Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Martes, 6 de agosto de 2019 Páx. 35865

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 29 de xullo de 2019 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape para a incorporación de novos titulados a actividades de mellora competitiva das empresas (programa Profesionais 4.0), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG502A).

BDNS (Identif.): 469095.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

a) As empresas con dúas ou máis persoas empregadas por conta allea equivalentes a tempo completo no momento da solicitude que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou persoas autónomas e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.

b) Os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tal para os efectos destas axudas as entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa ou clústeres empresariais.

Segundo. Obxecto

O obxecto das axudas é a incorporación, titorizada e con garantías de formación, de novos titulados universitarios e de formación profesional ás empresas ou a outras entidades de soporte para realizar traballos que melloren as capacidades do tecido empresarial.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 29 de xullo de 2019 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape para a incorporación de novos titulados a actividades de mellora competitiva das empresas (programa Profesionais 4.0), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG502A).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias, polos seguintes importes e con cargo aos seguintes exercicios:

Aplicación orzamentaria 09.A1.741A.4709: 350.000 € con cargo ao ano 2019, 700.000 € para o ano 2020 e 350.000 € para o ano 2021.

Aplicación orzamentaria 09.A1.741A.4815: 150.000 € con cargo ao ano 2019, 300.000 € para o ano 2020 e 150.000 € para o ano 2021.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses desde o día seguinte á publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2019

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica