Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Martes, 27 de agosto de 2019 Páx. 37666

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 19 de agosto de 2019 pola que se convoca un curso de prevención de riscos laborais para o persoal dos servizos de prevención e defensa de incendios forestais.

De acordo co convenio de colaboración subscrito con data do 15 de maio de 2019 entre a Central Sindical Independente e de Funcionarios de Galicia (CSIF Galicia) e a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) para a convocatoria e o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar un curso de prevención de riscos laborais para o persoal dos servizos de prevención e defensa de incendios forestais que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Poderá participar na acción formativa convocada nesta resolución o persoal empregado público da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que estea en servizo activo no prazo de presentación de solicitudes, ou que estivese prestando servizos durante o ano 2019 en actividades principais ou auxiliares na defensa, prevención e/ou extinción de incendios forestais, tales como peóns forestais, bombeiros/as forestais, condutores/as de motobomba, emisoristas e vixilantes fixos, así como o que estea ou estivese gozando dun permiso por maternidade ou paternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas, no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Criterios de selección

1. As persoas interesadas serán seleccionadas de acordo cos seguintes criterios:

1º. Unicamente poderá ser seleccionado no curso o persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que participe ou tivese participado no desenvolvemento de tarefas de defensa e/ou extinción de incendios forestais.

2º. Dentro das solicitudes que proveñan do antedito persoal, atenderase a orde de inscrición na correspondente actividade formativa.

2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos/as asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación da relación do alumnado seleccionado

1. A relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas publicarase no enderezo <https://egap.xunta.gal>, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

O prazo de alegacións contra a dita relación será de dez días desde a súa publicación, de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima de tres días anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia nas horas da actividade formativa non poderán superar o 10 % da duración desta. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os/as responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade.

d) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia a un mínimo do 90 % da duración da actividade.

– A realización dunha proba de avaliación que terá lugar ao finalizar a actividade.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Non se expedirán certificados de asistencia sen a superación do curso.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e CSIF poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa e, no suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, reserva para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, todo o cal lle será notificado ás persoas interesadas a través dos medios de notificación previstos na normativa vixente.

2. A EGAP e CSIF resolverán todas as continxencias que poidan xurdir no desenvolvemento e na xestión das actividades, correspóndelle á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

3. A EGAP e CSIF garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV19055.

Prevención de riscos laborais para persoal dos servizos de prevención e defensa de incendios forestais.

1. Obxectivos.

Os diferentes traballadores e traballadoras que participan no desenvolvemento de tarefas de defensa e/ou extinción de incendios, á parte dos riscos intrínsecos derivados desta perigosa actividade, están sometidos a uns riscos moi específicos e concretos froito da utilización, o mantemento e o manexo, en maior ou menor medida, de diversas ferramentas e maquinaria específica para a extinción de lumes.

Do mesmo xeito, o desprazamento urxente e rápido nos diferentes vehículos oficiais a que están sometidos este tipo de traballadores require tomar en consideración unha serie de medidas preventivas moi específicas. Neste contexto, parece imprescindible desenvolver actividades formativas especializadas que posibiliten unha capacitación axeitada a este tipo de persoal coa finalidade de reducir a posibilidade e a probabilidade de sufrir danos derivados da aparición destes riscos.

2. Destinatarios/as.

Persoal empregado público da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que estea en servizo activo no prazo de presentación de solicitudes, ou que estivese prestando servizos durante o ano 2019 en actividades principais ou auxiliares na defensa, prevención e/ou extinción de incendios forestais, tales como peóns forestais, bombeiros/as forestais, condutores/as de motobomba, emisoristas e vixilantes fixos, así como o que estea ou estivese gozando dun permiso por maternidade ou paternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Núm. de edicións: 9.

Duración: 16 horas.

Datas:

– Coruña, A (I): de luns a mércores, 23, 24 e 25 de setembro. Horario: 9.00 a 14.20 h. Lugar: Fundación Raizame. As Xubias de Arriba, nº 15, 15006 A Coruña.

Prazas: 35.

– Coruña, A (II): de luns a mércores, 30 de setembro e 1 e 2 de outubro. Horario: 16.00 a 21.20 h. Lugar: Fundación Raizame. As Xubias de Arriba, nº 15, 15006 A Coruña.

Prazas: 35.

– Lugo (I): de luns a mércores, 23, 24 e 25 de setembro. Horario: 9.00 a 14.20 h. Lugar: Unión Provincial CSIF Lugo. Rúa Conde, 2, baixo posterior, 27003 Lugo.

Prazas: 20.

– Lugo (II): de xoves a sábado, 26, 27 e 28 de setembro. Horario: 9.00 a 14.20 h. Lugar: Unión Provincial CSIF Lugo. Rúa Conde, 2, baixo posterior.

Prazas: 20.

– Ourense (I): de luns a xoves, 7, 8, 9 e 10 de outubro. Horario: 17.00 a 21.00 h. Lugar: Consultoría e Formación Progreso. Rúa Progreso, nº 141, baixo, Ourense.

Prazas: 20.

– Ourense (II): de luns a xoves, 14, 15, 16 e 17 de outubro. Horario: 17.00 a 21.00 h. Lugar: Consultoría e Formación Progreso. Rúa Progreso, nº 141, baixo, Ourense.

Prazas: 20.

– Pontevedra: de mércores a venres, 16, 17 e 18 de outubro. Horario: 16.00 a 21.20 h. Lugar: CSIF Pontevedra. Rúa Marqués de Riestra, 18, 36001 Pontevedra.

Prazas: 20.

– Porriño, O: de mércores a venres, 23, 24 e 25 de outubro. Horario: 15.30 a 20.50 h. Lugar: Edificio Multiusos O Porriño Multicentro de Torneiros. Ribeira, s/n, 36410 O Porriño (Pontevedra).

Prazas: 20.

– Santiago de Compostela: de luns a mércores, 7, 8 e 9 de outubro. Horario: 9.00 a 14.20 h. Lugar: CSIF Galicia. Rúa Valiño, 65, baixo, 15707 Santiago de Compostela.

Prazas: 20.

4. Contido.

• Conceptos básicos preventivos conforme a normativa vixente, e, en concreto, a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e a súa normativa de desenvolvemento.

• Análise e desenvolvemento práctico das disposicións mínimas de seguridade e saúde laboral na utilización dos equipamentos de traballo en tarefas de defensa e extinción de incendios forestais conforme ao Real decreto 1215/1997, do 18 de xullo, no relativo á utilización de maquinaria lixeira (motoserra, por exemplo) e no relativo ao manexo de equipamentos de traballo móbiles pesados (camións, por exemplo) así como no emprego dos EPI que deben levar os traballadores e traballadoras durante os incendios forestais ou os traballos de prevención destes aplicable e conforme o Real decreto 773/1997, do 18 de xullo (cascos, protectores da caluga, traxes ignífugos, luvas, lentes, etc.).

• Riscos específicos asociados ao desenvolvemento das tarefas de defensa e extinción de incendios: atrapamentos, caídas, risco de incendio e queimaduras, riscos hixiénicos, estrés térmico, entre outros. Especial referencia aos accidentes in itinere.