Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Martes, 24 de setembro de 2019 Páx. 42191

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 111/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Boborás da totalidade da estrada OU-214 A Almuzara (N-541)-Estación de Boborás.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Boborás e a Axencia Galega de Infraestruturas teñen previsto asinar un convenio de colaboración para levar a cabo a redacción do proxecto e a construción dunha senda peonil na estrada autonómica OU-214.

O Concello de Boborás coa sinatura deste convenio, dá a súa conformidade ao cambio de titularidade previsto da totalidade da estrada OU-214 e comprométese a asinar a acta de entrega desta transferencia de titularidade antes da licitación das obras.

A estrada OU-214 ten unha lonxitude de 900 metros e discorre na súa totalidade polo municipio de Boborás. Iniciase na intersección da estrada nacional N-541, na Almuzara e remata na estación de ferrocarril de Boborás. Foi construída para dar servizo a estación de ferrocarril de Boborás, que se atopa inoperante, presenta características urbanas en case toda a súa lonxitude e o tráfico é maioritariamente local, polo que carece de funcionalidade dentro da Raega. A transferencia ao concello garantirá unha xestión coherente e eficiente da rede.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de setembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade da totalidade da seguinte estrada a prol do Concello de Boborás de:

Clave

Denominación

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89)

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89)

OU-214

A Almuzara (N-541)-Estación de Boborás

0+000

X=571.076

Y=4.698.739

0+900

X=571.359

Y=4.699.500

Modificar o Decreto 308/2003, do 26 de xuño, polo que se aproba a relación de estradas de titularidade autonómica da Comunidade Autónoma de Galicia, eliminando da relación de estradas de titularidade autonómica a OU-214 que figura como segue:

Estrada

Rede

Denominación

Clave anterior

OU-214

S

A Almuzara (N-541)-Estación de Boborás

OU-214

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Boborás deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndelle ao Concello de Boborás a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de setembro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade