Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Mércores, 4 de setembro de 2019 Páx. 38711

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

DECRETO 100/2019, do 26 de xullo, polo que se declaran ben de interese cultural nove esculturas atribuídas ao Mestre Mateo procedentes da desaparecida portada occidental da catedral de Santiago de Compostela.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio histórico, artístico, arquitectónico arqueolóxico de interese para Galicia, sen prexuízo do disposto no número 28 do punto 1 do artigo 149 da Constitución española.

En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, en diante, LPCG, que recolle, no seu artigo 8.2, que: «Terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais».

O artigo 28.2 da LPCG dispón que a declaración dun ben de interese cultural farase mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural. Todo iso, sen prexuízo das competencias que o artigo 6 da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (BOE núm. 155, de 29 de xuño), a partir de agora, LPHE, reserva á Administración xeral do Estado.

Mediante a Resolución do 22 de xaneiro de 2018 (DOG núm. 25, do 5 de febreiro), a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acordou incoar o expediente para declarar ben de interese cultural como patrimonio moble a serie das nove esculturas coñecidas do Mestre Mateo procedentes da desaparecida fachada occidental da catedral de Santiago.

A resolución describe os seus valores, expón a correspondente normativa protectora e abre o procedemento incoado a trámite de información pública, no cal non se presentaron alegacións.

Na tramitación deste expediente cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coas disposicións vixentes, ademais de contar cos informes da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, o Consello da Cultura Galega e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, segundo se establece no artigo 18.2 da LPCG, que como órganos consultivos informaron favorablemente en relación co carácter sobranceiro das pezas.

Cómpre indicar que a Real Academia de Belas Artes propuxo a extensión da declaración como ben de interese cultural a toda a obra do Mestre Mateo e ao seu obradoiro en Santiago de Compostela, que poderá ser avaliada noutro trámite sen que iso se opoña ao valor sobranceiro recoñecido a estas esculturas en concreto.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de xullo de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por finalidade declarar ben de interese cultural cada unha das nove esculturas procedentes da desaparecida portada exterior occidental da catedral de Santiago de Compostela, atribuídas ao Mestre Mateo y ao seu obradoiro, e concretar os valores sobranceiros que posúen e que xustifican a súa declaración, conforme a descrición e as condicións descritas nos anexos I e II.

Artigo 2. Réxime de protección

1. Será de aplicación o establecido nos capítulos I a III do título II e os capítulos I e V do título III da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección e que, en concreto, poden resumirse nas seguintes obrigas:

a) Deber de conservación: conservar, manter e custodiar debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

b) Acceso: permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios. O acceso por parte das persoas acreditadas para a investigación poderase substituír, por petición da propiedade, polo seu depósito na institución ou entidade que sinale a consellería competente en materia de patrimonio cultural. O período de depósito, salvo acordo en contrario entre ambas as partes, non poderá exceder os dous meses cada cinco anos.

c) Deber de comunicación: comunicar á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufrise e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

d) Visita pública: permitir a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente. Poderase acordar como obrigación substitutiva o depósito do ben nun lugar que reúna as adecuadas condicións de seguridade e exhibición durante un período máximo de cinco meses cada dous anos.

e) Dereito de tanteo e retracto: notificar á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de gozar do ben, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela, e a identidade da persoa adquirente. Se a pretensión de transmisión e as súas condicións non foren notificadas correctamente, poderase exercer o dereito de retracto no prazo dun ano a partir da data en que a Administración teña coñecemento das súas condicións.

f) Réxime de traslado: solicitar á consellería competente en materia de patrimonio cultural a autorización para o traslado dos bens, que será anotado no Rexistro de Bens de Interese Cultural. Indicaranse a súa orixe e destino, o carácter temporal ou definitivo do traslado e as condicións de conservación, seguridade, transporte e, se é o caso, aseguramento.

2. Así mesmo, a súa protección está sometida ao que se establece no artigo 6 da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE) en materia de exportación ilícita e espolio.

Disposición adicional primeira. Inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia

Esta declaración de ben de interese cultural de cada unha das nove esculturas procedentes da desaparecida portada exterior occidental da catedral de Santiago de Compostela, atribuídas ao Mestre Mateo e o seu taller, se inscribirá individualmente no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicarase ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración Xeral do Estado.

Disposición adicional segunda. Publicidade

Este decreto publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Disposición adicional terceira. Notificación

Esta declaración de ben de interese cultural, como patrimonio moble, de cada unha das nove esculturas procedentes da desaparecida portada exterior occidental da Catedral de Santiago de Compostela, atribuídas ao mestre Mateo e ao seu obradoiro, notificarase ás persoas e institucións interesadas.

Disposición adicional cuarta. Recursos

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación perante o órgano que ditou o acto ou, directamente, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira única. Eficacia

Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xullo de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

ANEXO I

Descrición das nove esculturas procedentes da desaparecida portada
exterior occidental da catedral de Santiago de Compostela,
atribuídas ao Mestre Mateo e ao seu obradoiro

1. Denominación, descrición e localización.

O Mestre Mateo, para solucionar o desnivel do terreo nos pés da nave central da catedral de Santiago de Compostela, proxectou unha fachada aberta cun grande arco central que permitía a visión do Pórtico da Gloria desde o exterior, erixida a partir de 1168.

Así pois, antes da modificación da fachada occidental no 1521 e substitución definitiva a mediados do século XVIII pola actual do Obradoiro, o pórtico tería cara ao exterior un nártex moi pouco coñecido ata o de agora, cuxo programa escultórico completaba a súa mensaxe e do que conservamos una pequena serie de esculturas, que outrora terían unha colocación similar á das estatuas-columna da parte interior.

A serie de esculturas que outrora integraban esta figuración monumental que Mateo propón para a entrada occidental da catedral de Santiago e que foron desmontadas coa transformación da fachada, aínda que estean fóra do seu contexto orixinal, permiten a identificación dos proxectos arquitectónicos superpostos que implican un profundo cambio da arquitectura do templo catedralicio durante o proceso construtivo, outorgándolle personalidade á obra construída e completando a mensaxe do Pórtico da Gloria.

As estatuas-columna integrantes do nártex da desaparecida fachada occidental da catedral de Santiago coñecidas ata hoxe son nove, distinguíndose como elementos sobranceiros do patrimonio cultural galego polo seu significado, a súa procedencia, as súas particularidades e a xenialidade do seu autor.

A relación individualizada das nove estatua-columna é:

1. Rei David. Dimensións: 160×51×48 cm. Cronoloxía: ca. 1188-1200. Localización: escalinata do Obradoiro (actualmente, Museo Catedral de Santiago).

Figura sedente en cadeira de tesoira, rematada por cabezas de león. O rei, que viste roupas con abundantes pregos, tanxe un arpa-salterio coa man dereita, mentres axusta a tensión das cordas coa esquerda. A figura vai tocada con coroa real, que deixa caer os caracois da melena. Foi incorporada ao programa ornamental, xunto coa do rei Salomón, da escalinata da portada barroca do Obradoiro no século XVIII.

2. Rei Salomón. Dimensións: 164,5×58×43 cm. Cronoloxía: ca. 1188-1200. Localización: escalinata do Obradoiro (actualmente, Museo Catedral de Santiago).

En conxunción coa escultura do rei David, Salomón tamén se presenta sedente en cadeira de tesoira, rematada por cabezas de león. A escultura resulta menos harmoniosa porque a cabeza orixinal, destruída por un raio no 1729, substituíuse pola actual de factura torpe e pesada. Presenta a iconografía inequívoca de Salomón coa man dereita orlada polo manto e a esquerda, apoiada no xeonllo, porta cetro con remate floral.

3. Abraham ou Xeremías?. Dimensións: 169×66×50 cm. Cronoloxía: 1188. Localización: colección particular.

O ancián de longas cabeleira e barba, distribuídas cos guechos típicos de Mateo, preséntase sedente, lixeiramente volto cara á esquerda respecto do espectador e descalzo, portando unha cartela na man esquerda á altura dos xeonllos e suxeitando o manto que o cobre coa dereita. O patriarca parece vestir unha túnica por embaixo do manto.

4. Isaac ou Ezequiel?. Dimensións: 173×70×51 cm. Cronoloxía: 1188. Localización: colección particular.

Iconograficamente, esta figura manifesta un gran paralelismo coa anterior, presentándose case que idéntica en efecto espello, como corresponde a dúas esculturas concibidas para estar enfrontadas. A diferenza maior entre ambas atópase na xestualidade e na cartela que, neste caso, porta coa man dereita á altura do peito mentres sinala a ela coa man esquerda.

5. Enoc?. Materia: granito. Dimensións: . Cronoloxía: 1188. Localización: Museo de Pontevedra.

Esta figura flexiona lixeiramente a perna esquerda, pero sen chegar a tocar a oposta, sobre a cal discorre o bastón, que queda tras a cartela despregada e suxeita coa man dereita á altura do peito. A man esquerda repite unha postura que adoitan outros personaxes do pórtico, que ten o xesto de sinalar co dedo índice a cartela, seguramente onde a policromía recollería o seu nome.

6. Elías?. Autor: Mestre Mateo. Materia: granito. Dimensións: . Cronoloxía: 1188. Localización: Museo de Pontevedra.

O patriarca leva a súa man dereita ao barbarote, e deixa caer tras dela unha curiosa barba trenzada. Cruza o seu pé esquerdo sobre o oposto, coa perna flexionada e envolve o bastón que asoma pola parte superior do torso. Porta o rolo na man esquerda cos dedos bastante abertos e escórreo por diante das pernas, sen ocupar o torso.

7. Rei bíblico/Fernando II de León/Santiago Miles Christi?. Dimensións: 157×53×45 cm. Cronoloxía: ca. 1188-1211. Localización: Colección particular.

De iconografía imprecisa, trátase dunha peza de encaixe perfecto no programa da fachada mateana, pero cunhas singulares características estilísticas e iconográficas, que lle reserva un lugar privilexiado entre os investigadores.

8. Cabeza de estatua-columna. Dimensións: 33,5×24×22 cm. Cronoloxía: Ca. 1188-1200. Localización: colección particular en depósito Museo da Catedral de Santiago.

Cabeza de varón barbado, co cabelo e a barba resolto cos característicos guechos rematados nos extremos con rizos que presentan outras figuras do Pórtico da Gloria. Rostro tranquilo, labios finos que parecen esbozar un leve sorriso, de proporcións idénticas que as outras figuras. Os paralelismos que reforzan a súa orixe levarían a identificala como pertencente a unha das estatuas-columna esculpidas deste xeito característico, separado do corpo, cun apéndice na súa parte inferior que serve para fixala ao corpo da estatua.

9. Figura masculina con cartela (Profeta Malaquías?). Dimensións: 188×60×45 cm. Cronoloxía: ca. 1188-1211. Localización: Museo Catedral de Santiago.

No ano 2016, entre o recheo da torre das campás da catedral, apareceu esta estatua-columna cuxas características formais e estilísticas a vinculan de xeito inequívoco coa desaparecida portada mateana. Probablemente sexa unha das pezas que se retiraron na primeira intervención realizada na portada para colocarlle portas. A figura está decapitada, feito habitual para que a imaxe perdese o seu sentido sacro. Conserva a aureola de similar diámetro que as súas compañeiras do pórtico. O arranque co pescozo esboza a postura da cabeza, que se inclinaría cara a abaixo como o resto das estatua-columnas do pórtico, concibidas para seren vistas polos fieis desde abaixo. A ausencia de melena ou barba polo torso indica que representa un personaxe novo, seguindo as pautas de representación utilizadas para profetas e apóstolos. Evidencia un marcado hieratismo na postura, seguramente determinado pola súa localización na fachada, probablemente cara a un extremo. Os brazos discorren pegados ao corpo e suxeitan entre ambas as mans unha cartela en disposición horizontal á altura das súas coxas e sen restos de policromía do texto que presentaría. O vínculo co obradoiro mateano establécese polo traballo dos panos, a labra das mans longas e con uñas e a postura dos pés descalzos sobre unha cornixa.

ANEXO II

Consideracións específicas relativas ás esculturas
do Rei David e o Rei Salomón

As pezas 1 e 2, que representarían ao rei David e ao rei Salomón e formaría parte da decoración da desaparecida fachada occidental, foron posteriormente integradas na decoración do peitoril da escalinata do Obradoiro da catedral de Santiago.

O 9 de agosto de 2016, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural autorizou a súa desmontaxe e traslado, segundo a petición da Fundación Catedral de Santiago, para formar parte da exposición «Maestro Mateo» no Museo Nacional del Prado en Madrid e posteriormente no propio Pazo de Xelmírez en Santiago de Compostela. A desmontaxe e traslado naquel momento indicábase na resolución da Dirección Xeral que tiña «carácter temporal estando previsto que as esculturas retornen ao seu emprazamento actual».

Posteriormente, o 25 de xaneiro de 2018, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural autorizou a solicitude da Fundación Catedral de Santiago para o traslado ás salas do Museo Catedralicio para garantir as condicións de conservación preventiva necesarias perante as causas de deterioración de índole externa imposibles de controlar se non é mediante o traslado a un espazo resgardado da intemperie. Tal consideración conta cos informes favorables do Consello da Cultura Galega, da Real Academia Galega de Belas Artes e do departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela.

Nesta resolución fanse dúas consideracións relevantes para a custodia e interpretación das imaxes que deben ser resoltas como condición para a incorporación definitiva ao Museo:

• A conveniencia ou non de retirar a cabeza non orixinal do rei Salomón, engadida por mor da destrución da orixinal por un raio en 1729, xa que esta parte desmerece do resto da figura.

• A instalación de réplicas das figuras do rei David e do rei Salomón na escalinata de acceso á fachada occidental, na cal tiveron unha longa permanencia (desde comezos do século XVIII) e da cal formaron un espazo inseparable a nivel histórico e artístico. As devanditas réplicas deberán ser de gran calidade, no mesmo material que as orixinais tanto en composición mineralóxica, tamaño de gran e tonalidade, descartando a elaboración de moldes en contacto directo sobre os orixinais pero respondendo fielmente ás orixinais en todas as súas partes.