Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 2 de setembro de 2019 Páx. 38556

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2019, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018, pola que se lle dá publicidade a diversos acordos.

En sesións que tiveron lugar o 23 e o 29 de xullo de 2019, o tribunal nomeado pola Orde do 1 de marzo de 2019 (DOG núm. 48, do 8 de marzo), modificada pola Orde do 12 de marzo de 2019 (DOG núm. 51, do 13 de marzo) e pola Orde do 11 de abril de 2019 (DOG núm. 72, do 12 de abril), para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG núm. 47, do 7 de marzo),

ACORDOU:

Primeiro. Revisadas, nas sesións que tiveron lugar o 23 e o 29 de xullo de 2019, as reclamacións presentadas ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, acordouse:

– Anular as preguntas números 2, 13 e 14.

– As preguntas anuladas serán substituídas polas preguntas de reserva cos números 41, 42 e 43.

– Rexeitar as demais reclamacións.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, superaron o segundo exercicio do proceso selectivo os aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de vinte (20) puntos, fixándose en 26 o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na dita base da convocatoria.

Para estes efectos, nos criterios de corrección, valoración e superación do segundo exercicio aprobados polo tribunal o 18 de xuño de 2019 en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio e publicados no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, estableceuse que superarían o segundo exercicio as persoas aspirantes que acadasen as mellores puntuacións no conxunto de todas as quendas, ata completar o número máximo de 75, sempre que obtivesen un mínimo de 15 respostas correctas (unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas, que descontarán cada unha delas un terzo dunha pregunta correcta), asignándose a valoración de 20 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obtivesen unha nota equivalente á nota de corte fixada. Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada que marque o corte considéranse igualmente aprobadas aínda que se superase o número de aspirantes antes indicado (75).

O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 20 e os 40 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito asignarase a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Feita a corrección en sesión do 29 de xullo de 2019 e de acordo cos criterios de corrección acordados polo tribunal o 18 de xuño de 2019, superaron o segundo exercicio un total de 77 aspirantes no conxunto de todas as quendas.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polos aspirantes presentados ao segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, no lugar onde se realizou a proba e no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sexto. De conformidade co disposto na base II.1.1.4 da orde de convocatoria, estarán exentas de realizar o cuarto exercicio para evidenciar o coñecemento da lingua galega as persoas aspirantes que acrediten que, dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo, posúan o Celga 4 ou o equivalente.

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán ser presentados polas persoas aspirantes que superen o segundo exercicio, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación no DOG desta resolución.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2019

Vanessa Cal Ríos
Presidenta do tribunal