Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Xoves, 29 de agosto de 2019 Páx. 38227

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 14 de agosto de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Universidad Intercontinental de la Empresa.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Universidad Intercontinental de la Empresa, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. O 4 de xullo de 2019, Roberto Barreiro Rodríguez, en nome da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Universidad Intercontinental de la Empresa constituíuse en escritura pública outorgada na Coruña o 17 de xaneiro de 2019 ante o notario Isidoro Antonio Calvo Vidal, con número de protocolo 30, pola Fundación Galicia Obra Social.

3. Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, a Fundación ten por finalidade e obxecto social exclusivo a educación superior mediante a realización das seguintes funcións:

a) A creación, desenvolvemento, transmisión e crítica da ciencia, da técnica e da cultura.

b) A preparación para o exercicio de actividades profesionais que exixan a aplicación de coñecementos e métodos científicos e para a creación artística.

c) A difusión, a valorización e transferencia do coñecemento ao servizo da cultura, da calidade de vida e do desenvolvemento económico.

d) A difusión do coñecemento e a cultura a través da extensión universitaria e a formación ao longo de toda a vida.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por proposta de Abanca Corporación Bancaria, S.A. por Miguel Ángel Escotet Álvarez como presidente; Juan Carlos Escotet Rodríguez e Francisco Botas Ratera; e por proposta da Fundación Galicia Obra Social por José Luis Jiménez Martínez; José Fernández Pernas como vicepresidente e Ricardo Díaz-Casteleiro Romero.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Universidad Intercontinental de la Empresa, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e o artigo 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

6. De conformidade coa dita proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 24 de xullo de 2019 (DOG núm. 149, do 7 de agosto), clasificouse de interese educativo a Fundación Universidad Intercontinental de la Empresa e adscribiuse á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 138/2018, do 8 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Universidad Intercontinental de la Empresa, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 138/2018, do 8 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Universidad Intercontinental de la Empresa.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e o Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e o plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución poderá interporse un recurso de alzada ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2019

Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Universidade e Formación Profesional