Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Venres, 20 de setembro de 2019 Páx. 40705

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2019 pola que se convoca, no marco da iniciativa Universo EGAP Innova, a I Xornada de formación práctica dixital (E-martes).

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2019, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, no marco da iniciativa «Universo EGAP Innova», a I Xornada de formación práctica dixital (E-martes), de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

O Universo EGAP Innova é un proxecto multidisciplinar e transversal da Escola Galega de Administración Pública que se desenvolve co obxectivo principal de contribuír, a través de novas prácticas formativas que implican a participación do alumnado, a autoxestión da aprendizaxe e a identificación de novas oportunidades, á innovación e ao cambio nas administracións públicas.

Ao abeiro desta iniciativa, os E-martes, que terán lugar os primeiros martes de cada mes, teñen como finalidade proporcionar formación práctica presencial ao persoal empregado público da Administración autonómica galega e á cidadanía nas transformacións tecnolóxicas, organizativas e lexislativas derivadas da Administración electrónica.

Os E-martes do vindeiro trimestre de 2019 versarán sobre as seguintes materias:

– 1 de outubro: «O Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia».

– 5 de novembro: «Certificados electrónicos da Xunta de Galicia».

– 3 de decembro: «Sistemas para a contratación pública».

2. Contidos.

A I Xornada de formación práctica dixital (E-martes), que terá lugar o vindeiro 1 de outubro, abordará os seguintes contidos desde unha perspectiva práctica:

– O Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

– Sistema único de rexistro da Xunta de Galicia (Surex): Sistema de recepción electrónica (Rexel) e Sistema de interconexión de rexistros (SIR).

– Sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Persoas destinatarias.

A actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega e dos seus entes instrumentais, así como a profesionais e persoas interesadas en xeral. No caso das empregadas e empregados públicos priorizarase a inscrición daquelas persoas solicitantes que poidan xustificar debidamente que as súas funcións están directamente relacionadas coa materia impartida.

4. Desenvolvemento.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Datas: 1 de outubro.

Horario: mañá e tarde.

Duración: 6 horas lectivas.

5. Número de prazas: 50.

6. Inscrición.

1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. O prazo para a inscrición nesta actividade abrirase desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e estará aberto ata as 23.55 horas do día 25 de setembro de 2019.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39-981 54 62 41.

7. Comprobación de datos.

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, coa indicación expresa a este respecto, en que deberán achegar a documentación que acredite a Administración a que pertenza, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

8. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes. A metade das prazas reservaranse para o colectivo de persoal empregado público da Administración autonómica.

9. Publicación das listaxes do alumnado seleccionado.

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar nesta actividade así como un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das listaxes foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de reservas.

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada, enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de tres días anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia á sesión da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1º. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2º. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

11. Facultades da EGAP.

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, nese caso empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

12. Certificado de asistencia oficial.

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública