Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Mércores, 11 de setembro de 2019 Páx. 39845

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 2 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2019/20 (código de procedemento ED421A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, respectando a autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.

No artigo 108.1 da referida lei establécese que, sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.

No ámbito da súa competencia, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a través da Secretaría Xeral de Universidades, desenvolve anualmente diversas liñas de axuda ao alumnado de ensino universitario encamiñadas a favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

A educación universitaria desempeña un papel fundamental na proporción de capital humano cualificado e formado que Galicia necesita para xerar emprego xa que mellora as posibilidades individuais e dota de coñecementos e competencias que inciden nos niveis de empregabilidade.

Mellorar a empregabilidade dos/das mozos/as, aumentar a calidade e a estabilidade do emprego, promover a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado laboral e fomentar o espírito emprendedor son algúns dos retos da sociedade actual. Nos últimos anos incrementouse o número de persoas que desexan formarse e especializarse, sendo as máis interesadas as persoas tituladas desempregadas, ben por estaren fóra do tramo de idade convencional ou non teren experiencia profesional ben polo acceso restrinxido que teñen aos recursos financeiros.

A realización dun máster universitario posibilita que o alumnado poida adquirir unha formación avanzada orientada á especialización académica ou profesional que mellora o seu acceso a un mercado de traballo globalizado.

Na súa consecuencia, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional considera prioritario continuar apoiando as persoas tituladas universitarias en situación de desemprego co fin de mellorar as súas perspectivas de incorporación ao mercado de traballo a través desta orde de axudas, destinada a financiar os gastos derivados da matrícula nun máster universitario oficial no Sistema universitario de Galicia.

Esta orde axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas destinadas a financiar os gastos derivados da matrícula no curso académico 2019/20 de persoas desempregadas con titulación universitaria matriculadas nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia (código de procedemento ED421A).

Artigo 2. Orzamento

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, cunha contía global de 120.000 euros, sen prexuízo de poder ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería, de conformidade cos supostos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

Poderán solicitar estas axudas as persoas tituladas universitarias que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar en situación de desemprego na data de presentación da solicitude.

b) Ter rematados os estudos universitarios que dan acceso aos estudos do máster universitario con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2017.

c) Estar matriculado no curso académico 2019/20 nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia, dun mínimo de 60 créditos, excluídos os créditos recoñecidos, validados ou adaptados.

d) Non estar incluídas nos casos de exención total de matrícula previstos no artigo 12 do Decreto 73/2019, do 4 de xullo (DOG núm. 131, do 11 de xullo), polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2019/20.

e) Non ter gozado desta axuda en convocatorias anteriores.

Artigo 4. Contía da axuda

1. A contía da axuda cubrirá o importe das materias matriculadas por primeira vez, ata un máximo de 60 créditos, do máster universitario oficial segundo os prezos públicos establecidos no anexo do Decreto 73/2019, do 4 de xullo, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2019/20 (DOG núm. 131, do 11 de xullo).

Para os incluídos no punto 1.2 do anexo do decreto a contía máxima asignada será de 835,8 euros para os da epígrafe A) e de 591 euros para os da epígrafe B).

Para os incluídos no punto 1.3 do anexo do decreto a contía máxima asignada será de 1.881,6 euros para os da epígrafe A) e de 1.296,6 euros para os da epígrafe B).

2. A axuda só alcanzará para a realización dun único máster universitario.

3. Quedan excluídas do importe da axuda as exencións e bonificacións do pagamento das taxas ás que tiver dereito a persoa beneficiaria.

4. A repartición da axuda efectuarase en función dos criterios da avaliación previstos no artigo 12 desta orde ata esgotar a asignación orzamentaria ou o seu incremento, se for o caso.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ao teren as persoas incluídas no ámbito subxectivo as competencias técnicas e dispoñibilidade de acceso aos medios electrónicos necesarios para formalizar as solicitudes.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Unha vez completada a solicitude, deberá ser asinada pola persoa interesada con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviala polo procedemento electrónico establecido; quedará así presentada para todos os efectos. Non se terán en conta aquelas solicitudes formalizadas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e obteñan o xustificante de solicitude, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación da súa solicitude no prazo e forma establecidos.

2. As solicitudes subscribiraas electronicamente a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

4. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 21 de outubro de 2019.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa representación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 7. Comprobación de datos

Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

1. DNI ou NIE da persoa solicitante.

2. DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.

3. Vida laboral dos últimos 12 meses.

4. Título universitario oficial español que dá acceso ao máster.

5. Certificado da universidade correspondente en que deberá figurar o máster universitario oficial en que está matriculada a persoa solicitante, os créditos matriculados no curso académico 2019/20, excluídos os recoñecidos, validados e adaptados, e o importe dos créditos aboados polo/a alumno/a.

6. Un informe de períodos de inscrición como demandante de emprego expedido pola correspondente oficina de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, que determinará o número de días de inscrición ininterrompida ata a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

7. Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

8. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

9. Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberanos realizar electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a listaxe definitiva das persoas beneficiarias das axudas e a contía destas e a listaxe das solicitudes denegadas.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional www.edu.xunta.gal tanto as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas como as listaxes definitivas.

Artigo 10. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

1. A Secretaría Xeral de Universidades, rematado o prazo de presentación de solicitudes e tras examinar estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e excluídas, e os motivos de exclusión, na páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional: www.edu.xunta.gal/ na epígrafe de Ensinanza/Universidade.

2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez (10) días. Durante ese prazo, poderán emendar erros e a falta de documentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, e achegarán, se for o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 11. Comisión avaliadora

1. A comisión avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.

Vogais: dous/dúas representantes da Secretaría Xeral de Universidades.

Secretario/a: a xefa do Servizo de Apoio e Orientación aos/as Estudantes Universitarios/as, que actuará con voz e voto.

2. A comisión avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de persoas expertas na materia obxecto da convocatoria.

3. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún/algunha dos/das compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 12. Criterios de avaliación

1. A selección das solicitudes que cumpren os requisitos establecidos na convocatoria será realizada pola comisión avaliadora atendendo á seguinte orde de prelación:

a) En primeiro lugar terán preferencia as solicitudes daquelas persoas que leven máis días inscritas ininterrompidamente no Servizo Público de Emprego de Galicia sempre e cando acaden os 180 días e non teñan outra titulación de máster oficial. Os días de inscrición contaranse ata o último día de prazo de presentación de solicitudes.

b) En segundo lugar, terán preferencia as solicitudes daquelas persoas que leven máis días inscritas ininterrompidamente no Servizo Público de Emprego de Galicia sempre e cando acaden os 180 días e xa teñan outra titulación de máster oficial. Os días de inscrición contaranse ata o último día de prazo de presentación de solicitudes.

c) En terceiro lugar, terán preferencia as solicitudes daquelas persoas que dispoñan de máis días de inscrición ininterrompida no Servizo Público de Emprego de Galicia sen acadaren os 180 e non teñan outra titulación de máster oficial. Os días de inscrición contaranse ata o último día de prazo de presentación de solicitudes.

d) En cuarto lugar, terán preferencia as solicitudes daquelas persoas que dispoñan de máis días de inscrición ininterrompida no Servizo Público de Emprego de Galicia sen acadaren os 180 e xa teñan outra titulación de máster oficial. Os días de inscrición contaranse ata o último día de prazo de presentación de solicitudes.

e) En último lugar terá preferencia o resto de solicitudes.

2. En caso de empate entre dous ou máis solicitantes, procederase ao desempate atendendo á maior antigüidade na data de obtención do título que dá acceso aos estudos de máster universitario, para o que se terá en conta o mes e o ano en que superaron os estudos conducentes ao mencionado título.

Artigo 13. Proposta de resolución

Unha vez efectuada a selección, a comisión avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta á conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional para a adxudicación das axudas mediante a correspondente resolución.

Artigo 14. Resolución

1. A resolución terá o seguinte contido:

a) Listaxe das persoas beneficiarias das axudas e a súa contía.

b) Listaxe de solicitudes denegadas por non reuniren algún ou algúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou por terse esgotado a asignación orzamentaria ou o seu incremento, se for o caso.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses e comezarase a contar desde o día seguinte ao da data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión das axudas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (www.edu.xunta.gal) pola que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 15. Pagamento

O aboamento das axudas farase efectivo mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada pola persoa beneficiaria.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

a) Informar o órgano que concede a axuda da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

b) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei  /2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Acreditar mediante certificación que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.

d) Seguir durante o curso académico os estudos en que se atope matriculada e non anular a matrícula.

e) Concorrer a exame e superar, como mínimo, 30 créditos dos matriculados en convocatoria ordinaria e extraordinaria.

f) Remitir á Secretaría Xeral de Universidades antes do 15 de agosto de 2020, unha vez rematado o curso, unha certificación ou extracto do expediente académico dos estudos cursados.

Artigo 17. Incompatibilidade, modificación e reintegro das axudas

1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou a entidade que a conceda.

Non será admisible a percepción de máis dunha axuda para o aboamento dos prezos por servizos académicos das previstas nesta convocatoria, aínda que se solicite para estudos diferentes.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada de conformidade co establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O incumprimento total ou parcial por parte da persoa beneficiaria de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que puideren corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivaron a súa concesión.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional segunda. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias destas bolsas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file