Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Martes, 20 de agosto de 2019 Páx. 36988

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 9 de agosto de 2019 pola que se amplía a dotación orzamentaria das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 13 de marzo de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento CO300A).

A Orde do 13 de marzo de 2019, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 64, do martes, 2 de abril, establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, e se procede á súa convocatoria (CO300A).

No artigo 1.2 da convocatoria e artigo 2.1 do anexo I das bases reguladoras, establécese que as devanditas subvencións serán financiadas co crédito correspondente á aplicación orzamentaria seguinte dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2019:

Aplicación orzamentaria

Importe (€)

09.30.751A.781.1. Asociacionismo comercial e servizos para pemes comerciais

2.000.000

No artigo 1.3 da orde tamén se sinala que se poderán incrementar as contías previstas en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito. Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Co obxecto de poder amparar o maior número de solicitudes e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, tramítase o correspondente expediente de ampliación de crédito polo que cómpre, mediante esta orde, incrementar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas subvencións dada a existencia de remanentes de créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuída a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de comercio interior e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Financiamento

1. Amplíase a dotación orzamentaria prevista na Orde do 13 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, e se procede á súa convocatoria (CO300A).

2. O incremento da dotación será de 24.128,85 euros con cargo á mesma aplicación orzamentaria, 09.30.751A.781.1. Asociacionismo comercial e servizos para pemes comerciais dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019. Unha vez efectuado este incremento, o importe da dotación orzamentaria da aplicación 09.30.751A.781.1 prevista para esta orde de axuda ascenderá a 2.024.128,85 euros.

3. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria