data de notificación da resolución de adxudicación da axuda. A data aproximada de contratación deberá ser comunicada ao Igape para os efectos de organizar temporalmente as correspondentes reservas de crédito.

c) Os proxectos de mellora deberán desenvolverse en centros de traballo de Galicia.

d) O contrato de traballo que se formalice deberá ser a tempo completo e poderá ser indefinido ou de duración determinada mínima de 12 meses. Non se admitirán contratos de alta dirección.

e) A retribución salarial anual bruta que percibirá cada persoa contratada non será inferior a 19.000 €.

f) O persoal contratado deberá cumprir, no momento de formalizar o contrato, os seguintes requisitos:

– Idade entre os 18 e os 35 anos.

– Titulación que acredite un nivel EQF (marco europeo de cualificacións) 5 ou superior: titulación universitaria (grao/diplomatura ou superior) ou título de técnico superior de formación profesional ou equivalente. No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros, deben estar homologados en España.

– Experiencia non superior a 24 meses no grupo de cotización á Seguridade Social correspondente á súa titulación. Para os efectos destas bases, consideraranse grupos de cotización correspondentes á titulación os 1 e 2 no caso das persoas con titulación universitaria e os 3 e 5 no caso das persoas con titulación de formación profesional.

– Estar dados de alta coma demandantes de emprego (ou demandantes de mellora de emprego) no Servizo Público de Emprego.

– Non ter sido contratado anteriormente pola entidade solicitante.

– Non ter vínculos de parentesco (cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive) cos cargos de dirección ou membros dos órganos de administración do solicitante ou das súas empresas vinculadas.

g) O persoal contratado deberá darse de alta no grupo de cotización á Seguridade Social correspondente á súa titulación, segundo o punto anterior.

h) O persoal contratado poderá ser substituído, sempre que o substituto cumpra cos termos da resolución de concesión, e a duración do seu contrato sexa polo menos polo tempo restante ata 12 meses do contrato anterior, ou indefinida no caso de que o contrato orixinal o sexa.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas recollidas nestas bases reguladoras incardínanse no réxime de axudas de minimis e cumprirán co establecido –segundo o sector– no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro), Regulamento (CE) 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño) ou Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro).

4. As subvencións previstas nestas bases estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 coa seguinte codificación:

– Obxectivo temático 8: promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral.

– Prioridade de investimento 8.1: o acceso ao emprego por parte das persoas demandantes de emprego e das persoas inactivas, incluídos os desempregados e desempregadas de longa duración e as persoas afastadas do mercado laboral, así como as iniciativas de emprego locais e o fomento da mobilidade laboral. Facilitar o acceso ao emprego das persoas desempregadas e persoas inactivas, incluíndo as persoas paradas de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e apoio á mobilidade laboral.

– Obxectivo específico 8.1.5: mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas ou inactivas, especialmente daquelas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, por medio da adquisición de experiencia profesional, incluídas as iniciativas locais de emprego.

– Liña de actuación 103: adquisición de competencias profesionais.

– Campo de intervención 102: acceso ao emprego dos solicitantes de emprego e persoas inactivas, incluídas as persoas desempregados de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e o apoio á mobilidade laboral.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. O incentivo para a contratación incluído nestas axudas é incompatible con outras axudas ou subvencións públicas en concepto de incentivos á contratación. Non obstante, serán compatibles, de ser o caso, cos incentivos en forma de bonificación á Seguridade Social.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións concorrentes deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. Antes de conceder e pagar a axuda, solicitarase da empresa unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas:

a) As empresas con 2 ou máis empregados por conta allea equivalentes a tempo completo no momento da solicitude que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.

b) Os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tal para os efectos destas axudas as entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa ou clústeres empresariais.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.2 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras (DOUE C 249, do 31 de xullo de 2014) e que para as pemes aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento 651/2014 da Comisión.

b) As entidades que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

c) As entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os beneficiarios serán responsables de:

a) Seleccionar e contratar as persoas que van realizar os proxectos segundo a normativa laboral en materia de contratación, as condicións establecidas nestas bases reguladoras e o indicado na solicitude de axuda.

b) Integralas na execución dos proxectos de mellora durante o período de vixencia da axuda.

c) Asignar unha persoa titora para a supervisión e formación directa das persoas contratadas.

d) Asegurar un contorno laboral de acordo coa normativa en materia de prevención de riscos laborais, contratación e outras aplicables.

e) Colaborar co Igape nas actividades que, de ser o caso, organice dirixidas ao persoal contratado mediante este incentivo.

4. Cada entidade poderá solicitar axuda para un máximo de 5 contratos.

Artigo 5. Custos subvencionables e contía das axudas

1. Como incentivo á contratación subvencionarase por persoa o 75 % da retribución bruta do primeiro ano, cun máximo importe de subvención por persoa contratada que se calculará como 14.250 + PF*70, onde «PF» é a puntuación que se obteña polo criterio establecido no artigo 6.1.f) destas bases (entre 0 e 25).

2. Os gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os cales se solicita subvención poderá ser incorrido con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto sería non subvencionable.

3. O período de execución dos gastos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abranguerá desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria e co límite da anualidade que corresponda.

Artigo 6. Criterios de avaliación e selección de proxectos

1. Os criterios que se utilizarán para a puntuación dos proxectos serán os seguintes:

a) Tipo de contrato a realizar: 20 puntos por contrato indefinido. Os contratos temporais de duración determinada recibirán un punto por cada mes adicional ao mínimo de 12, cun máximo de 12 puntos.

b) Retribución salarial anual bruta da persoa que se vai contratar, que se calculará como a parte enteira da seguinte expresión: (Retribucion_bruta-19000)/760, cun máximo de 25 puntos.

c) Experiencia: 7 puntos se a entidade se compromete a contratar unha persoa sen ningunha experiencia previa no grupo de cotización correspondente á súa titulación, segundo o indicado no artigo 1.4.f).

d) Nivel da titulación da persoa que se vai contratar: outorgarase a puntuación correspondente a restar 5 ao máximo nivel EQF acadado pola persoa, cun máximo de 3 puntos (EQF: Marco europeo das cualificacións).

e) Calidade dos proxectos de mellora presentados pola empresa en que participarán as persoas contratadas, que se avaliará cun máximo de 20 puntos en función da vantaxe competitiva que se prevé obter cos proxectos (5 puntos), a amplitude e diversidade dos obxectivos que se deberán acadar (5 puntos), a experiencia do equipo de traballo implicado neste tipo de proxectos (5 puntos) e dedicación prevista pola empresa (5 puntos).

f) Formación (máximo 25 puntos): se o beneficiario sufraga un programa formativo dun mínimo de 40 horas por contratación incentivada en materias claramente relacionadas cos proxectos de mellora, que impartirá un provedor externo durante horas de traballo ao longo do tempo de contratación incentivada, obterá 15 puntos. Esta puntuación poderá incrementarse segundo as características do dito programa formativo e recibirá 3 puntos adicionais pola súa duración, 5 puntos adicionais pola súa calidade e 2 puntos adicionais pola experiencia da institución docente nese tipo de accións formativas. Esta puntuación adicional asignarase de maneira comparativa en función das solicitudes recibidas.

Para puntuar neste criterio, a formación debe cumprir polo menos unha das seguintes condicións:

1ª. Ser impartida por unha universidade ou escola de negocio recoñecida.

2ª. Consistir en formación certificada dos fabricantes de equipos ou sistemas con especial aplicación ao proxecto, impartida por formador homologado polo fabricante.

3ª. Ter un grao de especialización técnica que, a xuízo do Igape, non se poida cumprir con ningunha das condicións anteriores.

2. En caso de coincidir a puntuación de varias solicitudes, utilizarase como criterio de desempate o de maior puntuación sucesivamente nos criterios a), b), c), d), e), f), por esa orde. De persistir o empate, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fosen anteriores, e en último caso a que tivese un número de expediente asignado máis baixo.

3. No caso de que se solicite o incentivo a máis dunha contratación, a puntuación do expediente será a media das puntuacións acadadas para cada unha das contratacións solicitadas.

Artigo 7. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

Para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicitan a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Deberán cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto por 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

No devandito formulario realizaranse as seguintes declaracións responsables:

a) Que a entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que a entidade solicitante cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

c) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión.

d) Que non está suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

e) Que nela non concorre ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

g) Que se compromete a manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos do PO FSE Galicia 2014-2020.

h) Que se compromete a conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación concluída (artigo 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013).

i) Número de traballadores e facturación correspondentes ás últimas contas pechadas da entidade.

j) Axudas de minimis solicitadas e recibidas nos 2 exercicios fiscais anteriores e no exercicio fiscal en curso, incluídas, de ser o caso, as empresas vinculadas.

2. As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Considérase que todos os solicitantes, ao exercer unha actividade económica, dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento e ademais deben declarar a súa capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.

No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, realizarase a anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

3. Os solicitantes deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria do proxecto, que se cubrirá no propio formulario electrónico de solicitude, no formato proposto pola aplicación, e incluirá como mínimo a información seguinte:

– O lugar en que se vai desenvolver o proxecto.

– O proxecto ou proxectos de mellora competitiva que se van acometer durante os 12 meses de incentivo á contratación, xunto cun plan mensual de tarefas asignadas a cada persoa.

– O programa formativo en que se van encadrar as persoas contratadas, de ser o caso.

– A información necesaria para avaliar os criterios sinalados no artigo 6 destas bases.

– A identidade do titor e os seus compromisos de dedicación como tal.

b) Os solicitantes non inscritos no Rexistro Mercantil presentarán a documentación acreditativa da súa constitución e do poder de representación correspondente.

De acordo co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa estea en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

Así mesmo, de conformidade co citado artigo 28 da Lei 39/2015, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o cal poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

Para achegar os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

4. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Consulta dos datos de constitución, estatutos e administradores, no caso de solicitantes inscritos no Rexistro Mercantil.

d) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante.

e) NIF da entidade solicitante.

f) NIF da entidade representante.

g) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

i) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

j) Certificado da renda das persoas físicas referido ao último período impositivo para o que estivese vencido o prazo para a súa presentación voluntaria, no caso de autónomos.

k) Informe da Seguridade Social sobre a vida laboral da empresa.

l) Títulos oficiais universitarios ou non universitarios correspondentes ás persoas contratadas.

m) Situación de inscrito como demandante de emprego correspondente ás persoas contratadas.

n) Información da Administración pública competente en canto ao cumprimento do mantemento do emprego, que poderá ser consultado indistintamente polo Igape ou Organismo Intermedio do PO FSE Galicia 2014-2020.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) ou no documento de información ao persoal contratado (anexo IV) e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 9. Órganos competentes

1. A Área de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponde, por delegación do Consello de Dirección do Igape, á persoa titular da Dirección Xeral do Igape ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

2. Os proxectos serán avaliados por un órgano avaliador, cuxos membros serán designados pola Dirección Xeral do Igape de entre o persoal técnico da Área de Competitividade. Este órgano estará composto por un mínimo de tres membros e contará cun/cunha presidente/a e un/unha secretario/a con voz e voto. Axustará o seu funcionamento ás disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. A solicitude de axuda será avaliada polo órgano avaliador en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e no formulario e na documentación presentada. Este órgano elaborará unha relación de solicitudes coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de valoración do artigo 6 destas bases.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou informacións previstas nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda realizaranse preferentemente mediante publicación na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

3. A Área de Competitividade ditará proposta de resolución con base neste procedemento a partir da relación de solicitudes puntuadas. A continuación, elevarase á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

A resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, contía da subvención e obrigas que corresponden ao beneficiario, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o prazo de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará na páxina web da UAFSE:

http://www.mitramiss.gob.es/uafse/es/fse_2014-020/listado_operaciones/index.html

Esta publicación terá o contido previsto no punto 1 do anexo XII e o artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013.

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

4. Quedarán como suplentes aquelas solicitudes para as cales non se dispoña de crédito suficiente, sempre e cando cumpran os requisitos exixidos nesta convocatoria.

5. A resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As resolucións e actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón tramitación electrónica para recibiren as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático).

6. O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria da axuda, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e admitiranse, dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, modificacións relativas ao gasto subvencionable, ás datas de execución do proxecto, ao plan de mellora, ao plan de formación ou á titularidade da empresa. Non se admitirán modificacións que dean lugar a unha contía de axuda superior á establecida na resolución de concesión, que desvirtúen o proxecto ou que minoren a baremación da axuda de xeito que coa nova puntuación non resultase concedida en réxime de concorrencia competitiva.

2. A solicitude de modificación deberá presentarse dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.

3. O beneficiario deberá solicitar a modificación tramitando o formulario sinalado no artigo 7 e presentando a súa instancia dirixida á persoa titular da Dirección Xeral do Igape. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia, de ser preciso, aos interesados.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar a actividade que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape e facilitar toda a información requirida polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro. Someterse a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Consello, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control durante, polo menos, un período de 3 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará desta data de inicio a que se refire esta obriga, tras a oportuna comunicación da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

d) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere as porcentaxes máximas establecidas no artigo 5 destas bases respecto do custo elixible do proxecto que vai desenvolver o beneficiario.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos do PO FSE Galicia 2014-2020.

f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto por parte do Igape, a Xunta de Galicia e o PO FSE Galicia 2014-2020, segundo o establecido no anexo III a estas bases.

g) Subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

h) Facilitar á Consellería de Facenda a información axeitada sobre as actividades desenvolvidas e realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE. Os indicadores de produtividade relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coas actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, seranlles facilitados os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos e darase de alta na correspondente aplicación informática Participa 1420.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

k) Todo o anterior sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Xustificación da subvención

1. O prazo para presentar a solicitude de cobramento é o establecido na resolución da convocatoria.

2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

A solicitude de cobramento presentarase mediante a instancia normalizada que a título informativo figura como anexo II a estas bases, na cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través da instancia de solicitude de cobramento normalizada co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

De conformidade co artigo 28 da citada Lei 39/2015, non se lles exixirá aos interesados que presenten documentos orixinais. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente.

Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, poderáselle requirir ao interesado que exhiba o documento ou a información orixinal para o cotexo das copias por el achegadas. Tal solicitude deberá ser debidamente motivada.

A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

5. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas, tarefas realizadas polas persoas contratadas, resultados obtidos e previsión de prórroga ou continuación do contrato coa persoa contratada. A dita memoria cubrirase no formulario electrónico de solicitude de cobramento.

b) Contratos de traballo e xustificación de inscrición no SEPE.

c) Documentos de información á persoa contratada, segundo o anexo IV.

d) Vida laboral actualizada ao final do período de contratación incentivada, só no caso de opoñerse expresamente á súa consulta.

e) Nóminas aboadas ao persoal contratado, así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento.

f) No caso de ter puntuado no punto 6.1.f), diplomas acreditativos da formación e a súa duración e características, expedido pola entidade externa que a impartiu.

g) A copia –que permita a súa lectura– de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de comunicación do financiamento público citada no artigo 13.f) destas bases.

h) Memoria económico xustificativa cos aspectos recollidos no artigo 54.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude de cobramento.

i) Información de indicadores de produtividade e de resultado da operación, que se cubrirá a través da aplicación do Organismo Intermedio do PO FSE Galicia 2014-2020 Participa 1420, á cal se accederá desde http://tramita.igape.es.

j) O beneficiario tamén deberá cubrir na ficha resumo de gastos do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade en que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 13.e), número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

6. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario denegue expresamente o consentimento ao Igape para solicitar as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

7. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas.

8. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 12 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme o Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Aboamento das axudas

1. Con carácter xeral, o aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

3. As entidades beneficiarias das axudas poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % da subvención concedida, co límite da anualidade prevista no exercicio orzamentario correspondente, unha vez transcorridos tres meses desde a contratación, e en todo caso en data non posterior ao 31 de outubro da anualidade correspondente. A solicitude de anticipo deberá vir acompañada dos contratos de traballo, documento de información á persoa contratada (anexo IV) e vida laboral actualizada (só no caso de opoñerse expresamente á súa consulta polo Igape), e será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención. Neste suposto exímense os beneficiarios da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido nos artigos 63.3 e 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regula a Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención. Tamén será aplicable no caso de que o proxecto xustificado minorase a baremación da axuda de xeito que coa nova puntuación non resultase concedida en réxime de concorrencia competitiva.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en concreto a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, e achegan canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) 1303/2013, do Consello.

d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

e) Non comunicarlle ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

f) Non comunicarlle ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, salvo o establecido no artigo 14.8.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, se é o caso, deberanse reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberanse reintegrar todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Suporá a perda dun 10 % da subvención concedida o incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para os mesmos gastos.

c) Suporá a perda dun 5 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos FSE.

d) Suporá a perda dun 5 % da subvención concedida non dar publicidade do financiamento do proxecto.

Artigo 17. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos do beneficiario fixados no artigo 13, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Consello, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo.

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo.

Artigo 19. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

2. Será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es, e no Diario Oficial de Galicia, expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Igape.

3. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e se regula o Rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE núm. 223, do 16 de setembro), no caso de que o beneficiario sexa unha empresa do sector pesqueiro, o Igape publicará a subvención concedida ao abeiro destas bases no citado rexistro, con expresión da información a que se fai referencia no anexo I deste real decreto.

4. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado, para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario.

Artigo 21. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de Organismo Intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola Autoridade de Xestión dos programas operativos, segundo o disposto no artigo 125, punto 2, artigo 140, puntos 3 a 5, e anexo XIII, punto 3, do Regulamento (UE) 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

Co fin de dar a publicidade exixida do procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nas presentes bases reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Artigo 22. Remisión normativa

1. Para o non establecido nestas bases aplicarase o previsto:

a) Na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) No Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) No Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

e) No Regulamento (CE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis.

f) No Regulamento (CE) 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector agrícola.

g) No Regulamento (CE) 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.

h) No Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo.

i) No Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

j) No Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046, do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión.

k) Na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

l) No resto da normativa que resulte de aplicación.

2. En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 e outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Requisitos de comunicación do financiamento público

Responsabilidade do beneficiario.

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, o beneficiario deberá cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

1. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Igape, da Xunta de Galicia e do FSE ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional do Igape e da Xunta de Galicia e marca turística de Galicia, mostrando:

a) Emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao fondo que dá apoio ao proxecto.

2. Durante a realización do proxecto:

a) Breve descrición no seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, do proxecto, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e marca turística de Galicia. Para cumprir con este requisito pode incluírse, integrado no espazo web do beneficiario, a seguinte imaxe:

http://www.igape.es/images/PublicidadComunitaria/FSE-IG256-Profesionais40.png

b) Colocar polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no cal se mencionará a axuda financeira do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e marca turística de Galicia e do Xacobeo 2021, nun lugar visible para o público, por exemplo, na entrada do edificio.

O formato que se vai utilizar é o seguinte:

missing image file

c) No caso de que o proxecto inclúa como custo subvencionable o material didáctico que se lles entregue aos traballadores, deberá incluír a mención ao apoio financeiro do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia e do Xacobeo 2021, no mesmo formato que se indicou na epígrafe 1 deste anexo.

3. O beneficiario asegurarase de que as partes que interveñen no proxecto foron informadas do dito financiamento. Calquera documento relacionado coa execución do proxecto que se destine ao público ou aos participantes conterá unha declaración en que se informe de que o proxecto recibiu o apoio da Xunta de Galicia, do Igape e do Fondo Social Europeo.

Características técnicas para exhibir o emblema da Unión e referencia ao Fondo.

De acordo co establecido no artigo 4 do Regulamento (UE) 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo:

1. O emblema da Unión deberá figurar en color nos sitios web. En todos os demais medios de comunicación a cor utilizarase sempre que sexa posible.

2. O emblema será sempre claramente visible e ocupará un lugar destacado. A súa posición e tamaño serán os adecuados á escala do material ou documento empregados. En pequenos artigos de promoción non será obrigatorio facer referencia ao Fondo.

3. Cando o emblema da Unión e a referencia á Unión e ao Fondo correspondente se presenten nun sitio web serán visibles ao chegar ao dito sitio web, na superficie de visión dun dispositivo dixital, sen que o usuario teña que despregar toda a páxina.

4. O nome «Unión Europea» sempre aparecerá sen abreviar. O tipo de letra debe ser: Arial, Auto, Calibri, Garamond, Trebuchet, Tahoma, Verdana ou Ubuntu. Non se empregará a cursiva, o subliñado nin outros efectos. O corpo do tipo utilizado deberá ser proporcional ao tamaño do emblema e de xeito que non interfira. A cor do tipo será azul reflex, negro ou branco, en función do contexto.

5. Se se exhiben outros logotipos ademais do emblema da Unión, este terá como mínimo o mesmo tamaño, medido en altura e anchura, que o maior dos demais logotipos.

Utilización do logotipo da Unión Europea.

O único logotipo válido é o formado polo emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea situada debaixo del.

missing image file

En toda comunicación relativa a fondos europeos deberase incorporar ademais unha referencia ao Fondo Social Europeo. Adicionalmente, empregarase o lema «O FSE inviste no teu futuro».

missing image file