Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Martes, 17 de setembro de 2019 Páx. 40370

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 107/2019, do 5 de setembro, polo que se modifican os estatutos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, aprobados polo Decreto 52/2018, do 5 de abril.

A Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, no seu artigo 31.d), creou o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal) como un ente de dereito público dos previstos no artigo 12.1.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

A creación do dito Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), tiña como obxectivo que se constituíse no instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade, así como ser un instrumento para a canalización da actividade de investigación e desenvolvemento tecnolóxico no eido alimentario.

En desenvolvemento da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, publicouse o Decreto 259/2006, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Instituto Galego da Calidade Alimentaria, que recolle as dúas liñas fundamentais de actuación dese instituto; no ámbito da calidade alimentaria e no desenvolvemento de actividades de investigación e promoción da innovación tecnolóxica no sector agrario.

O Instituto Galego da Calidade Alimentaria adscribiuse á Consellería do Medio Rural en cumprimento do establecido no artigo 31.2 da referida Lei 2/2005.

Pola súa banda, a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, regula a organización e o réxime xurídico da Administración autonómica e das entidades que van integrar o sector público autonómico, e, xunto coa Administración xeral da Comunidade Autónoma, prevé dúas categorías de entidades instrumentais: as entidades públicas instrumentais (organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e consorcios) e outras entidades instrumentais integrantes do sector público (sociedades mercantís públicas e fundacións do sector público).

Neste marco normativo, a propia Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, establece a necesidade de que se adapten aos novos tipos de entidades instrumentais todas aquelas entidades instrumentais con personalidade xurídica propia creadas por lei antes da súa entrada en vigor e que contaban con distintos réximes de organización e funcionamento. En concreto, e respecto do Ingacal, a súa disposición transitoria terceira establece que as normas de organización e funcionamento do Instituto Galego da Calidade Alimentaria deberán adecuarse ao disposto nesa lei para as axencias públicas autonómicas.

A adecuación requirida realizouse a través do Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos, dotándoa de todos os instrumentos que lle permitan cumprir o dobre fin que se lle outorga: ser o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade e potenciar a calidade da produción alimentaria galega, concentrando as actividades investigadoras e de desenvolvemento tecnolóxico no eido alimentario e establecendo como obxectivo principal da súa actividade investigadora responder aos retos científicos e tecnolóxicos aos cales se enfrontan os sectores agroforestal e agroalimentario, vinculados á mellora da súa competitividade.

No referido ao seu papel como instrumento de actuación da Xunta de Galicia en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico no sector alimentario, pasaron a integrarse na Axencia os centros de investigación da consellería, así como as unidades administrativas con competencia en formación e innovación agroforestal.

Cómpre sinalar, igualmente, que mediante o Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modificouse a estrutura organizativa da axencia, axustando, en consecuencia, a composición dos órganos de goberno e consulta; modificacións que agora se culminan coa creación da Xerencia, a cal obedece á necesidade de atribuír a un órgano concreto a coordinación, xestión, control e seguimento de toda a actividade administrativa da entidade, na procura dunha maior axilidade, eficiencia e eficacia na súa actuación.

Así, a modificación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria en canto á súa estrutura organizativa coa creación dunha xerencia que constituirá xunto coa Dirección da Axencia os seus órganos executivos, constitúen o obxecto do presente decreto, que consta dun artigo único, unha disposición derrogatoria e unha disposición derradeira.

Polo exposto, considerase que este decreto se adecúa aos principios establecidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, que establece no seu punto primeiro que, no exercicio da iniciativa lexislativa e a potestade regulamentaria, as administracións públicas actuarán de acordo cos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro do Medio Rural, de acordo co Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de setembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación dos estatutos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, aprobados polo Decreto 52/2018, do 5 de abril

Modifícanse os estatutos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, aprobados polo Decreto 52/2018, do 5 de abril, nos termos seguintes:

Un. Modifícase o artigo 17 dos estatutos, que queda redactado como segue:

Son órganos executivos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria a Dirección e a Xerencia.

Dous. Engádese un artigo 19 bis aos estatutos, co seguinte contido:

Artigo 19 bis. A Xerencia

1. A Xerencia da entidade será nomeada e separada polo Consello Reitor, por proposta da persoa titular da súa presidencia, de entre persoal funcionario ou persoal laboral da Xunta de Galicia ou das entidades do sector público autonómico que reúnan os requisitos de solvencia académica, profesional, técnica ou científica necesarios para o exercicio do cargo e de acreditada experiencia.

2. A xerencia, órgano executivo segundo o disposto no artigo 65.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, terá retribucións equivalentes a un posto de subdirección xeral.

3. Son funcións da Xerencia a xestión, coordinación, control e seguimento do resto das áreas e órganos administrativos da súa estrutura; ademais da coordinación e seguimento da xestión económica, contractual, orzamentaria e patrimonial da Axencia.

4. Para o desenvolvemento das funcións da Xerencia, esta conta co Departamento de Coordinación Administrativa.

5. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade da dirección da Axencia, a substitución corresponderá á persoa titular da Xerencia.

Tres. Modifícase o punto dous do artigo 20 dos estatutos, que queda redactado como segue:

2. O Consello Asesor da Dirección estará composto por:

a) A persoa titular da Xerencia da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

b) As persoas titulares das Áreas de Formación, Innovación e Investigación Agraria e da Área de Calidade Alimentaria.

c) As persoas titulares das xefaturas dos departamentos de Coordinación Administrativa, de Investigación e Transferencia, de Formación, de Promoción da Calidade Alimentaria, e de Protección da Calidade Diferencial.

d) A persoa titular da Dirección-Xerencia da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne (CTC).

e) A persoa titular da Subdirección Xeral con competencias en industrias agroalimentarias.

f) Dez persoas do sector da calidade diferenciada coa seguinte distribución:

– Dúas persoas propostas de común acordo de entre os consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas do sector vitivinícola.

– Unha persoa proposta de común acordo de entre os consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas do sector de augardentes e licores tradicionais.

– Unha persona proposta de común acordo de entre os consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas do sector cárnico.

– Unha persona proposta de común acordo de entre os consellos reguladores das denominacións de orixe do sector do queixo.

– Unha persoa proposta de común acordo de entre os consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas do sector de producións vexetais.

– Unha persoa proposta de común acordo de entre os consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas do sector doutras producións.

– Unha persoa por proposta do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

– Dúas persoas de recoñecida experiencia no Sector da Calidade Diferencial designadas pola persoa titular da consellería con competencia en materia de agricultura.

Catro. Modifícase o artigo 23 dos estatutos, que queda redactado como segue:

Para o desenvolvemento das funcións da Axencia, contará co Departamento de Coordinación Administrativa, órgano con nivel equivalente a servizo e con dependencia directa da Xerencia, e que terá as seguintes funcións:

a) Elaborar as disposicións, as instrucións e as circulares de funcionamento e comunicación entre os distintos órganos desta.

b) Colaborar nos procedementos de xestión da entidade.

c) As funcións relativas aos recursos humanos, incluída a relación de postos de traballo da entidade.

d) Xestionar os medios materiais adscritos ao funcionamento da Axencia.

e) A xestión económico financeira da entidade.

f) Dar apoio e coordinar os labores de elaboración do borrador do anteproxecto de orzamentos da Axencia, e o seguimento, control e execución dos orzamentos baixo a dependencia da Xerencia.

g) Tramitar os expedientes de contratación da entidade.

h) Participar na elaboración do plan de acción anual sobre a base dos recursos dispoñibles e de acordo co contrato plurianual.

i) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Xerencia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de setembro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural