Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Mércores, 7 de agosto de 2019 Páx. 36042

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 24 de xullo de 2019 pola que se clasifica de interese educativo a Fundación Universidad Intercontinental de la Empresa.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Universidad Intercontinental de la Empresa con domicilio na Rúa Nova 33, 15705 Santiago de Compostela (A Coruña).

Feitos:

1. O 4 de xullo de 2019, Roberto Barreiro Rodríguez, en nome da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Universidad Intercontinental de la Empresa constituíuse en escritura pública outorgada na Coruña o 17 de xaneiro de 2019, ante o notario Isidoro Antonio Calvo Vidal, con número de protocolo 30, pola Fundación Galicia Obra Social.

3. Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, a Fundación ten por finalidade e obxecto social exclusivo a educación superior mediante a realización das seguintes funcións:

a) A creación, desenvolvemento, transmisión e crítica da ciencia, da técnica e da cultura.

b) A preparación para o exercicio de actividades profesionais que exixan a aplicación de coñecementos e métodos científicos e para a creación artística.

c) A difusión, a valorización e transferencia do coñecemento ao servizo da cultura, da calidade de vida e do desenvolvemento económico.

d) A difusión do coñecemento e a cultura a través da extensión universitaria e a formación ao longo de toda a vida.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por proposta de Abanca Corporación Bancaria, S.A. por Miguel Ángel Escotet Álvarez como presidente; Juan Carlos Escotet Rodríguez e Francisco Botas Ratera; e por proposta da Fundación Galicia Obra Social por José Luis Jiménez Martínez; José Fernández Pernas como vicepresidente e Ricardo Díaz-Casteleiro Romero.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Universidad Intercontinental de la Empresa, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese educativo e a súa adscrición á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito da fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do 22 de xullo de 2019.

DISPOÑO:

Clasificar de interese educativo a Fundación Universidad Intercontinental de la Empresa, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza