Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Venres, 13 de setembro de 2019 Páx. 40166

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 10 de setembro de 2019 pola que se modifica o prazo de presentación da licenza municipal de obra e dos diferentes permisos administrativos previstos na Orde do 16 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 (códigos de procedemento MR405A, MR404A e MR405B).

A Orde do 16 de maio de 2019 (publicada no DOG nº 94, o 20 de maio de 2019) pola que se convocan para o ano 2019 as axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, establece no artigo 21 como prazo máximo para presentar a correspondente licenza municipal de obras ou calquera outro permiso administrativo o 15 de setembro do 2019.

E ante as peticións de diferentes organismos para prolongar o dito prazo co fin de poder emitir os preceptivos permisos, cómpre ampliar o dito prazo de presentación da licenza municipal e do resto dos permisos administrativos.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do prazo de presentación de permisos administrativos

A data de presentación da licenza municipal e do resto dos permisos administrativos prevista no artigo 21 da Orde do 16 de maio de 2019 ata o 15 de setembro de 2019 amplíase ata o 15 de outubro de 2019, inclusive.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2019

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural