Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 2 de setembro de 2019 Páx. 38549

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2019, do tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, convocado mediante a Orde do 1 de marzo de 2019 (Diario Oficial de Galicia número 48, do 8 de marzo), pola que se dá publicidade a diversos acordos.

En sesións que tiveron lugar o 17 e o 23 de xullo de 2019, ou tribunal nomeado mediante a Orde do 1 de marzo de 2019 (DOG núm. 48, do 8 de marzo) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, convocado mediante a Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG do 8 de marzo),

ACORDOU:

Primeiro. Revisadas, na sesión que tivo lugar o 17 de xullo de 2019, as reclamacións presentadas ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, acórdase:

– Declarar extemporánea a reclamación presentada por Rocío Somoza López o día 12 de xullo de 2019 (entrada 62714/RX 1516754).

– Anular as preguntas 18, 19, 28 e 35, que serán substituídas polas catro preguntas de reserva do exercicio, e desestimar na súa totalidade o resto das reclamacións.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, o exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 10 puntos. Para estes efectos, nos criterios de corrección, valoración e superación do segundo exercicio aprobados polo tribunal o 27 de xuño de 2019 en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio, e publicados no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, estableceuse que superarían o segundo exercicio «as persoas aspirantes presentadas que obtivesen un mínimo de vinte (20) respostas correctas unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas, que descontarán cada unha delas un terzo dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. Asignaráselles a valoración de 10 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 10 e os 20 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito, asignaráselles a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas».

Unha vez feita a corrección en sesión do 23 de xullo de 2019, e consonte os criterios anteriores, superaron o exame un total de 23 aspirantes.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polos aspirantes presentados ao segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, no lugar onde se realizou a proba e no portal web da Xunta de Galicia
funcionpublica.xunta.gal

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De conformidade coa base II.1.1.4 da convocatoria, estarán exentas de realizar o exercicio cuarto, de coñecemento de galego, as persoas aspirantes que acrediten que, dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo, posúen o Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán ser presentados polas persoas aspirantes que superen o segundo exercicio no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola cal o tribunal faga públicas as cualificacións dese exercicio.

Xunto coa resolución anterior, a Dirección Xeral da Función Pública publicará no portal web corporativo (funcionpublica.xunta.gal) unha listaxe de persoas aspirantes na cal figurarán aquelas que, por teren acreditado a posesión do Celga requirido en calquera procedemento competencia da dita dirección xeral, non teñen que presentar a documentación xustificativa da exención.

Sexto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Facenda, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2019

Alfonso García Magariños
Presidente do tribunal