Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Luns, 16 de setembro de 2019 Páx. 40272

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 13 de agosto de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das axudas destinadas a persoas traballadoras afectadas por procedementos de regulación de emprego de suspensión de contratos de traballo por causa de forza maior, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento TR820D).

A Axenda 20 para o Emprego da Xunta de Galicia ten como misión principal apoiar as persoas e as empresas na creación de emprego estable e de calidade, para procurar que este emprego se manteña é, polo que, con carácter excepcional, e para situacións de emerxencia, se pon en marcha un programa de axudas coa finalidade de compensar as perdas económicas que sofren as persoas traballadoras afectadas pola suspensión do seu contrato por causa de forza maior. Trátase, polo tanto, de adoptar medidas de tipo social co fin de minorar os efectos negativos que para as persoas traballadoras derivan dos procedementos de regulación de emprego suspensivos por causa de forza maior.

O obxecto, polo tanto, deste novo programa é reparar e paliar as situacións de necesidade que se orixinan pola perda de ingresos que sofren as persoas traballadoras que non poden desempeñar a súa prestación laboral, como consecuencia dun acontecemento catastrófico, tales como terremotos, maremotos, incendios, inundacións, pragas, explosións, tormentas de vento e mar, que provoque a destrución total ou parcial das instalacións do seu centro de traballo, impedindo temporalmente a continuidade total ou parcial da actividade empresarial.

Así, durante o tempo que dure o proceso de reparación e reconstrucións das instalacións afectadas en que prestan servizos as persoas traballadoras, estas percibirán unha axuda económica que compense a súa perda de poder adquisitivo.

As bases que rexen estas axudas establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e co obxecto do programa non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, se non que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Á Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Secretaría Xeral de Emprego, con base no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, que establece a súa estrutura orgánica, correspóndelle a execución das competencias en materia de política laboral e relacións laborais.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a convocatoria pública das axudas para compensar a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras afectadas por procedementos de regulación de emprego de suspensión de contratos por causa de forza maior, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (TR820D).

2. Así mesmo, xunto con esta orde, procédese á convocatoria das citadas axudas para o ano 2019.

CAPÍTULO II

Bases reguladoras

Artigo 2. Obxecto das bases reguladoras

Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas para compensar a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras afectadas por procedementos de regulación de emprego de suspensión de contratos por causa de forza maior, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Normativa reguladora

As solicitudes, a tramitación e a concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 39/2015, do 1 de novembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no disposto nesta orde de bases.

Artigo 4. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas, nos termos recollidos na presente orde, as persoas traballadoras que reúnan os seguinte requisitos:

a) Que estean ou estivesen afectadas por un procedemento de regulación de emprego de suspensión de contratos de traballo por causa de forza maior durante o período subvencionable que se establece nesta orde. Considérase que a persoa traballadora está afectada cando teña ou tiver o seu contrato suspendido no período subvencionable, en polo menos unha xornada laboral completa. Poderán beneficiarse das axudas as persoas con contrato de traballo a tempo completo e a tempo parcial.

b) Que o procedemento de regulación de emprego afecte, dentro do período subvencionable, algún centro de traballo da empresa situado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que a causa de forza maior derive de acontecementos catastróficos, imprevisibles ou que, sendo previstos, fosen inevitables, como terremotos, maremotos, incendios, inundacións, pragas, explosións, tormentas de vento e mar, sempre que supoñan a destrución total ou parcial das instalacións do centro de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia, impedindo a continuidade total ou parcial da actividade empresarial.

d) Que a causa de forza maior for constatada por resolución da autoridade laboral competente.

e) Que os seus ingresos brutos mensuais, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias, non superen 2.000 euros ou a cantidade proporcional nos supostos de persoas traballadoras vinculadas á empresa por contrato de traballo a tempo parcial.

2. Non poderán ser beneficiarias as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, ou algunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Devindicación, contía e duración da axuda

1. Devindicación:

A axuda económica devindicarase por xornada laboral completa de suspensión de contrato dentro do período subvencionable.

2. Contía:

A contía da axuda fixarase en 7 ou 10 euros por xornada completa efectiva de suspensión de contratos, segundo o tramo de base de cotización por continxencias comúns a que pertenza a persoa traballadora, de acordo coa seguinte escala:

a) Para bases de cotización de ata 1.800 €, unha axuda de 10 € por cada xornada completa de suspensión.

b) Para bases de cotización superiores a 1.800 €, unha axuda de 7 € por cada xornada completa de suspensión.

Esta contía entenderase para persoas traballadoras que teñan contrato de traballo a xornada completa. No suposto de persoas traballadoras con contrato a tempo parcial, as bases de cotización entenderanse reducidas proporcionalmente, dando lugar á redución proporcional da contía da axuda.

3. Duración:

A axuda estenderase a todas as xornadas laborais completas de suspensión que se produzan dentro do período subvencionable establecido na convocatoria.

Artigo 6. Compatibilidade

1. As axudas recibidas ao abeiro desta orde serán incompatibles con outras axudas públicas que se percibisen para a mesma finalidade.

2. A percepción desta axuda é compatible coa percepción da prestación por desemprego e con posibles complementos que a empresa acorde achegar, sempre e cando exista unha perda de poder adquisitivo para a persoa traballadora.

Artigo 7. Procedemento de concesión da axuda

1. O procedemento de concesión das axudas ao abeiro desta orde será o de concorrencia non competitiva, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dado que polo obxecto e a finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas.

2. Dado o carácter permanente das presentes bases reguladoras, e salvo que se producise modificación nalgún dos seus artigos que dará lugar á aprobación dunhas novas bases, a Secretaría Xeral de Emprego publicará para cada exercicio no Diario Oficial de Galicia, unha vez aprobado o proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para cada ano, unha resolución para convocar as axudas establecidas nestas bases reguladoras.

3. En todo caso, a resolución de concesión da axuda estará supeditada á existencia de dispoñibilidade orzamentaria que se habilite na correspondente convocatoria anual.

4. O crédito que se estableza inicialmente para cada ano poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Se despois da correspondente ampliación o orzamento asignado non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora de presentación.

Artigo 8. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponderalle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 9. Período subvencionable

Será o que se estableza na resolución da Secretaría Xeral de Emprego para cada convocatoria anual.

Artigo 10. Solicitudes

1. As solicitudes de axuda poderán ser formalizadas directamente pola persoa traballadora afectada pola suspensión do contrato ou pola empresa afectada polo procedemento de regulación de emprego, en calidade de autorizada pola persoa traballadora acreditada segundo o anexo III desta orde.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e para quen exerza a súa representación legal.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requerirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución da Secretaría Xeral de Emprego pola que se publica a convocatoria para cada exercicio e permanecerá aberto con carácter permanente ata o 31 de outubro de cada exercicio.

Artigo 12. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Certificado emitido pola empresa, segundo o anexo II, en que consten os seguintes datos da persoa traballadora: o período de suspensión efectiva, dentro do período subvencionable que se estableza na resolución, con indicación do número de xornadas completas de suspensión e os meses concretos en que se fixo efectiva a suspensión, a retribución mensual bruta (excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias) e a base de cotización por continxencias comúns do mes anterior ao inicio da suspensión.

b) Autorización da persoa traballadora para a presentación da solicitude no seu nome, segundo o anexo III desta orde, no suposto de presentación pola empresa afectada polo procedemento de regulación de emprego.

c) Copia da documentación fidedigna que acredite a representación, no suposto de actuar mediante representante.

2. Non será necesario achegar documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presenten de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) DNI ou NIE da persoa traballadora (cando non sexa a mesma que a persoa solicitante).

c) NIF da entidade solicitante (cando a empresa presenta a solicitude en nome da persoa traballadora).

d) Certificados de estar ao día no pagamento coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I, así como no anexo III, e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 14. Instrución do procedemento

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, da Secretaría Xeral de Emprego, que realizará as actuacións necesarias para a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Se a solicitude non estiver debidamente cuberta ou non se achegar a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuarse por medios electrónicos.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta do correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

6. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización da proposta polo órgano interventor da consellería, o órgano concedente ditará a correspondente resolución que se lles notificará ás persoas interesadas.

2. O prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o antedito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Contra as resolucións que se diten, que poñen fin á vía administrativa, ou contra as desestimacións por silencio administrativo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e recurso potestativo de reposición, de acordo co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 17. Forma de pagamento e xustificación

1. Unha vez notificada a resolución, as persoas interesadas disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal, sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. O pagamento efectuarase a favor das persoas beneficiarias, de xeito nominativo e único, pola súa totalidade e logo de que presenten dentro do prazo dos 10 días seguintes á notificación da resolución de concesión a seguinte documentación:

a) Certificado da vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, no cal conste o período de suspensión para o cal se solicitou a subvención.

b) Copia da nómina do mes anterior ao primeiro día de suspensión.

c) Declaración da persoa beneficiaria de non ter concedida nin percibida ningunha outra axuda pública para o mesmo fin, segundo o anexo IV.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que a persoa beneficiaria da subvención teña presentado a documentación exixida, requirirase para que a presente no prazo improrrogable de 10 días. Así mesmo, cando o órgano competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de 10 días para a súa corrección. A falta de presentación da xustificación ou a non corrección no prazo establecido neste parágrafo, comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención (artigos 45 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias destas axudas as seguintes:

1. Acreditar con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que se atopa ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

3. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención concorrente doutras subvencións, axudas ou ingresos que se percibisen para a mesma finalidade.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 19. Modificación da resolución

Unha vez ditada a resolución de concesión, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se é o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas concedidas por calquera outra entidade pública ou privada, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención e, eventualmente, á súa revogación segundo o establecido no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Economía, Emprego e Industria iniciará o procedemento de reintegro total ou parcial da axuda concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da citada Lei 9/2007 e no seu regulamento, aprobado mediante Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impediran dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

c) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

d) A obriga do reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, se é o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do citado artigo.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 22. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Economía, Emprego e Industria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

CAPÍTULO III

Convocatoria para o ano 2019

Artigo 23. Obxecto

Convocar para o ano 2019 as axudas para compensar a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras afectadas por procedementos de regulación de emprego de suspensión de contratos por causa de forza maior, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 24. Normativa reguladora

Esta convocatoria rexerase polas bases reguladoras establecidas no capítulo II desta orde de bases.

Artigo 25. Crédito orzamentario

As axudas recollidas nesta orde de convocatoria financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.324A.480.0, código de proxecto 201600378, da Secretaría Xeral de Emprego, por un importe total de 50.000 €.

Artigo 26. Período subvencionable

Esta convocatoria afecta as persoas traballadoras que teñan o seu contrato suspendido, en polo menos unha xornada laboral completa, entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de outubro de 2019 (ambos inclusive), por un procedemento de regulación de emprego no cal a autoridade laboral competente constate a causa de forza maior.

Artigo 27. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde xunto coa convocatoria do ano 2019 e, permanecerá aberto con carácter permanente ata o 31 de outubro de 2019.

Disposición adicional primeira. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente orde poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición adicional segunda. Bases reguladoras

As presentes bases reguladoras terán carácter permanente. Non obstante, no caso de ser preciso, procederase á súa modificación nos termos regulamentariamente establecidos.

Disposición adicional terceira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde, así como para a convocatoria anual das ditas axudas.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file