Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Venres, 23 de agosto de 2019 Páx. 37406

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 8 de agosto de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento BS403E).

BDNS (Identif.): 470838.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán optar a estas axudas as corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nun dos supostos seguintes:

a) Ter en funcionamento unha escola infantil 0-3 ou un punto de atención á infancia da súa titularidade.

b) Ter unha escola infantil 0-3 ou un punto de atención á infancia da súa titularidade que unicamente dependan da dotación do equipamento preciso para o desenvolvemento da actividade para seren postos en marcha no curso 2019/20.

A entidade beneficiaria non poderá ter recibido axudas financiadas con Fondos Estruturais e de Investimento Europeos 2007-2013 (en diante, Fondos EIE 2007-2013) para o mesmo concepto de gasto. No suposto de recursos que unicamente dependan da dotación de equipamento para seren postos en marcha tampouco poderán ter recibido axudas financiadas con Fondos EIE 2007-2013 para a construción da infraestrutura.

2. Todos os equipamentos citados no número anterior deben cumprir os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia; no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, e no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia, así como, se é o caso, na normativa de desenvolvemento.

3. Por outra banda, para poder ser beneficiaria destas axudas a entidade local deberá ter cumprido, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes, o requisito de ter presentadas as contas ás cales se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2017, no Consello de Contas de Galicia.

4. Non se poderá obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes, agás o permiso de inicio da actividade, necesario para o financiamento das actuacións previstas no artigo 3.1.b) que, en todo caso, non poderá ser outorgado con data posterior ao 5 de decembro de 2019.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas ás corporacións locais para a adecuación e mellora das escolas infantís 0-3 e dos puntos de atención á infancia (PAI) da súa titularidade a través da realización de obras menores e da compra de equipamento, na consideración de que a calidade das infraestruturas e do mobiliario e recursos educativos utilizados son un factor básico de impulso da calidade da atención prestada (código de procedemento administrativo BS403E), e convocar ditas axudas para o ano 2019.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 8 de agosto de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento BS403E).

Cuarto. Importe

Financiarase ata o 100 % do investimento subvencionable e unha contía máxima por cada centro de 20.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 15.000 euros para as destinadas á compra de equipamento e mais á integración das novas tecnoloxías na aula.

Cada concello poderá percibir unha axuda máxima de 35.000 euros, con independencia do número de centros para os que presente solicitude.

Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de setecentos once mil novecentos noventa e nove euros (711.999 €), que se imputará á aplicación orzamentaria 13.02.312B.760.0.

As axudas estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020: Obxectivo temático 10. Investir en educación, formación e formación profesional para a adquisición de capacidades e aprendizaxe permanente; prioridade de investimento 10.5. Investir en educación, formación e formación profesional para a adquisición de capacidades e aprendizaxe permanente mediante o desenvolvemento de infraestruturas de educación e formación; obxectivo específico 10.5.1. Mellorar as infraestruturas de educación e formación; actuación 10.5.1.4b. Axudas ao investimento en centros de atención á primeira infancia de 0-3 anos e casas niño; categoría de intervención CE052. Infraestruturas para a atención e a educación da primeira infancia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social