Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Venres, 30 de agosto de 2019 Páx. 38363

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 8 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2019-2020. Programa I: subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional (código de procedemento TR341K).

BDNS (Identif.): 471407.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Os centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, a súa organización e funcionamento (DOG núm. 138, do 19 de xullo), sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos no capítulo II das bases reguladoras e, en particular:

a) Que formen parte do seu cadro de persoal traballadores e/ou traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 5.3 da orde que establece as bases reguladoras destas axudas e que se define no punto terceiro deste extracto.

b) Que dispoñan de unidades de apoio á actividade profesional e que estas teñan a composición establecida no artigo 31 das bases reguladoras.

Así mesmo, poderán ser beneficiarias aquelas entidades que, na data de presentación da solicitude de axudas, teñan solicitado a súa cualificación como centro especial de emprego ou ampliación de novos centros de traballo.

Segundo. Obxecto e finalidade

O obxecto deste programa é subvencionar os custos salariais e de Seguridade Social por conta da empresa derivados da contratación indefinida do persoal das unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE.

A finalidade é promover a integración laboral das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción mediante o seu emprego nos CEE da Comunidade Autónoma de Galicia. Galicia.

Terceiro. Persoal destinatario final do programa

As persoas traballadoras dos CEE con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral. Defínense así as persoas que se atopen nalgún seguintes supostos:

a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

Cuarto. Contía e condicións da subvención

As subvencións establecidas neste programa destinaranse a financiar os custos salariais e da Seguridade e Social por conta da empresa derivados da contratación indefinida do persoal traballador das unidades de apoio á actividade profesional nos CEE.

A contía base será de 2.400 euros anuais por cada persoa traballadora apoiada, co tipo e grao de discapacidade indicados no punto terceiro, con contrato indefinido ou contrato temporal de duración igual ou superior a seis meses. Esta contía reducirase proporcionalmente en función da duración dos contratos e da xornada laboral.

Serán subvencionables os custos salariais, incluídos os de Seguridade Social correspondentes ás mensualidades que se indiquen en cada convocatoria de axudas. Nos CEE cualificados sen ánimo de lucro a porcentaxe máxima subvencionable será o 100 % destes custos e nos centros que non estean cualificados como tales subvencionarase, como máximo, o 80 %.

Quinto. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 9 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2019-2020 (código de procedemento TR341K).

Sexto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse novecentos vinte e nove mil euros (929.000 euros), repartidos por anualidades.

Ano 2019: trescentos sesenta e catro mil euros (364.000 €).

Ano 2020: cincocentos sesenta e cinco mil euros (565.000 €).

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 4 de outubro de 2019. Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo. Período subvencionable e xustificación da axuda

Con cargo á anualidade de 2019 subvencionarase o período do 1 de xullo de 2019 ata o 31 de outubro de 2019. A data máxima de xustificación será o 10 de decembro de 2019.

Con cargo á anualidade 2020 subvencionarase o período do 1 de novembro de 2019 ata o 30 de xuño de 2020. A data máxima de xustificación será o 16 de outubro de 2020.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2019

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria