Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Martes, 20 de agosto de 2019 Páx. 36984

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 20 de maio de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiadas en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento SI449B).

Mediante a Resolución do 20 de maio de 2019 establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiadas en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para o ano 2019 (SI449B).

Poderán ser obxecto de subvención ao abeiro desta convocatoria a realización de programas e actividades de difusión, información e formación para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero, a realizar polas asociacións de nais e pais de alumnos, federacións e confederacións de asociacións de nais e pais de alumnos, dirixidos ao alumnado de centros educativos non universitarios e/ou ás familias e á comunidade educativa, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, realizadas entre o 1 de maio de 2019 e o 30 de novembro de 2019, e que respondan a algunha ou algunhas das seguintes tipoloxías contempladas nas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do eixe 1:

a) Escolas de pais e nais e/ou formación para as familias en temas de igualdade, de educación afectivo-sexual (aspectos fisiolóxicos e afectivo-emocionais) e sobre violencia de xénero.

b) Elaboración de materiais informativos para nais e pais que lles axuden a detectar a violencia de xénero da que poden ser vítimas ou agresores as súas fillas ou fillos adolescentes.

c) Realización de accións de formación, sensibilización e difusión, contra a cosificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas.

d) Formación para pais e nais e/ou para mozas e mozos sobre o uso adecuado e crítico da internet e as novas tecnoloxías, especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos (stalking, sexting, grooming, etc).

e) Accións de formación coas familias e/ou alumnado sobre novas masculinidades para romper cos micromachismos e os comportamentos machistas adquiridos polos estereotipos.

f) Outras accións de formación e información para nais e pais que sensibilicen ás familias sobre os estereotipos persistentes na sociedade e tamén no eido educativo e sobre pautas para previr a violencia de xénero, ou para detectala e que se dean a coñecer entre as familias os protocolos existentes nos casos de agresións ou violencia contra as mozas.

De acordo co establecido no artigo 2 da convocatoria, o crédito destinado ao financiamento destas axudas é o seguinte:

Aplicación

Proxecto

Importe (€)

2019.05.11.313D.481.2

2018 00112

300.000,00

Ao existiren remanentes doutra convocatoria financiada con cargo ao mesmo crédito, co fin de poder amparar o maior número posible de solicitudes presentadas que cumpran os requisitos para ser beneficiarias das axudas, e tendo en conta que é a primeira vez que se regula unha convocatoria destas características tendo por destinatarias ás asociacións de nais e pais e federacións e confederacións constituídas por estas para estas actuacións, e que houbo moita demanda e solicitudes; estímase conveniente ampliar a dotación orzamentaria consignada, a través do suposto previsto na letra b) do artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 2.2 da Resolución do 20 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiadas en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

De conformidade cos devanditos preceptos regulamentarios, o órgano concedente debe publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

En consecuencia co exposto, de acordo co previsto no Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras, impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade a aprobación das bases, da convocatoria e as resolucións en materia de axudas e subvencións, así como a administración dos créditos para gastos do seu respectivo ámbito de competencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Amplíase a dotación orzamentaria prevista no artigo 2.1 da Resolución do 20 de maio de 2019 pola que se estableceron as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiadas en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para o ano 2019 (SI449B).

2. O incremento da dotación será de 80.000,00 euros con cargo á aplicación orzamentaria 05.11.313D.481.2, no código de proxecto 2018 00112 coa denominación «Pacto de Estado contra a violencia de xénero» consignada no estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

3. O crédito total dispoñible para atender as axudas previstas na citada Resolución do 20 de maio de 2019 queda así establecido en 380.000,00 euros:

Aplicación

Proxecto

Crédito inicial (€)

Ampliación (€)

Crédito total (€)

05.11.313D.481.2

2018 00112

300.000,00

80.000,00

380.000,00

4. Esta ampliación de crédito non afecta ao prazo de presentación de solicitudes establecido no artigo 7.1 da Resolución do 20 de maio de 2019 nin supón o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2019

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade