Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Martes, 17 de setembro de 2019 Páx. 40437

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 9 de setembro de 2019 pola que se amplía a dotación orzamentaria das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 11 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e expansión do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CO300C).

A Orde do 11 de abril de 2019, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 80, do 26 de abril, establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e expansión do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CO300C).

No artigo 1 da convocatoria e artigo 2 do anexo I das bases reguladoras establécese que as devanditas subvencións serán financiadas co crédito correspondente á aplicación orzamentaria 09.30.751A.770.1 Dixitalización e innovación do sector comercial, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, por un importe de 3.800.000,00 €.

No artigo 1 da orde tamén se sinala que se poderán incrementar as contías previstas en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito. Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Co obxecto de poder amparar o maior número de solicitudes, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, tramítase o correspondente expediente de ampliación de crédito polo que cómpre, mediante esta orde, incrementar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas subvencións dada a existencia de remanentes de créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Financiamento

1. Amplíase a dotación orzamentaria prevista na Orde do 11 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e expansión do sector comercial e artesanal e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CO300C).

2. O incremento da dotación será de 686.340,54 € con cargo á aplicación orzamentaria 09.30.751A.770.1 Dixitalización e innovación do sector comercial, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

Unha vez efectuado este incremento, o importe da dotación orzamentaria da aplicación 09.30.751A.770.1 ascenderá a 4.486.340,54 €.

3. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria