Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Mércores, 28 de agosto de 2019 Páx. 37792

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 20 de agosto de 2019 sobre modificación dos prazos de vixencia e adhesión establecidos nos artigos 3 e 4 da Resolución do 26 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativas ao Plan de transición a unha mobilidade eficiente, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2019 (código de procedemento IN421T e IN421U), (Diario Oficial de Galicia número 128, do 8 de xullo).

De acordo co disposto no artigo 3 da resolución e nos artigos 2, 14, 15 e 23 das bases reguladoras o plan inicia a súa vixencia a partir do día seguinte hábil ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 15 de outubro de 2019 ou ata que se esgoten os fondos.

Por outro lado, segundo o artigo 4 da resolución e o artigo 6 das bases reguladoras das axudas, o prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras será de cinco (5) días hábiles contados a partir do día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente convocatoria.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, agás precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Doutra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no cal se indica que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte, antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a recibir numerosas consultas de ampliación de prazo por parte de beneficiarios e de entidades colaboradoras, motivadas nas dificultades existentes para xustificar os vehículos subvencionados na referida data límite, por cuestións de demora nas entregas dos vehículos polos fabricantes.

Na actualidade existe dispoñibilidade orzamentaria suficiente para atender todas as solicitudes recibidas, e dado que o procedemento de asignación e por orde de entrada das solicitudes a ampliación da vixencia non supón prexuízo de terceiros.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite de vixencia que figura no artigo 3 da Resolución do 26 de xuño, polo que a vixencia finalizará o 6 de novembro de 2019 ou ata que se esgoten os fondos. Do mesmo xeito modifícase a data límite que figura nos artigos 2.2; 14.1; 15.1 e 23 das bases reguladoras para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa, ampliando o período de execución das actuacións que se subvencionan e o período para presentar a documentación xustificativa dos investimentos ata o 6 de novembro de 2019.

Segundo. Abrir un novo prazo de adhesión de entidades colaboradoras que comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará na data límite de vixencia do plan. Para solicitar a súa adhesión a entidade colaboradora terá que seguir o procedemento establecido no artigo 6 das bases reguladoras.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos nos artigos 44 e 45.3 da LPACAP.

Cuarto. De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra este acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia