Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Martes, 24 de setembro de 2019 Páx. 42215

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 6 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se fai pública a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos premios do comercio galego (código de procedemento IN214C).

BDNS (Identif.): 473613.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.go.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán optar aos premios do comercio galego os comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.

2. Cada comerciante presentará unha única candidatura para optar aos premios do comercio galego e marcará na solicitude o recadro correspondente á modalidade provincial a que opta, que virá determinada polo lugar onde se sitúa o establecemento comercial ou, no caso de comercio en liña, polo domicilio social.

3. Poderán optar ao Premio Iniciativa Dixital:

3.1. As asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

3.2. As asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, que leven a cabo proxectos de interese e transcendencia en centros comerciais abertos.

Segundo. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios do comercio galego como un recoñecemento institucional e social a aqueles comercios que apostan por situar o cliente no centro da súa estratexia, aproveitando todos os recursos á súa disposición co fin de achegarlle a súa oferta.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

Destínase un total de 27.000 euros da aplicación orzamentaria 09.30.751A.481.0.

Quinto. Número e características dos premios

a) Premio Comercio de Galicia, cunha contía de 9.000 euros.

b) Premio Comercio Provincial, cunha contía de 4.000 euros por provincia.

c) Premio Iniciativa Dixital para asociacións de comerciantes, cunha contía de 2.000 euros.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o da publicación no Diario Oficial de Galicia e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria