Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 2 de setembro de 2019 Páx. 38552

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2019, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado mediante a Orde do 1 de marzo de 2018, pola que se lle dá publicidade a diversos acordos.

Nas sesións que tiveron lugar o 22 e 23 de xullo de 2019, o Tribunal nomeado mediante a Orde do 1 de marzo de 2019 (DOG núm. 48, do 8 de marzo), para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado mediante a Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG núm. 48, do 8 de marzo),

ACORDOU:

Primeiro. Revisadas, nas sesións celebradas o 22 e 23 de xullo de 2019, as reclamacións presentadas ao abeiro da base II.1.2.7 da convocatoria, desestímanse na súa totalidade.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, superaron o segundo exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de vinte puntos (20 puntos), fixándose en nove (9) o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na dita base da convocatoria. Para estes efectos, tivéronse en conta os criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio aprobados polo tribunal o 18 de xuño de 2019.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polos aspirantes presentados ao segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, no lugar onde se realizou a proba, e no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal

De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Segundo o disposto na base II.1.1.3 da orde da convocatoria, todas as persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio acreditaron que, dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar neste proceso selectivo, estaban en posesión do Celga 3 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 1 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

En consecuencia, decláranse exentas de realizar o terceiro exercicio do proceso selectivo todas as persoas aspirantes que superaron o segundo exercicio.

Quinto. Segundo o disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2019

Dámaso Pérez Vale
Presidente do tribunal