Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Martes, 24 de setembro de 2019 Páx. 42239

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 23 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas destinadas aos familiares dos profesionais do mar falecidos no exercicio da súa actividade durante o ano 2019 (código de procedemento PE113E).

O sector da pesca constitúe un sector estratéxico para o desenvolvemento da nosa Comunidade dada a importancia económica e social que posúe e que determina o seu carácter dinamizador do contexto económico, cultural e social da nosa zona costeira.

A pesca, o marisqueo, a acuicultura mariña e o sector transformador dos produtos do mar dan traballo na nosa Comunidade a máis de 100.000 persoas de forma directa ou indirecta, cunha frota de 4.500 buques pesqueiros e máis de 11.000 tripulantes.

Atopámonos ante un sector que desenvolve un traballo de elevada penosidade e dureza, e que leva a cabo a súa actividade profesional nun medio hostil e con condicionantes singulares. Todo isto deriva nunha alta incidencia de accidentes laborais en que os naufraxios ou afundimentos supoñen o seu máximo expoñente, xa que acostumen rematar coa perda de vidas humanas no mar.

Cabe sinalar que estes accidentes, xunto ás embarrancadas ou varadas, traen consigo a existencia de situacións de desamparo económico temporal e puntual das familias dos tripulantes falecidos e/ou desaparecidos, xa que a perda dunha persoa acostuma comportar a falla de ingresos económicos xerados pola actividade cesante.

Os poderes públicos son conscientes da situación de necesidade que suscitan eses tristes acontecementos e coa finalidade de paliar as consecuencias destes accidentes cómpre regular e establecer axudas para mitigar puntual e temporalmente os efectos desa situación e dotar ao sector pesqueiro de ferramentas que outorguen continuidade ao marco de protección social que outorgan as administracións, ademais de referendar a vontade de solidariedade que a sociedade galega mantén co eido marítimo-pesqueiro diante deste tipo de eventos lutuosos.

Esta orde ten como obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria da concesión das axudas destinadas a atender, dalgún xeito, as necesidades das persoas que se atopen en situación de viuvez ou análoga, ou orfandade, como consecuencia dos falecementos acontecidos en accidentes sufridos pola frota ou tripulantes galegos durante o ano 2019.

Por todo isto, en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar as axudas destinadas a familiares dos profesionais do mar falecidos no exercicio da súa actividade no ano 2019.

2. O procedemento regulado nesta orde ten o código de procedemento administrativo PE113E.

3. Para os efectos desta orde consideraranse profesionais do mar as seguintes persoas:

a) Os tripulantes galegos de calquera tipo de embarcación pesqueira debidamente enrolados nela e calquera que sexa o seu pavillón.

b) Os tripulantes non galegos que coticen no réxime especial do mar da Seguridade Social nun buque pesqueiro con porto base en Galicia.

c) Os mariscadores, con autorización expedida pola Consellería do Mar, no desenvolvemento lícito da súa actividade e de acordo coas disposicións establecidas na materia pola citada consellería.

d) Os traballadores de viveiros flotantes radicados en augas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Teñen a condición de galegos, de acordo co artigo 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, os cidadáns españois que, de acordo coas leis xerais do Estado, teñan veciñanza administrativa en calquera dos municipios de Galicia.

4. Tamén terán a consideración de falecidos para os efectos desta orde aquelas persoas que, como consecuencia dun accidente no mar, estivesen desaparecidas unha vez transcorridos 10 días desde a data en que tivo lugar o sinistro.

5. Darán lugar á concesión da axuda os falecementos producidos desde o día 1 de xaneiro de 2019 ata o 30 de novembro de 2019.

Artigo 2. Procedemento de concesión

O procedemento de concesión da axuda é o de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Cada falecemento dará lugar á concesión dunha axuda a favor dalgunha das seguintes categorías de beneficiarios:

a) Cónxuxe ou parella de feito no momento do falecemento.

b) Fillo ou fillos do falecido menores de 21 anos.

2. As persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial, estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e de seguridade social.

Artigo 4. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 15 de decembro de 2019. Se o último día de prazo é inhábil, entenderíase prorrogado ao seguinte día hábil.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación de solicitudes e documentación

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación recollida no artigo 6, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia completa do libro ou libros de familia da unidade familiar.

b) Certificación da inscrición no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, de ser o caso.

c) Contrato de traballo, rol, lista de tripulantes debidamente dilixenciada, certificado de alta no réxime especial do mar da Seguridade Social, ou calquera outro documento acreditativo da actividade profesional desenvolvida no momento do accidente pola persoa falecida.

d) Atestado da autoridade competente, protesta de mar dilixenciada pola autoridade, copia do diario de navegación parte de accidente de traballo ou calquera outro documento acreditativo da existencia do accidente.

2. No suposto das solicitudes presentadas por vía electrónica, deberá presentarse unha copia dixitalizada dos documentos indicados nos puntos anteriores.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

4. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos na forma prevista no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. As persoas interesadas poderán actuar por medio de representante para efectos de presentación da solicitude, a acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo I da presente orde.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas.

a) DNI/NIE da persoa física solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado literal de defunción librado polo Rexistro Civil, se procede.

d) Permiso de explotación para marisqueo a pé.

e) Certificado de empadroamento da persoa falecida.

f) No caso de tripulantes non galegos, xustificación de que o buque ten porto base en Galicia.

g) Certificado de matrimonio.

h) Certificados de estar ao día nas súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría da Seguridade Social e coa Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar eses documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes

Artigo 8. Tramitación e resolución das axudas

1. A Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar instruirá os expedientes realizando de oficio, se é o caso, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales elaborará a proposta de aprobación.

2. A resolución destas axudas correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

En cumprimento do principio de anualidade orzamentaria o prazo máximo para a resolución das solicitudes das axudas presentadas será o 31.12.2019.

Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

3. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, a interposición do recurso poderá realizarse en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 9. Notificación

1. As notificacións das resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade, electrónica ou en papel, escollida para a notificación.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Compatibilidade

Sen prexuízo do establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as prestacións reguladas na presente orde serán compatibles con calquera outra establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada.

Artigo 11. Contía da axudas

As contías das axudas reguladas nesta orde son as seguintes:

a) Á viúva ou parella de feito da persoa falecida corresponderanlle tres mil euros (3.000 €).

b) A cada un dos fillos menores de 21 anos corresponderalle mil euros (1.000 euros).

Artigo 12. Publicidade

1. As axudas económicas concedidas ao abeiro desta convocatoria non se publicarán no Diario Oficial de Galicia, por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 9.3 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade autónoma de Galicia para o ano 2006.

2. Por outra parte, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria, de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 13. Financiamento e pagamento

1. As axudas económicas faranse efectivas con cargo á aplicación 15.01.721A.480.0, proxecto 2019 0077, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, por un importe total máximo de cincuenta mil euros (50.000,00 €).

2. O pagamento das axudas reguladas nesta orde efectuaranse unicamente na conta bancaria que as persoas solicitantes fagan constar no anexo I. Esta conta terá que permanecer activa mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Consellería do Mar non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas alleas á propia tramitación do expediente.

3. De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez esgotado o crédito dispoñible, poderá ampliarse este cando o aumento veña derivado dalgunha das condicións previstas no dito artigo.

Artigo 14. Reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, no seu caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderá anularse os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederase o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os intereses de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata á data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación, se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Mar, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta do cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

1. De acordo co establecido no artigo 28.9 da Lei 9/2007, dado que as presentes axudas se conceden en atención á concorrencia dunha determinada situación no perceptor, non requirirán outra xustificación que a acreditación da indicada situación previamente á concesión de acordo co establecido nesta orde. Así mesmo, as persoas beneficiarias destas axudas obríganse a someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios. Para este fin achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

2. Así mesmo, de acordo co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. No suposto de que o requirimento de información non sexa atendido en prazo impoñeranse multas coercitivas cuxo importe será establecido de xeito proporcional á contía da subvención en función da gravidade do incumprimento.

Disposición adicional primeira. Infraccións e sancións

As persoas beneficiarias atópanse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, de 13 de xuño.

Disposición adicional segunda

As axudas a percibir con motivo dos falecementos que se produzan a partir do 1 de decembro de 2019, tramitaranse ao abeiro da orde de axudas correspondente ao ano 2020 .

Disposición derradeira primeira

Facúltase a secretaria xeral técnica para ditar as resolucións necesarias para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2019

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file