Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Mércores, 25 de setembro de 2019 Páx. 42488

III. Outras disposicións

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 2019 pola que se aproban e se publican as bases reguladoras da I edición dos Premios de innovación en saúde 2019 no Sistema Público de Saúde de Galicia e se procede á súa convocatoria (código de procedemento SA304A).

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, en diante ACIS, é unha axencia pública autonómica que se encadra dentro das entidades públicas instrumentais reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. A ACIS foi creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos, como un instrumento para a xestión da formación no Sistema Público de Saúde de Galicia, así como para o fomento e a coordinación da investigación nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde a coordinación e o impulso da actividade innovadora da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e a avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios, así como a formación continuada dos profesionais das institucións sanitarias.

No exercicio das funcións que ten encomendadas, compételle á ACIS a execución e xestión de proxectos de investigación e innovación sanitaria e o deseño e execución da estratexia de valorización da innovación sanitaria desenvolvida no Sistema Público de Saúde de Galicia.

En particular, entre as funcións asignadas no artigo 18 dos estatutos atópase a seguinte: «Promover a cultura innovadora en toda a organización, desenvolvendo un modelo de xestión aberto e participativo de iniciativas innovadoras e favorecendo a participación de profesionais sanitarios en proxectos de innovación sanitaria».

Con este obxectivo, creouse a Plataforma de Innovación Sanitaria (PI). A PI é unha ferramenta para que os profesionais do sistema sanitario público galego, pacientes, coidadores, empresas e demais perfís implicados no sector da saúde acheguen as súas ideas de mellora ou proxectos co fin de substituír procesos ou servizos pouco eficientes por alternativas de maior impacto. A PI recolle, valoriza e acompaña estas ideas ou proxectos co fin de convertelas en proxectos con resultados aplicables á realidade cotiá da práctica asistencial e estendelos a todo o Sistema Público de Saúde de Galicia. Para a promoción e dinamización da achega de ideas á PI por parte de calquera profesional do Sistema Público de Saúde de Galicia creouse un nodo de innovación (NI) en cada unha das sete áreas sanitarias de Galicia.

Esta rede de sete nodos de innovación recolle e comparte coa Plataforma de Innovación baixo un modelo de gobernanza coordinado e aberto aquelas ideas que están aliñadas ca Estratexia 2020 do Servizo Galego de Saúde, que sexan innovadoras e presenten beneficios para o Sistema Público de Saúde de Galicia e os seus usuarios.

Esta primeira edición dos Premios de innovación en saúde pretende premiar aquelas ideas innovadoras que teñen potencialidade para entrar na PI, polo tanto, premiaranse novas ideas que non se estean a desenvolver dentro dela. As sucesivas edicións dos presentes premios poderán premiar xa aqueles proxectos de innovación máis maduros que estean desenvolvéndose dentro da Plataforma de Innovación como canle nucleadora e vertebradora da innovación dentro do sistema sanitario público galego.

Así mesmo, coa finalidade de impulsar a participación dos pacientes nos procesos de I+D+i e nas incorporacións de innovacións na sanidade pública, prevese unha categoría especial de ideas presentadas directamente por persoas físicas, asociacións ou organizacións de pacientes para os efectos de que poidan ser postas en marcha dentro do sistema sanitario público de Galicia.

Polo exposto, e no uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, a primeira edición dos Premios de innovación en saúde do Sistema Público de Saúde de Galicia, para premiar as ideas de innovación dos profesionais sanitarios no ámbito da Consellería de Sanidade e no seu sector público no ano 2019, así como as dos pacientes. Os premios pretenden potenciar as ideas innovadoras nas cales os seus profesionais traballan, para mellorar a calidade de vida das persoas e a sustentabilidade do sistema sanitario público galego, e tamén aquelas propostas por persoas físicas (pacientes, coidadores, etc.), organizacións ou asociacións de pacientes sen ánimo de lucro.

Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse os premios ao abeiro destas bases (código de procedemento SA304A).

Artigo 2. Normativa aplicable

A concesión dos premios efectuarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, así como os de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

A tramitación destes premios realizarase con suxeición ao previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no que poida ser aplicable na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 3. Ámbito de aplicación

Innovación que se realiza no Sistema Público de Saúde de Galicia que xere servizos de maior calidade e dea resposta aos retos en saúde que presenta a nosa sociedade.

Artigo 4. Candidaturas

1. Respecto á modalidade de idea de profesionais: persoal ao servizo do Sistema Público de Saúde de Galicia que desenvolva unha idea innovadora no sistema sanitario galego. As persoas físicas que presenten unha idea poden representar un equipo (máximo 4 persoas, incluído o representante), que deberá describirse tal e como se recolle no artigo 7 desta resolución.

2. Respecto á modalidade de idea de pacientes: poderá presentar a súa idea calquera persoa física (pacientes, coidadores, etc.), organización ou asociación de pacientes sen ánimo de lucro. Tamén poderán presentarse varias persoas físicas, organizacións ou asociacións de pacientes representadas por unha delas (máximo 4 incluído o representante).

3. Non poden optar ao premio os membros do xurado ou persoas vinculadas a eles por parentesco de consanguinidade ou afinidade.

Artigo 5. Características dos Premios de innovación en saúde

1. Os premios consistirán en:

• Modalidade de idea de profesionais: o premio consistirá nunha visita organizada a un centro innovador de ámbito internacional, a asistencia a cursos de formación ou a congresos relacionados coa innovación e contará cunha dotación económica máxima de 6.500 € para aloxamento, viaxe e axudas de custo de manutención, cun límite de 1.625 € por persoa.

• Modalidade de idea de pacientes: o premio terá unha dotación económica máxima de 2.000 €, que se deberán empregar para a formación en aspectos relacionados cos fins fundacionais da asociación ou organización sen ánimo de lucro relacionada coa saúde que o gañador desta modalidade seleccione.

2. O financiamento dos premios referidos no punto 1 anterior impútase á aplicación orzamentaria 2019.12.A1.411A.480.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2019.

As persoas gañadoras recibirán o premio en especie e a ACIS encargarase de contratar e pagar os gastos correspondentes ao premio de cada modalidade e aplicará as retencións fiscais que procedan sen superar en ningún caso os importes indicados.

3. Os gañadores das dúas modalidades de premios recibirán un diploma acreditativo.

4. Todos os gañadores poderán facer uso de tal circunstancia no material promocional da súa actividade, sempre que nel se faga constar ano e organismo que convoca os premios.

5. As candidaturas que sexan galardoadas co premio deberán continuar no proceso de innovación aprobado pola Administración na Plataforma de Innovación Sanitaria para a seu posible desenvolvemento ou implantación no Servizo Galego de Saúde. O Servizo Galego de Saúde impulsará as ideas galardoadas para a súa implantación no sistema.

Tamén poderán continuar no proceso de innovación aprobado pola Administración na Plataforma de Innovación Sanitaria para o seu acompañamento as catro ideas preseleccionadas e non galardoadas en cada unha das modalidades.

6. O Servizo Galego de Saúde poderá promover, de acordo cos ganadores dos premios, o desenvolvemento posterior das súas ideas nas súas instalacións e coa sua colaboración. No caso de que no marco destes desenvolvementos posteriores xurda un resultado susceptible de protección mediante un título de propiedade industrial ou intelectual, o Servizo Galego de Saúde tería o dereito, pero non a obriga, de protexelo sendo o Servizo Galego de Saúde o único titular deste, respectándolles a todos os seus participantes o dereito a seren recoñecidos como autores intelectuais e inventores seus.

Artigo 6. Prazo de presentación de candidaturas

O prazo de presentación de candidaturas comezará o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 29 de novembro de 2019. O solicitante deberá conservar no seu poder a documentación acreditativa da súa presentación.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. Na modalidade de idea de profesionais, tanto a persoa asinante como, se é o caso, todos os membros do seu equipo que presenten a candidatura, deberán ser persoal tanto ao servizo da consellería competente en materia de sanidade, do Servizo Galego de Saúde ou das restantes entidades instrumentais do sector público autonómico pertencentes ao Sistema Público de Saúde de Galicia, e deberán acreditar a súa vinculación con el.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de empregado público e, en concreto, para os profesionais do Servizo Galego de Saúde e as organizacións e asociacións de pacientes sen ánimo de lucro.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto co anexo I a seguinte documentación (só se aplica á modalidade de idea de profesionais):

– Descrición do grupo de traballo (máximo 1 páxina cada CV en formato pdf) e un breve currículum vítae (CV) dos membros do grupo, indicando de maneira clara un responsable del que será o que presente a candidatura.

A información que debe figurar no anexo I é a seguinte:

a) Modalidade de idea de profesionais.

– Datos da persoa ou do grupo de traballo solicitante.

– Nome da idea.

– Necesidade detectada.

– Descrición da idea/solución.

– Contorno de desenvolvemento ou aplicación.

– Impacto/beneficio esperado.

– Obxectivos e prioridades con que se aliña.

– Aspectos innovadores/tipo de innovación.

– Análise da situación (estado da arte).

– Fase da tecnoloxía ou produto.

– Factores críticos de éxito e barreiras.

– Descrición da incorporación de cidadáns ou pacientes no desenvolvemento da idea.

– Recursos necesarios para o seu desenvolvemento.

b) Modalidade de idea de pacientes.

– Datos da persoa, organización ou asociación solicitante.

– Nome da idea.

– Necesidade detectada.

– Descrición da idea/solución.

– Contorno de desenvolvemento ou aplicación.

– Impacto/beneficio esperado.

– Aspectos innovadores/tipo de innovación.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se presenta de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Todos os anexos deberán estar asinados polo representante da idea. Só se admitirán aquelas candidaturas que estean debidamente asinadas.

4. A documentación presentada non será devolta nin se manterá correspondencia sobre ela. Non se poderá presentar documentación adicional unha vez finalizado o prazo de admisión de candidaturas, salvo que sexa requirida polo órgano instrutor durante o período de emenda.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificado de estar ao día das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

e) Certificado de estar ao día no pagamento da Axencia Tributaria de Galicia.

f) Certificado de estar ao día no pagamento da Seguridade Social.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa solicitante, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Emenda de candidaturas

Se a documentación presentada fose incompleta ou adoecera de defectos emendables, requirirase o interesado para que no prazo de 10 días emende o defecto ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer, lle será denegada a participación nesta convocatoria, logo de resolución que será ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Criterios de valoración

Na valoración das ideas teranse en conta os seguintes criterios:

1. Modalidade idea de profesional:

a) Prioridade estratéxica de innovación do Sistema Público Galego de Saúde: valorarase o grao de idoneidade para desenvolver un proxecto nun momento concreto polas circunstancias específicas que o determinen. Ata 20 puntos.

b) Aliñamento e impacto coa Estratexia 2020 do Servizo Galego de Saúde: valorarase o grao de consonancia do proxecto proposto coa estratexia do Servizo Galego de Saúde. Ata 20 puntos.

c) Escalabilidade: valorarase o nivel en que as ideas son extrapolables máis alá do centro en que se propoñen. Ata 10 puntos.

d) Innovación: valorarase a achega innovadora que supón fronte á práctica habitual. Ata 20 puntos.

e) Beneficios para o sistema sanitario público galego ou usuarios do sistema. Ata 10 puntos.

f) Participación dos cidadáns e pacientes: valorarase a involucración dos cidadáns e pacientes na iniciativa innovadora. Ata 10 puntos.

g) Recursos necesarios para o seu desenvolvemento. Ata 10 puntos.

2. Modalidade idea de paciente:

a) Aliñamento e impacto coa Estratexia 2020 do Servizo Galego de Saúde: valorarase o grao de consonancia do proxecto proposto coa estratexia do Servizo Galego de Saúde. Ata 40 puntos.

b) Innovación: valorarase a achega novidosa que supón fronte á práctica habitual. Ata 40 puntos.

c) Beneficios para o sistema sanitario público galego ou usuarios do sistema. Ata 20 puntos.

3. As ideas presentadas deberán demostrar que xeran un valor para os pacientes e o sistema sanitario, ben en termos de mellora da calidade de vida dos pacientes e/ou en mellora da eficiencia no servizo sanitario no ámbito da provisión de servizos, prácticas asistenciais ou de xestión.

4. Non poderán presentarse ideas xa comercializadas, transferidas á industria nin aquelas que teñan comprometida a súa licenza con algunha organización ou empresa.

5. As ideas galardoadas deberán continuar no proceso de innovación descrito na páxina web de ACIS (https://acis.sergas.gal) para o seu posible desenvolvemento e implantación no Servizo Galego de Saúde.

Artigo 15. O xurado

1. Designarase un xurado común para as dúas modalidades desta convocatoria.

2. A composición do xurado terá en conta o principio de paridade entre homes e mulleres e será a seguinte:

a) Presidenta: a persoa titular da Xerencia da ACIS.

b) Os vogais: persoas representantes de cada unha das seguintes unidades administrativas:

b.1. A persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde ou persoa en quen delegue.

b.2. A persoa titular da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde ou persoa en quen delegue.

b.3. A persoa titular da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde ou persoa en quen delegue.

b.4. A persoa titular da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información do Servizo Galego de Saúde ou persoa en quen delegue.

b.5. A persoa titular da Subdirección Xeral de Atención ao Cidadán e Calidade.

c) Secretario/a: unha persoa representante da ACIS, con voz pero sen voto.

3. En caso de ausencia ou de enfermidade e en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, a substitución do/da presidente/a, os vogais e o/a secretario/a do xurado farase de acordo co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e, de ser o caso, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

4. O xurado valorará a información recibida dos candidatos de acordo cos criterios que se establecen nesta convocatoria.

5. De producirse empate entre as votacións a máis dun candidato, decidirá o voto de calidade do presidente.

6. O xurado poderá propoñer que se declare deserta a concesión do premio en calquera das súas modalidades, cando considere que ningunha das candidaturas presentadas reúnen a calidade suficiente.

Artigo 16. Proceso de selección

Unha vez pechado o prazo de presentación de candidaturas, o titular da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria revisará as solicitudes e a documentación presentada.

Se a documentación presentada fose incompleta ou adoecera de defectos emendables, requirirase os interesados para que no prazo de 10 días emenden o defecto ou xunten os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixeren, lles será denegada a participación nesta convocatoria, logo de resolución que será ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Posteriormente, un comité de selección constituído polo titular da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria e un representante de cada un dos sete nodos de innovación que forman parte da Plataforma de Innovación Sanitaria, seleccionará un máximo de cinco candidaturas por cada modalidade de premio para a súa valoración polo xurado.

O citado comité de selección aplicará os criterios de valoración recollidos no artigo 14 da presente convocatoria.

Artigo 17. Resolución e notificación

Á vista da proposta do xurado, a persoa titular da presidencia da ACIS ditará a resolución de concesión dos premios no prazo de 15 días hábiles contados desde a presentación da proposta polo xurado e farase pública a través das páxinas web do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es e da ACIS www.acis.sergas.es.

En caso de silencio administrativo, a proposta considerarase rexeitada. A resolución da Presidencia da ACIS pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia da ACIS, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou ben de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 8.2.a) e 14 e 46, respectivamente, da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza o rexeitamento presunto do recurso de reposición interposto.

Artigo 18. Información e control

As persoas beneficiarias do premio quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente de resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou polo Consello de Contas, segundo a súa propia normativa.

Artigo 19. Entrega de premios

Farase entrega dos premios nun acto público organizado pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde con representación institucional e coa axeitada campaña de difusión entre a sociedade.

A aceptación do premio leva implícito o consentimento para que a ACIS e a Consellería de Sanidade difundan nos medios de comunicación os gañadores dos premios.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Sanidade-Secretaría Xeral Técnica-Servizo Galego de Saúde-ACIS, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e nos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Presidente da Axencia para a Xestión do Coñecemento en Saúde

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file