Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Mércores, 11 de setembro de 2019 Páx. 39841

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 30 de agosto de 2019, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da modificación puntual número 7 do Plan xeral de ordenación municipal de Sanxenxo, para a delimitación do núcleo rural de Soutullo.

O Concello de Sanxenxo remite a modificación puntual de referencia, solicitando a súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 78.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e o artigo 191 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento (RLSG).

Logo de analizar o proxecto da DSNR de Soutullo, redactado por Urbes Gestión del Suelo, S.L. en abril 2018; e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Sanxenxo conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente polo Pleno do Concello do 27.2.2003 (BOP do 20.3.2003 e DOG do 19.3.2003).

2. O 9.5.2016 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental inicia o período de consultas no procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada (expediente 2016AAE1891) da modificación puntual número 7 do PXOM de Sanxenxo.

3. O 11.6.2016 formúlase o informe ambiental estratéxico da modificación, polo que se resolve non sometela ao procedemento de avaliación ambiental ordinaria, e ao que se lle achegan os informes da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 4.7.2016, do Servizo de Montes do 16.5.2016 e da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica do 14.6.2016.

4. Realizouse o trámite de información pública por dous meses, mediante anuncios no DOG do 10.1.2017, e nos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo do 8.9.2017; e notifícouse aos propietarios catastrais afectados. Foron presentadas 12 alegacións.

5. O Concello solicitou informe a: Subdelegación do Goberno;, Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (consta informe da Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar do 6.6.2018); Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo (informe da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do 4.10.2017); Augas de Galicia; Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (informe en materia de residuos do 20.10.2017; Instituto de Estudos do Territorio (informes do 16.11.2017 e 14.6.2018); Comisión Técnica de Accesibilidade (16.2.2018); Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (27.11.2017); Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (2.11.2017).

6. Consta no informe técnico e xurídico do 16.7.2018, que non se recibiron os informes solicitados á Subdelegación do Goberno, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (constan posteriormente informes extemporáneos de 17.1.2019 e 8.5.2019, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e de Augas de Galicia).

7. Foi requirido informe aos concellos de Meaño (Acordo da Xunta de Goberno Local do 20.3.2018); Concello de Poio (Acordo do Pleno municipal do 27.3.2018) e Concello do Grove (Acordo da Xunta de Goberno Local do 20.3.2018).

8. Foi emitido informe técnico e xurídico municipal favorable, o 16.7.2018; e informe do secretario, o 17.7.2018.

9. A modificación puntual número 7 do PXOM de Sanxenxo para a delimitación do núcleo rural de Soutullo foi aprobada provisionalmente polo Pleno do Concello o día 30.7.2018.

10. Deuse resposta aos requirimentos do Servizo de Urbanismo achegando copia dos informes da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en materia de costas, do 20.11.2018; Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, do 17.10.2018; e cumprindo o informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 17.1.2019 (consta informe favorable desa dirección xeral do 8.5.2019).

II. Obxecto da modificación puntual.

A modificación puntual ten por obxecto a reclasificación dun ámbito de 35.917,00 m², clasificado actualmente como solo urbanizable non sectorizado (de conformidade coa DT.1ª.2.b da LSG aplícaselle o réxime do solo rústico común, sen prexuízo do establecido no artigo 34 da LSG) como solo de núcleo rural común, con ordenanza de aplicación a ordenanza 12 do PXOM, de solo de núcleo rural.

III. Análise e consideracións.

1. Canto ao informe emitido no período de consultas por esta Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, o documento dá resposta ás cuestións sinaladas, eliminando da delimitación do núcleo os crecementos artificiosos sen xustificación; e incorpora os condicionantes derivados dos informes sectoriais.

2. Polo que respecta á adaptación ao Plan de ordenación do litoral, o novo ámbito de solo de núcleo rural común proposto na modificación, está situado na área continua de mellora ambiental e paisaxística do POL, dentro das unidade de paisaxe 06_04_336 (praia de Magor) e 06_03_327 (O Vao). O extremo sur da delimitación ten unha pequena incidencia do corredor ecolóxico delimitado no POL asociado ao Rego do Souto.

Segundo a cartografía de usos e elementos para a valoración do POL, os terreos afectados atópanse en gran parte artificializados, como consecuencia da súa ocupación por construcións de vivenda unifamiliar de carácter recente, caracterizados como asentamento de nova agrupación, que foron incluídas dentro do agregado urbano da beira norte da ría de Pontevedra. Tamén se recollen pequenas masas forestais de repoboación e de matogueiras.

A delimitación proxectada recolle un ámbito parcialmente edificado, permitindo a edificación nas parcelas intersticiais, sen incidencia na fronte costeira, polo que se entende que se cumpren os principios do POL para a área de mellora ambiental e paisaxística, que debe preservarse dos procesos de ocupación dispersos, difusos e incoherentes co modelo territorial do POL, procurando minimizar a ocupación do solo (artigos 12 e 36.c) do POL) e evitando o crecemento en dirección á costa sobre áreas actualmente vacantes.

A incidencia da delimitación no corredor ecolóxico non resulta significativa, mantendo a súa conectividade. En todo caso, en base ao artigo 3 da normativa do POL, unha vez recoñecida a súa condición de núcleo rural, resulta fóra do seu ámbito de aplicación.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral que teña por obxecto a delimitación do solo de núcleo rural, corresponde á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de conformidade co disposto no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 10 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das Consellerías da Xunta de Galicia modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a Modificación puntual número 7 do Plan xeral de ordenación municipal de Sanxenxo para a delimitación do solo de núcleo rural de Soutullo.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio esta delimitación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa da delimitación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2019

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo