Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Martes, 17 de setembro de 2019 Páx. 40439

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 2 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se fai pública a convocatoria para acreditar centros e persoas coordinadoras e titoras para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao curso de especialización en Formación Pedagóxica e Didáctica do profesorado técnico en formación profesional, na Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2019/20.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), establece que, para exercer a docencia nas diferentes ensinazas reguladas nela, será necesario estar en posesión das titulacións académicas correspondentes e ter a formación pedagóxica e didáctica que o Goberno estableza para cada ensinanza.

A Orde ECI/3858/2007, do 27 de decembro (BOE do 29 de decembro), establece os requisitos para a verificación dos títulos oficiais que habiliten para o exercicio das profesións de profesor de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensinanzas de idiomas.

A Orde EDU/2645/2011, do 23 de setembro (BOE do 5 de outubro), pola que se establece a formación equivalente á formación pedagóxica e didáctica exixida para aquelas persoas que estando en posesión dunha titulación declarada equivalente para efectos de docencia non poden realizar os estudos de máster, dispón no artigo 2:

1. As persoas que posúan unha titulación declarada equivalente para os efectos de docencia nas ensinanzas de formación profesional e deportivas e queiran exercer a docencia nelas, deberán ter unha certificación oficial que acredite estar en posesión da formación pedagóxica e didáctica equivalente á exixida no artigo 100 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio.

2. Os estudos conducentes a esta certificación oficial deberán cumprir cos requisitos que se sinalan nos artigos da Orde EDU/2645/2011.

3. As administracións educativas determinarán as institucións educativas que poidan ofertar estes estudos.

4. Ao superar estes estudos, a Administración educativa correspondente emitirá un certificado oficial, con validez en todo o territorio nacional, segundo as especificacións indicadas no anexo I, en que conste expresamente a posesión da formación pedagóxica e didáctica equivalente á exixida no artigo 100.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio.

O artigo 4.1 aclara que só poderán acceder a estes estudos aquelas persoas que posúan unha titulación declarada equivalente para efectos de docencia e non poidan acceder aos estudos de máster regulados pola Orde ECI/3858/2007.

O artigo 5 da Orde EDU/2645/2011 di:

1. Os estudos conducentes á obtención desta acreditación terán unha duración de 60 créditos europeos e incluirán un módulo de prácticum.

2. Os estudos a que se refire esta orde poderanse impartir na modalidade presencial ou a distancia. No primeiro dos supostos teñen que ser presenciais os correspondentes ao prácticum e polo menos o 80 por cento dos créditos totais. Cando a formación se imparta a distancia, en todo caso os créditos correspondentes ao prácticum terán que ser presenciais.

3. O prácticum realizarase en colaboración coas institucións educativas que impartan as ensinanzas correspondentes establecidas polas administracións educativas. As institucións educativas participantes na realización do prácticum terán que estar recoñecidas como centros de prácticas, así como os titores encargados da orientación e tutela dos estudantes.

Para tal fin:

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto da presente resolución é abrir o procedemento para acreditar centros e persoas coordinadoras e titoras para o curso 2019-20 para o desenvolvemento do curso de especialización en Formación Pedagóxica e Didáctica do profesorado técnico de formación profesional (en diante, curso de especialización FP) e que permitirá ao alumnado que o curse a súa iniciación na práctica docente directa, ademais de coñecer os aspectos pedagóxicos, organizativos e de funcionamento dos centros co apoio e baixo a tutela de profesorado en exercicio que reúnen as características e preparación adecuadas.

Esta resolución será de aplicación ás universidades que teñan asinado convenio coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para a realización das prácticas do seu alumnado do curso de especialización FP.

Artigo 2. Centros de prácticas

1. Poderán ser centros de prácticas do alumnado do curso de especialización FP os centros sostidos con fondos públicos en que se impartan todas ou algunha das ditas ensinanzas.

2. Os centros educativos que desexen ser designados como centros de prácticas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Aprobación do claustro de profesores, para colaborar co prácticum.

b) Incorporación na programación anual da participación do centro no desenvolvemento das actividades de titoría do alumnado do prácticum, autorizando a súa presenza e participación nas actividades do centro docente e asumindo, por parte do equipo directivo e da persoa coordinadora do prácticum do centro, a responsabilidade de supervisión do seu desenvolvemento e a interlocución coas persoas responsables do prácticum na universidade.

Artigo 3. Persoa titora de prácticas

Á persoa titora corresponderalle a tutela dun máximo de tres alumnos e/ou alumnas en prácticas.

1. O profesorado que desexe ser designado como persoa titora de prácticas deberá contar, polo menos, con dous anos de experiencia e mesmo cando se divida o prácticum en diferentes fases, a persoa titora será a mesma durante todo o proceso, e terá, entre outras, as funcións:

a) Acoller o alumnado en prácticas e acompañalo nos períodos que se establezan ao longo do curso escolar.

b) Favorecer a formación inicial na práctica docente do citado alumnado.

c) Asesorar o alumnado en prácticas e facilitar que se integre plenamente na vida do centro.

e) Coordinar as actividades de formación coa persoa titora da universidade.

f) Avaliar o desenvolvemento das prácticas do alumnado seguindo para iso os criterios e pautas do plan de prácticas da universidade correspondente.

Artigo 4. Persoa coordinadora de prácticas

A persoa directora do centro ou, por delegación súa, a persoa encargada da xefatura de estudos ou, excepcionalmente, unha das persoas titora das prácticas, exercerá as funcións de persoa coordinadora das prácticas.

Serán funcións:

a) Establecer as accións que desenvolverán as persoas titoras de prácticas do centro.

b) Posibilitar a integración plena no centro do alumnado en prácticas.

c) Facilitar ao alumnado en prácticas o coñecemento da organización e funcionamento do centro.

d) Xestionar os espazos e os tempos para a intervención do alumno de prácticas.

Artigo 5. Recoñecemento pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional recoñecerá a participación do profesorado titor e coordinador, de acordo coa normativa vixente.

Artigo 6. Comisión de seguimento e funcións

1. Hai unha comisión de seguimento por cada universidade coa cal se ten convenio e, ademais das funcións específicas en cada convenio, terá as seguintes funcións:

a) A aprobación e consecuente designación de centros en prácticas segundo a proposta feita pola universidade correspondente.

b) Facer o seguimento e apoio ao desenvolvemento do prácticum.

c) Resolver cantas cuestións se pudiesen suscitar en relación co desenvolvemento das prácticas.

Artigo 7. Solicitudes e documentación

Os centros e persoas, coordinadoras e titoras, que desexen acreditarse para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao curso de especialización FP deberán solicitar a súa alta á dirección do centro que rexistrará todos os interesados, na aplicación Xade seguindo o itinerario: <<Profesorado>Datos profesionais>Traballo no centro>>, onde existirán dúas opcións: << Coordinador prácticum curso especialización FP>> e <<Voluntario para titorizar prácticum curso especialización FP>>.

Cada centro terá un só coordinador, que será o director do centro, ou por delegación súa, a persoa encargada da xefatura de estudos ou, excepcionalmente, unha das persoas titoras de prácticas.

Ademais, a persoa directora do centro, ou, por delegación súa, a persoa encargada da xefatura de estudos, ou da secretaría asinarán e remitirán ao enderezo formacion.fprofe@edu.xunta.es, unha listaxe coas persoas que participan, e que poderán obter directamente da aplicación Xade.

Artigo 8. Centros acreditados

As listaxes dos centros acreditados e das súas persoas coordinadoras e titoras e especialidades ofertadas faranse públicas nas xefaturas territoriais, así como no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional: www.edu.xunta.es

Artigo 9. Selección dos centros e réxime de realización das prácticas

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional remitirá estas solicitudes, unha vez revisadas, ás universidades correspondentes.

As universidades, unha vez analizadas as solicitudes, formularán, de acordo coas súas necesidades, a proposta de centros e persoas coordinadoras e titoras seleccionados.

A realización das prácticas rexerase pola normativa vixente e polos convenios que, de ser o caso, se establezan entre a consellería e as universidades.

Artigo 10. Prazo de presentación

O prazo de presentación das solicitudes dará comezo o día seguinte ao da súa publicación e terán quince (15) días hábiles de prazo de solicitude, en que se pechará a aplicación Xade. Non poderán a partir desta data, introducir máis centros e persoas titoras e coordinadoras nela. As persoas interesadas disporán de cinco (5) días hábiles para realizar as alegacións que se consideren ás listas publicadas no portal educativo no correo formacion.fprofe@edu.xunta.es.

Artigo 11. Réxime de recursos

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante a Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar os acordos e ditar as resolucións conxuntas que consideren oportunas no desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2018

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa