Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Martes, 24 de setembro de 2019 Páx. 42196

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 6 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se fai pública a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos premios do comercio galego (código de procedemento IN214C).

A Consellería de Economía, Emprego e Industria é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria aposta por un sector comercial forte e capaz de adaptarse ás novas tendencias. O Plan de impulso ao comercio galego 2015-2020 ten como obxectivo fundamental o desenvolvemento dunha estratexia de promoción, impulso e mellora da competitividade e modernidade do sector. Así, un dos principais retos recollidos no plan refírese ao establecemento dun novo modelo de comercio intelixente que sitúe o cliente no centro da súa estratexia aproveitando todos os recursos á súa disposición.

Na actualidade, a internet, a innovación tecnolóxica e a economía dixital están a ter un impacto significativo nos consumidores e empresas ao achegar novas oportunidades para o sector do comercio mediante a creación de novas estratexias de canle de vendas e novas formas de aproveitar as xa existentes.

No ámbito da internet, as redes sociais cambiaron, non só os nosos hábitos de socializarnos e comunicarnos, senón tamén os nosos hábitos de consumo. As redes socias convértense nun punto de encontro permanente e en tempo real co cliente e constitúe a principal ferramenta para coñecer o cliente e, conseguintemente, para aumentar as vendas. Igualmente, as estratexias de márketing cada vez encamíñanse máis cara ao uso das redes sociais para conseguir un efecto «boca a boca» a grande escala e para fidelizar os seus clientes, cada vez máis informados, formados e influenciados por outras persoas a través da rede.

O comercio electrónico posiciónase como instrumento clave da estratexia comercial e a innovación tecnolóxica nos dispositivos móbiles e as aplicacións é a principal vía de acceso á tecnoloxía dixital.

A pesar disto, no ámbito comercial, o mundo en liña e mundo sen conexión, están plenamente interrelacionados e a realidade mostra que o cliente utiliza de forma conxunta cada unha das canles de venda dispoñibles no comercio.

En definitiva, o comercio é froito do novo contorno sociodixital en que o comercio tradicional convive co comercio dixital e interactúan co cliente para acadar un comercio intelixente.

Con estes premios búscase valorar o labor dos comercios tradicionais na innovación do comercio a través da innovación tecnolóxica, e así visualizar a excelencia e a importancia dos comercios galegos nas novas estratexias comerciais.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de comercio, no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito da convocatoria

Esta disposición ten por obxecto establecer as bases que rexen os premios do comercio galego, que se aproban no anexo I, e proceder á súa convocatoria para o ano 2019 co obxectivo de distinguir aqueles comercios que apostan por situar o cliente no centro da súa estratexia, aproveitando todos os recursos á súa disposición co fin de achegarlle a súa oferta (código de procedemento IN214C).

Os premios do comercio galego contarán coas seguintes modalidades:

a) Premio Comercio de Galicia, cunha contía de 9.000 euros.

b) Premio Comercio Provincial, cunha contía de 4.000 euros.

c) Premio Iniciativa Dixital para asociacións de comerciantes, cunha contía de 2.000 euros.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. A dotación global dos premios é de 27.000 euros con cargo á partida orzamentaria 09.30.751A.481.0 e estarán suxeitos ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.

2. A concesión dos premios realizarase mediante o procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os premios regulados ao abeiro desta resolución son compatibles con outras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou de entidades públicas ou privadas, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 3. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes (anexo II) presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, e as persoas representantes dunha das anteriores.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o de publicación no Diario Oficial de Galicia e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

2. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa será de cinco meses.

Artigo 5. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional, na Dirección Xeral de Comercio e Consumo, a través dos distintos medios:

a) Na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal.

b) Na páxina web oficial da Consellería de Economía, Emprego e Industria http://ceei.xunta.gal/portada ou no portal do comerciante http://www.portaldocomerciante.gal/.

c) Nos teléfonos 981 54 55 91 ou 981 54 55 94 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

d) No correo electrónico cei.dxc@xunta.gal.

e) Presencialmente, na Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Consellería de Economía, Emprego e Industria; Edificio Administrativo San Caetano, 3º andar, 15781 Santiago de Compostela.

2. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizaren trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén se poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional única. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e esta circunstancia reflectirase no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nesta norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras dos premios do comercio galego

Artigo 1. Obxecto e réxime

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios do comercio galego como un recoñecemento institucional e social a aqueles comercios que apostan por situar o cliente no centro da súa estratexia, aproveitando todos os recursos á súa disposición co fin de achegarlle a súa oferta.

Artigo 2. Número e características dos premios

a) Premio Comercio de Galicia, cunha contía de 9.000 euros.

b) Premio Comercio Provincial, cunha contía de 4.000 euros por provincia.

c) Premio Iniciativa Dixital para asociacións de comerciantes, cunha contía de 2.000 euros.

1. Os premios do comercio galego distinguirán aos establecementos galegos, a nivel provincial e autonómico, que na súa xestión comercial executen accións innovadoras que comporten unha clara diferenciación, unha mellora na fidelización e a personalización do servizo e do produto, para o cal se valorarán a transformación dixital, os servizos engadidos á propia oferta comercial, accións promocionais especiais e utilización de ferramentas tales como a web, o teléfono e as redes sociais como canles de comunicación e venda, e a integración entre as canles en liña e sen conexión.

2. O Premio Iniciativa Dixital para asociacións de comerciantes elixirase entre aquelas asociacións que poñan en práctica proxectos tecnolóxicos vinculados ao comercio que inclúan presenza na rede, utilización de novas tecnoloxías e incrementen a fidelización e os servizos prestados aos clientes.

3. Cada comercio participante non poderá percibir máis dun premio

4. As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán únicas e estarán suxeitas ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. A dotación global dos premios é de 27.000 euros con cargo á partida orzamentaria 09.30.751A.481.0.

2. O procedemento para a concesión dos premios será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os premios regulados ao abeiro desta resolución son compatibles con outras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou de entidades públicas ou privadas, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 4. Requisitos de participación

1. Poderán optar aos premios do comercio galego os comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.

2. Cada comerciante presentará unha única candidatura para optar aos premios do comercio galego e marcará na solicitude o recadro correspondente á modalidade provincial a que opta, que virá determinada polo lugar onde se sitúa o establecemento comercial ou, no caso de comercio en liña, polo domicilio social.

3. Poderán optar ao Premio Iniciativa Dixital:

3.1. As asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

3.2. As asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, que leven a cabo proxectos de interese e transcendencia en centros comerciais abertos.

4. A participación supón a aceptación total das condicións fixadas nesta disposición e unicamente a Dirección Xeral de Comercio e Consumo queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da súa interpretación.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Solicitudes e documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión dos premios presentaranse na forma e no prazo que se indican no artigo 3 da convocatoria.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Unha memoria explicativa de todos os aspectos que fundamentan a súa candidatura.

b) Documentación acreditativa dos méritos alegados que se consideren relevantes para a valoración da candidatura.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.

g) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia.

h) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 7. Órganos competentes

1. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión dos premios referidos nesta orde. A dita instrución rematará coa proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. Corresponderalle á persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria ditar a resolución de concesión dos premios, con indicación do nome das persoas premiadas e a contía, se é o caso, que lles corresponde.

Artigo 8. Selección dos aspirantes ao premio

1. Co obxecto de supervisar e valorar os proxectos, constituirase un xurado que terá a consideración de comisión de valoración e estará integrado por:

a) Presidente/a:

A persoa responsable da Subdirección Xeral de Comercio ou persoa en quen delegue.

b) Vogais:

Ata un máximo de catro vogais designados pola persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, entre persoal técnico da Xunta de Galicia e persoal de recoñecido prestixio no sector comercial.

c) Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

2. Os/as suplentes, se é o caso, serán designados/as pola persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Os nomes das persoas integrantes do xurado serán publicados na web do Portal do comerciante http://www.portaldocomerciante.gal/ con anterioridade ás reunións que se realicen.

3. O xurado proporá, de entre as candidaturas presentadas, os seis establecementos e a asociación galardoados de acordo cos criterios que figuran no artigo 9.

4. O xurado poderá propor que algunha modalidade quede deserta se considera que os proxectos presentados non reúnen os méritos e a calidade necesaria, o que se entenderá se non se alcanza a puntuación mínima de 36 puntos, no caso dos premios do comercio galego, e de 15 puntos no caso de Iniciativa Dixital para asociacións de comerciantes.

5. As decisións do xurado especificarán a avaliación que corresponde a cada un dos comercios presentados á convocatoria, en aplicación dos criterios previstos no artigo seguinte.

Artigo 9. Criterios de valoración

1. Para a categoría Premio Comercio Provincial, os criterios que se empregarán para a valoración das candidaturas serán, cun máximo de 72 puntos, os seguintes:

a) Estratexias de márketing 4.0, centradas na conectividade e na predición de padróns de consumo mediante o uso do big data ou xeolocalización, entre outros: ata 6 puntos.

b) Ferramentas de realidade aumentada, ofrecendo experiencias reais e interactivas ao consumidor como produtos 3D ou probadores virtuais: ata 6 puntos.

c) Protagonismo dos contidos audiovisuais de promoción do produto, especialmente do vídeo, que acheguen valor ao usuario: ata 6 puntos.

d) Espazo físico do establecemento: características da tenda en canto a innovación en materia de imaxe, decoración e interiorismo: ata 6 puntos.

e) Acompañamento permanente no proceso de compra, guiando o usuario por todo o percorrido na tenda virtual: ata 6 puntos.

f) Facilidades de compra (manexabilidade da páxina web, rapidez dos envíos, facilidades para o cambio ou devolución): ata 6 puntos.

g) Superar os 3.000 seguidores ou «gústame» dos perfís de redes sociais: ata 6 puntos.

h) Servizo e atención ao cliente: servizos á disposición do cliente, como chatbots ou instrumentos similares, que permiten obter respostas ás dúbidas dos clientes de forma rápida, mellorando a atención: ata 6 puntos.

i) Xestión: ferramentas de xestión empregadas, a utilización de elementos innovadores/TIC no punto de venda, a procura de novos mercados e o grao de integración das canles en liña e sen conexión do comercio: ata 6 puntos.

j) Deseño, innovación e orixinalidade da páxina web: ata 6 puntos.

k) Deseño, funcionalidade e sustentabilidade do packaging: ata 3 puntos.

l) Adaptabilidade a dispositivos móbiles: ata 3 puntos.

m) Número de redes sociais nos cales está presente e outros medios de contacto co cliente: ata 3 puntos.

n) Referencias do perfil noutros medios de comunicación ou influencers: ata 3 puntos.

o) Produto: innovación do produto, grao de innovación no mix comercial da zona: ata 3 puntos.

p) Nº de referencias expostas na web para a súa venda: ata 3 puntos.

q) Compromiso: implantación de medidas concretas de accesibilidade, de sutentabilidade, de carácter social e de cooperación intra e intersectorial: ata 3 puntos.

2. Para a modalidade Premio Comercio de Galicia, os criterios de valoración serán os previstos no punto anterior e será proposto aquel que acade unha maior puntuación de entre todas as candidaturas provinciais presentadas.

3. Para a categoría Premio Iniciativa Dixital para asociacións de comerciantes, os criterios que se empregarán para a valoración das candidaturas serán, cun máximo de 30 puntos, os seguintes:

a) Implantación e utilización de servicios telemáticos avanzados, de uso colectivo, que contribúa á mellora da xestión e a difundir a imaxe da asociación e impulsar o comercio electrónico (ata 10 puntos).

b) Deseño, innovación e orixinalidade da páxina web da asociación (ata 5 puntos).

c) Número de redes sociais en que está presente o perfil da asociación (ata 5 puntos).

d) Dispoñibilidade dunha APP propia que ofreza servizos a asociados e clientes e contribúa á fidelización destes últimos (ata10 puntos).

Artigo 10. Resolución e notificación

1. Á vista da deliberación do xurado, contida na acta da sesión en que se concrete a súa avaliación para o outorgamento dos premios, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo elevará proposta de resolución á persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria quen, á vista da proposta motivada, ditará resolución.

2. A concesión dos premios será publicada no Diario Oficial de Galicia e no Portal do comerciante http://www.portaldocomerciante.gal/, e notificaráselles aos premiados.

3. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexítima aos interesados, entenderase desestimada a súa candidatura por silencio administrativo.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

7. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. Os/as premiados/as recibirán un diploma, e a entrega do premio realizarase nun acto público, no lugar e na data que se determinarán oportunamente.

Artigo 11. Renuncia

1. A renuncia á concesión do premio, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. No caso de que se comunique a renuncia, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 12. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios as previstas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e particularmente:

a) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

b) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, o beneficiario está obrigado a subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

c) Reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Pagamento

Os importes dos premios aboaránselles aos premiados mediante transferencia bancaria á entidade financeira e ao número de conta designado por estes na súa solicitude.

Artigo 14. Incumprimento e reintegros

O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a cantidade recibida, así como os xuros de mora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás súas normas de desenvolvemento. O seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Remisión normativa

Supletoriamente, aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file
missing image file