Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Martes, 24 de setembro de 2019 Páx. 42188

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 110/2019, do 5 de setembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos afectados polas obras do proxecto de implantación dos plans de emerxencia das presas de Caldas de Reis, Eiras, Baiona e O Con (clave OH.136.1115).

En cumprimento do disposto no título VII do Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril, aprobáronse os plans de emerxencia das presas de Caldas de Reis, Eiras, Baiona e O Con.

O 21 de xullo de 2018, a Dirección de Augas de Galicia aprobou técnica e definitivamente o proxecto construtivo para a implantación dos plans de emerxencia das presas de Caldas de Reis, Eiras, Baiona e O Con (clave OH.136.1115), financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

As obras enmárcanse na medida ES014.05.0012.00. Redacción e implantación de plans de emerxencia en presas, incluída no programa de medidas do Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, aprobado polo Real decreto 11/2016, do 8 de xaneiro, polo que, de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, as ditas obras hidráulicas son de interese da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 29 da Lei 9/2010, xa citada, dispón que a aprobación definitiva do proxecto, anteproxecto ou documento similar de obras hidráulicas declaradas de interese da comunidade autónoma levará implícita a declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación dos bens e adquisición de dereitos, para os fins de expropiación forzosa e ocupación temporal, de acordo co disposto na lexislación correspondente. Esta declaración referirase tamén aos bens e dereitos que se poidan incluír na reformulación do documento técnico correspondente e ás modificacións de obras e obras complementarias que, se é o caso, se poidan aprobar posteriormente.

No caso que nos ocupa, resulta imprescindible a tramitación do procedemento de ocupación urxente pola necesidade de garantir o obrigado cumprimento da lexislación aplicable, pola necesidade de executar en prazo o programa de medidas do Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, así como pola necesidade de acomodar a execución das obras aos prazos establecidos nas condicións estipuladas no cofinanciamento da obra pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Considérase necesario iniciar os trámites do procedemento de expropiación forzosa e utilizar o procedemento de urxencia previsto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro do 1954, xa que existe unha necesidade inaprazable de dar unha solución coa máxima celeridade e eficiencia aos problemas de seguridade na xestión das presas, para evitar ou minimizar os danos e perdas que se puideren ocasionar.

Os bens e dereitos en que se concreta a declaración de urxente ocupación, tanto de pleno dominio como de ocupación temporal ou de calquera outra imposición sobre eles que sexa necesaria, figuran individualizados coa súa correspondente valoración no expediente instruído para o efecto.

A competencia para a declaración de urxente ocupación tena atribuída o Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto no artigo 2 do Decreto 24/1987, do 29 de xaneiro, sobre asunción de competencias en materia de obras hidráulicas.

Por canto antecede, e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e concordantes do seu regulamento, do 26 de abril de 1957, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do cinco de setembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e dispoñer a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, afectados para a execución das obras do proxecto de implantación dos plans de emerxencia das presas de Caldas de Reis, Eiras, Baiona e O Con (clave OH.136.1115).

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de setembro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade