Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Luns, 12 de agosto de 2019 Páx. 36496

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 1 de agosto de 2019, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dá publicidade do Acordo entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSI.F e FETE-UGT polo que se modifica o punto vixésimo primeiro, se engade un novo punto vixésimo segundo e se engade un punto 5 á disposición adicional primeira do texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia que imparte ensinanzas distintas das universitarias (publicado pola Resolución do 28 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, Diario Oficial de Galicia número 131, do 11 de xullo).

O 9 de abril de 2019 a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSI.F e FETE-UGT acordaron unha modificación da disposición adicional primeira do Acordo do 20 de xuño de 1995 sobre o acceso á función pública docente en calidade de profesor interino e substituto (texto refundido polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que imparte ensinanzas distintas das universitarias, publicado pola Resolución do 28 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, Diario Oficial de Galicia núm. 131, do 11 de xullo).

Así mesmo, o 19 de xullo de 2019 a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSI.F e FETE-UGT acordaron unha modificación que engade un novo punto vixésimo segundo e unha modificación do punto vixésimo primeiro e da disposición transitoria única do Acordo do 20 de xuño de 1995 sobre o acceso á función pública docente en calidade de profesor interino e substituto (texto refundido polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que imparte ensinanzas distintas das universitarias, publicado pola Resolución do 28 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, Diario Oficial de Galicia núm. 131, do 11 de xullo).

Con base no disposto polo artigo 38 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, procede ordenar a publicación da citada modificación no Diario Oficial de Galicia.

Por todo o dito,

ACORDO:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia dos acordos entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSI.F e FETE-UGT polos que se modifican a disposición adicional primeira, o punto vixésimo primeiro, se engade o punto vixésimo segundo e se modifica a disposición transitoria única do texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995, polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, que imparte ensinanzas distintas das universitarias, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2019

O director xeral de Centros e Recursos Humanos
P.S. (Resolución do 30.7.2019)
Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Universidade e Formación Profesional

ANEXO

Modificación do Acordo do 20 de xuño de 1995, entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSI.F e FESP-UGT, sobre o acceso á función pública docente en calidade de profesor interino e substituto

Na oferta de emprego do ano 2019 convócase a especialidade de Inglés do corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas. Isto obriga a elaborar unha lista desta especialidade no corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, coa finalidade de cubrir as interinidades e substitucións que procedan. Coa finalidade de preservar os dereitos das persoas que viñan prestando servizos como persoal interino ou substituto nesta especialidade nas escolas oficiais de idiomas, e no futuro nas especialidades de Francés e de Galego acórdase engadir un punto 5 á disposición adicional primeira do Acordo do 20 de xuño de 1995, que queda redactada do seguinte xeito:

«1. Mentres non se realice concurso-oposición na especialidade de Organización e Xestión Comercial, as interinidades e substitucións das especialidades de Administración de Empresas e Organización e Xestión Comercial cubriranse cunha única lista.

Cando se convoque o concurso-oposición nesta especialidade, configurarase a súa lista entre as persoas que se presenten ao concurso-oposición, tendo en conta que terán prioridade as pertencentes á lista de Administración de Empresas incluídas no punto 1 do número 2 do presente acordo, sempre que se presenten por calquera especialidade.

2. Mentres non se realice concurso-oposición na especialidade de Procesos de Xestión Administrativa, as interinidades e substitucións das especialidades de Procesos de Xestión Administrativa e Procesos Comerciais cubriranse cunha única lista.

Cando se convoque o concurso-oposición nesta especialidade, configurarase a súa lista entre as persoas que se presenten ao concurso-oposición, tendo en conta que terán prioridade as pertencentes á lista de Procesos Comerciais incluídas no punto 1 do número 2 do presente acordo, sempre que se presenten por calquera especialidade.

3. Mentres non se realice concurso-oposición na especialidade de Operacións de Proceso, as interinidades e substitucións das especialidades de Laboratorio e Operacións de Proceso cubriranse cunha única lista.

Cando se convoque o concurso-oposición nesta especialidade, configurarase a súa lista entre as persoas que se presenten ao concurso-oposición, tendo en conta que terán prioridade as pertencentes á lista de Laboratorio incluídas no punto 1 do número 2 do presente acordo, sempre que se presenten por calquera especialidade.

4. O establecido na epígrafe 2 do punto segundo do presente acordo será de aplicación ás especialidades en que se convoque procedemento selectivo de ingreso a partir do ano 2017, incluído este.

5. Cando se convoque concurso-oposición na especialidade de Inglés, Francés e Galego do corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, configurarase a súa lista entre as persoas que se presenten ao concurso-oposición, tendo en conta que terán prioridade as pertencentes á lista de Inglés, Francés e Lingua Galega e Literatura, respectivamente, do corpo de profesores de ensino secundario incluídas no número 1 do punto segundo do presente acordo, sempre que se presenten ao procedemento selectivo por calquera especialidade».

Modifícase o punto vixésimo primeiro do Acordo do 20 de xuño de 1995, que queda redactado do seguinte xeito:

«Realizada a adxudicación definitiva de destinos provisionais, os chamamentos para realizar substitucións e, se fose o caso, interinidades, efectuarase telefonicamente.

Se a persoa interesada non colle a primeira chamada telefónica continuarase coa cobertura das prazas e enviaráselle un correo electrónico e un SMS informándolle desta circunstancia.

Transcorrida unha hora, se segue habendo prazas sen cubrir da súa especialidade, volverá ser chamada.

As persoas que non atendan esta segunda chamada, ou no suposto de non seren chamados por inexistencia de praza vacante da súa especialidade, volverán ser chamados no seguinte día que se realicen coberturas de interinidades ou substitucións, pola orde que teñan nese momento na listaxe correspondente, sempre que proceda o chamamento en función do número de prazas da especialidade e do número de orde na listaxe.

As persoas que non atendan o chamamento telefónico este segundo día serán penalizadas durante 7 días naturais contados desde o inmediatamente seguinte ao do último chamamento.

Aquelas persoas que sexan penalizadas tres veces por non atender os chamamentos telefónicos serán excluídas definitivamente das listas, logo do correspondente trámite de audiencia.

As notificacións das penalizacións e, se for o caso, das exclusións realizaranse por medios electrónicos a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común».

Engádese un novo punto ao Acordo do 20 de xuño de 1995 coa seguinte redacción:

«Vixésimo segundo. Horario dos chamamentos

Nas datas inmediatamente anteriores e posteriores ao inicio do curso académico, mentres non estean cubertas todas as substitucións, os horarios dos chamamentos abarcarán toda a mañá e a tarde. En función do número de substitucións para cubrir poderá facerse o mesmo horario ao remate dos períodos non lectivos de Nadal e Semana Santa.

Nos restantes días de chamamentos o horario será, con carácter xeral, das 10.00 ás 15.00 horas».

Modifícase a disposición transitoria única, que queda redactada do seguinte xeito:

«Disposición transitoria única

Con carácter excepcional, non será de aplicación a subepígrafe 2 do punto décimo segundo do Acordo do 20 de xuño de 1995, a aquelas persoas interinas e substitutas que consolidaron o posto na lista correspondente e que nos procedementos selectivos convocados pola Orde do 14 de marzo de 2018 e Orde do 21 de febreiro de 2019 fixeron unha instancia na aplicación informática http://edu.xunta.es/oposicións e non a presentaron na sede electrónica da Xunta de Galicia».