Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Mércores, 28 de agosto de 2019 Páx. 38069

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Resolución do 30 de xullo de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 26 de xullo de 2019, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración da utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia sobre diversos aproveitamentos forestais, dunha instalación eléctrica denominada LAT 132 kV evacuación parque eólico Ourol, sita nos concellos de Ourol e Viveiro (Lugo) (expediente IN408A 2018/18).

De conformidade co previsto no artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, publícase o extracto da resolución indicada no título, cuxo texto completo se pode consultar no Diario Oficial de Galicia número 158, do 22 de agosto de 2019.

Primeiro. Peticionario

Greenalia Wind Power Ourol, S.L.U., con CIF B-94045093 e domicilio na praza de María Pita, 10, 1º, 15001 A Coruña.

Segundo. Obxecto

Evacuación da enerxía eléctrica producida no parque eólico Ourol ata a subestación de Boimente.

Terceiro. Características do proxecto

Liña aérea de 132 kV, cunha lonxitude total de 9.220 m que discorre polos concellos de Ourol e Viveiro. A liña ten un tramo en aéreo e un tramo en soterrado, con orixe na subestación do parque eólico Ourol e fin na SET de Boimente. O orzamento de execución do proxecto é de 1.476.328,54 €.

Cuarto. Consideracións

O proxecto someteuse a información pública mediante a Resolución do 3 de outubro de 2018, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo (DOG núm. 201, do 22 de outubro de 2018).

Para atender as consideracións realizadas por diversos organismos o promotor enviou o 12 de febreiro de 2019 un novo proxecto de execución modificado.

O dito proxecto modificado someteuse a unha nova información pública mediante a Resolución do 7 de marzo de 2019, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo (DOG número 56, do 21 de marzo de 2019).

Durante a tramitación do expediente solicitáronse informes de carácter ambiental aos seguintes organismos: Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral do Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública, Augas de Galicia, Concello de Ourol, Concello de Viveiro, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Os informes remitíronse á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, que emitiu un informe de impacto ambiental o 15 de novembro de 2018 e un novo informe de impacto ambiental o 27 de marzo de 2019.

Quinto. Contido da decisión

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a instalación eléctrica denominada LAT 132 kV evacuación parque eólico Ourol, sita nos concellos de Ourol e Viveiro (Lugo) e promovida por Greenalia Wind Power Ourol, S.L.U.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada instalación eléctrica, titulado Proxecto modificado LAT 132 kV evacuación parque eólico Ourol, 132 kV, xaneiro de 2019, asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Nuñez Ares, e visado co número 20190321 o 11 de febreiro de 2019 no Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOEIG).

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

4. Declarar a prevalencia da utilidade pública da citada instalación eléctrica sobre o interese xeral dos aproveitamentos forestais afectados: M.V.M.C. de Buio e M.V.M.C. da Serra de Loibán, Costa de Cebrán e Pico Raso, segundo o previsto no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Sexto. Condicións

A autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power Ourol, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración. O importe do aval, que será actualizable, fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en 17.143 euros, dos cales 7.347 euros corresponden á fase de obras e 9.796 euros á de desmantelamento e abandono das instalacións.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias.

Para a cancelación do dito aval será preciso o informe favorable do órgano ambiental, logo do levantamento dunha acta de comprobación por parte da Inspección ambiental, conforme establece o referido Decreto 455/1996, do 7 de novembro.

A solicitude de cancelación realizarase a través da Dirección Xeral de Enerxía e Minas e só se poderá efectuar unha vez que estean totalmente rematados os labores de restauración e integración paisaxística e logo de que o promotor acredite, mediante os informes do programa de vixilancia ambiental, a suficiencia e o éxito dos traballos efectuados, tanto os referentes á restauración (coa vexetación debidamente implantada) como ás demais actuacións relacionadas coa imposición do aval ambiental.

2. A instalación eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto que mediante esta resolución se autoriza.

3. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

4. En todo momento se deberá cumprir canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, así como as demais normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación.

5. Así mesmo, deberase cumprir co disposto no informe de impacto ambiental do 15 de novembro de 2018 e o informe sobre proposta de modificación de proxecto do 27 de marzo de 2019, formulados pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, a que se fai referencia no antecedente de feito décimo segundo da presente resolución. Para dar cumprimento ao establecido no artigo 42.2 da Lei 21/2013, relativo ao contido da autorización do proxecto, resúmese a seguinte información contida no informe de impacto ambiental:

– Condicións ambientais establecidas e medidas previstas para prever, corrixir ou compensar os efectos adversos significativos no ambiente, medidas de seguimento e órgano encargado del: punto 4 do IIA.

– Descrición das características do proxecto: punto 1 do IIA e descrición das modificacións do informe sobre proposta de modificación de proxecto.

6. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a Xefatura Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que diten en aplicación da citada facultade.

7. O prazo para solicitar a autorización de explotación será de tres anos, contados a partir do presente outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción. En caso de incumprimento, poderá producirse a súa revogación nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, ou norma que a substitúa.

Unha vez solicitada a autorización de posta en servizo, a Xefatura Territorial será a encargada de emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións o promotor deberá presentar ante a Xefatura Territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións da instalación eléctrica.

9. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

11. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas