Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Mércores, 25 de setembro de 2019 Páx. 42520

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 13 de setembro de 2019 pola que se convoca concurso público para a elaboración de listas de agarda de persoal docente e investigador contratado interino para cubrir necesidades docentes urxentes e inaprazables de distintas áreas de coñecemento para o curso académico 2019/20.

Esta reitoría resolve convocar un concurso público para a elaboración de listas de agarda de persoal docente e investigador contratado interino en previsión de que resulte imprescindible cubrir necesidades docentes por razón de causas sobrevidas, urxentes e inaprazables nas áreas de coñecemento que se relacionan no anexo I, de conformidade coas seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Este concurso réxese polo disposto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril (en diante, LOU); na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPACAP); na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, LRXSP); no Decreto 266/2002, do 6 de setembro, sobre contratación de profesorado universitario; nos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro; no Regulamento de selección de profesorado non permanente, aprobado por acordo do Consello de Goberno da USC do 8 de abril de 2019; no II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, subscrito con data do 26 de xaneiro de 2011 (DOG do 14 de abril), prorrogado con data do 12 de xullo de 2013 (DOG do 29 de xullo) (en diante, Convenio), e nas bases desta convocatoria.

1.2. As referencias que para cada posto de traballo se conteñen nesta convocatoria en relación coas obrigas docentes e de investigación que deberán asumir as persoas seleccionadas non suporán en ningún caso para quen obteña estes postos un dereito de vinculación exclusiva a esas actividades, nin limitarán a competencia da Universidade para asignarlles unhas tarefas docentes e investigadoras diferentes. Do mesmo xeito, a referencia ao centro en que se deberá desenvolver a actividade docente non suporá o dereito a non exercer actividade docente ou investigadora noutro centro dependente da propia universidade, aínda no caso de que radique en localidade distinta.

1.3. Cando os prazos a que fai referencia esta convocatoria se expresen en días entenderase que estes son hábiles, excluíndose do cómputo os sábados e domingos e os declarados festivos, segundo o disposto no artigo 30 da LPACAP. Consideraranse festivos para estes efectos os festivos locais tanto de Santiago de Compostela como de Lugo, e ampliarase en calquera caso en ambos os dous campus o prazo establecido por un número de días igual ao dos festivos existentes.

Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

O mes de agosto será inhábil para a publicación e para a reunión das comisións de selección.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Requisitos de carácter xeral para poderen ser admitidas neste concurso:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún estado membro da Unión Europea ou país estranxeiro que, nos termos previstos no artigo 52 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, permita o acceso ao emprego público.

b) Estar en posesión da titulación e demais requisitos exixidos na convocatoria para cada tipo de praza.

c) Ter cumpridos os 16 anos de idade.

d) Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

e) Acreditar o coñecemento das dúas linguas oficiais na Universidade de Santiago de Compostela, de conformidade co establecido na lexislación vixente.

f) Non ter sido despedido ou separado mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin estar na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se tratara de acceder á mesma categoría profesional a que pertencía.

No caso de nacionais doutros estados, non estar inhabilitado ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

g) Non ter sido condenado por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe a agresión e abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así́ como por tráfico de seres humanos.

h) Aboar as taxas previstas na base 3.5.

2.2. Requisitos de carácter específico.

Están recollidos no anexo II desta convocatoria.

2.3. O cumprimento destes requisitos, tanto de carácter xeral como específico, agás o sinalado no punto 2.1.e), estará referido sempre á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación e deberase manter ao longo de todo o proceso selectivo.

3. Solicitudes.

3.1. As persoas que desexen participar nesta convocatoria deberán presentar a súa solicitude, acompañada da documentación correspondente, unicamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da USC (https://sede.usc.es/sede/publica/catalogo/procedemento/114/ver.htm), para o que deberán empregar os medios de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da USC (https://sede.usc.es/sede/publica/informacion/aspectosTecnicos.htm).

De xeito excepcional para este procedemento, as persoas de nacionalidades distintas da española poderán usar como medios de identificación as credenciais de Google, Microsoft ou Facebook.

No caso de que desexen participar en máis dun concurso, deberán presentar unha solicitude para cada un deles. A non presentación da instancia será causa de exclusión e non poderá repararse no prazo establecido na base 5.2 desta convocatoria.

3.2. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia presentada.

A inexactitude, falsidade ou omisión de carácter esencial de calquera dato ou información na declaración, así como a non presentación da documentación cando lle sexa requirida, determinará a non selección e/ou a non formalización do contrato de traballo, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedesen.

Este procedemento desenvolverase de forma electrónica polo que, se a persoa aspirante desexa recibir avisos das notificacións que a USC poña á súa disposición, é imprescindible que indique na epígrafe de «Medios de aviso de notificación» do formulario, o teléfono e enderezo electrónico válidos. As notificacións electrónicas realizaranse por comparecencia en sede electrónica.

3.3. Co fin de garantir a participación en condicións de igualdade, aquelas persoas con necesidades específicas derivadas de alteracións físicas, psíquicas ou sensoriais cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar as medidas ou os recursos adicionais necesarios para desenvolver o procedemento selectivo.

Quen solicite proba adaptada deberao facer constar expresamente no momento da inscrición e motivalo.

3.4. As solicitudes deberán presentarse no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

3.5. Dereitos de exame.

As persoas aspirantes deberán aboarlle á USC, por cada concurso en que soliciten participar, a cantidade de 17,60 euros en concepto de dereitos de exame.

Estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % e tamén as que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50 % da taxa os membros de familias numerosas de categoría xeral, e as persoas que figurasen como demandantes de emprego desde polo menos seis meses antes da data de publicación desta convocatoria, e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Todas as circunstancias que supoñen unha bonificación total ou parcial das taxas por dereitos de exame deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, achegando copia da cualificación do grao de discapacidade ou do carné de familia numerosa segundo corresponda. As relativas á condición de demandante de emprego, así como o de non percibir prestación ou subsidio por desemprego, deberanse acreditar con certificados expedidos polo Servizo Público de Emprego.

A persoa solicitante deberá realizar a liquidación de taxas e o seu aboamento a través dun dos seguintes medios:

– Pagamento presencial a través do impreso de autoliquidación. Para iso, deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento e realizar o ingreso na entidade bancaria.

– Pagamento electrónico mediante cartón de crédito.

En ningún caso a presentación e pagamento da taxa suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude. Entenderase como defecto non emendable non realizar o pagamento dentro do prazo de presentación de solicitudes.

Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo de presentación de solicitudes.

Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer constar a entidade bancaria e o seu número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

Para calquera aclaración ou información sobre a tramitación electrónica, as persoas solicitantes poderanse poñer en contacto co Centro de Atención aos/ás Usuarios/as seguindo o procedemento indicado na páxina http://www.usc.gal/gl/servizos/atic/cau/.

4. Documentación acreditativa de requisitos e méritos.

Xunto coa solicitude, e sempre a través da aplicación mencionada no parágrafo 3.1, presentaranse os méritos alegados no currículo en formato PDF.

A documentación que, en todo caso, debe presentarse é a seguinte:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade, pasaporte ou documento acreditativo da nacionalidade.

As/os descendentes e descendentes do cónxuxe non separado de dereito deberán presentar, ademais, os documentos acreditativos do vínculo de parentesco e, de ser o caso, do feito de viviren a expensas ou estaren a cargo do nacional dun Estado membro da Unión Europea ou doutros Estados, cando así o estableza un tratado internacional subscrito pola Unión Europea e ratificado por España, con que teña o dito vínculo. A acreditación realizarase por medio de certificados expedidos polas autoridades competentes do seu país de orixe, traducidos a algunha das linguas oficiais da USC.

b) Fotocopia do título universitario oficial ou, de ser o caso, certificación supletoria correspondente.

Os títulos expedidos por universidades ou autoridades estranxeiras deberán ser acreditados por algún dos seguintes procedementos:

– Mediante unha resolución de homologación ditada polo ministerio competente na materia.

– Mediante o recoñecemento do ministerio competente na materia para títulos expedidos por universidades ou autoridades dos países membros da Unión Europea ou do espazo económico europeo.

– Mediante calquera outro procedemento de acreditación que regulamentariamente se determine.

c) De conformidade co indicado no parágrafo 2.1.e), as persoas aspirantes deberán acreditar o coñecemento das dúas linguas oficiais na Universidade de Santiago de Compostela, de conformidade co establecido na lexislación vixente. O coñecemento do español acreditarase mediante un diploma de español como lingua estranxeira de nivel B2 ou superior. As persoas que sexan nacionais de Estados que teñen o español como lingua oficial non terán que acreditar o seu coñecemento. A acreditación do coñecemento do idioma galego farase mediante un diploma Celga 3 ou equivalente.

A falta de acreditación documental deste requisito non será causa de exclusión. A comisión encargada de resolver o concurso poderá verificar o coñecemento do idioma e, en caso necesario, poderá solicitar o asesoramento de persoas expertas. De non ser así, a acreditación do coñecemento do idioma farase a través dunha proba específica, que terá lugar antes de que transcorran dous anos desde a contratación.

d) Relación dos méritos alegados, xunto coa súa acreditación.

e) A forma de acreditación dos requisitos e méritos está recollida nos anexos II e III desta convocatoria.

Serán obxecto de valoración exclusivamente os méritos alegados polas persoas concursantes no dito currículo, sempre que se posúan na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e que dentro do dito prazo estean correctamente acreditados, de acordo co establecido no anexo III desta convocatoria.

No presente concurso, consonte o artigo 28 da LPACAP, enténdese outorgado o consentimento á USC (agás oposición expresa manifestada na solicitude de participación, en cuxo caso será necesario agregalos) para a obtención dos datos correspondentes ao rendemento académico e á experiencia docente cando estes méritos correspondan a actividades desenvolvidas na USC, sen prexuízo da necesidade de incluílos na relación de méritos. Non obstante, no caso de titulacións acadadas nesta universidade con anterioridade a 1988, recoméndase a presentación das certificacións académicas correspondentes. O expediente académico será valorado como aprobado cando se acredite estar en posesión dun título e non se presente a certificación das cualificacións correspondentes.

Non se admitirá ningunha documentación acreditativa de méritos unha vez que remate o prazo de presentación de solicitudes, nin sequera no prazo de emenda de documentación a que se refire a base 5.2. A non acreditación en prazo dos méritos alegados non determinará a exclusión da persoa aspirante ao concurso, pero impedirá o cómputo e valoración de tales méritos no baremo establecido.

Non presentar os documentos especificados nas alíneas a) e b) será causa de exclusión, que deberá repararse no prazo establecido na base 5.2 desta convocatoria.

5. Admisión de aspirantes.

5.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, nun prazo de dez (10) días hábiles a Vicerreitoría de Profesorado publicará no taboleiro electrónico da USC (https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm) unha resolución que aprobe a lista provisoria de aspirantes admitidos e excluídos. Así mesmo, esta información difundirase a través da web http://www.usc.gal/profesorado.

5.2. Contra esta resolución, e nun prazo máximo de cinco días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico da USC, as persoas interesadas poderán presentar unha reclamación perante o reitor para repararen os defectos que motivasen a exclusión ou omisión da devandita listaxe. Se non o fan, serán excluídos definitivamente da realización das probas.

5.3. Para emendar a exclusión ou omisión cubrirase o formulario que se atopa na páxina web do Servizo de Planificación de PDI, que deberá presentarase exclusivamente a través do rexistro electrónico por sede electrónica, como anexo á solicitude de emenda.

5.4. Rematado o prazo para reparar os defectos que motivaron a exclusión ou omisión das persoas aspirantes, a Vicerreitoría de Profesorado aprobará e publicará, no prazo máximo de dez días hábiles, a lista definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, nos lugares indicados na base 5.1. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderanse interpor os recursos oportunos.

5.5. A inclusión na listaxe definitiva de admitidos/as non prexulga o cumprimento dos requisitos normativamente exixidos para a sinatura do correspondente contrato na categoría docente de que se trate. A posesión dos requisitos exixidos terá que acreditarse no seu momento.

6. Comisións de selección e desenvolvemento dos concursos.

6.1. Os concursos obxecto desta convocatoria serán resoltos polas comisións de selección que se publicarán no enderezo electrónico http://www.usc.gal/profesorado.

Estas comisións rexeranse polo disposto no Regulamento para a selección de profesorado non permanente da USC.

6.2. As comisións de selección constituiranse no prazo máximo de dous meses desde o día seguinte ao da data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

7. Procedemento de selección.

7.1. O procedemento de selección estrutúrase, para as prazas de profesorado interino de substitución e listas de agarda, segundo se indica no anexo II desta convocatoria.

7.2. A orde de actuación das persoas aspirantes a prazas con probas orais seguirá a ordenación alfabética por apelido a partir da letra «Q», de conformidade co establecido na Resolución do 24 de xaneiro de 2019 da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia (DOG do 5 de febreiro).

8. Proposta de contratación.

8.1. No prazo máximo de tres días desde o seguinte ao da finalización das fases previstas no artigo 18 do Regulamento, faranse públicas no taboleiro electrónico da Universidade as listas de agarda, ordenadas pola puntuación acadada no proceso polas persoas aspirantes.

Unha vez publicadas, as comisións de selección remitirán o expediente completo á Vicerreitoría de Profesorado.

8.2. Contra as propostas de listas de agarda as persoas interesadas poderán interpoñer reclamación ante a Reitoría nun prazo de dez días contado desde o seguinte ao da publicación da devandita proposta. A admisión a trámite da reclamación non suspenderá a utilización da lista para contratación de profesorado por razóns sobrevidas, urxentes e inaprazables, salvo resolución motivada en contrario. As reclamacións serán instruídas por unha comisión de revisión, que estará presidida pola persoa titular da Reitoría ou da Vicerreitoría en que delegue.

9. Resolucións reitorais de contratación, presentación de documentos e formalización dos contratos.

9.1. Producida a necesidade docente nunha das áreas do presente concurso, o Servizo de Persoal Docente e Investigador convocará a persoa candidata segundo a orde de prelación para que achegue copia compulsada (ou copia simple acompañada dos respectivos orixinais para o seu cotexo) daqueles documentos que avalen o cumprimento dos requisitos exixidos nesta convocatoria, así como a documentación necesaria para formalizar o contrato.

9.2. A Reitoría ditará resolución autorizando cando proceda a contratación da persoa candidata. A resolución farase pública no taboleiro electrónico da Universidade. Esta publicación substituirá a notificación persoal aos interesados e producirá os mesmos efectos, segundo o previsto no artigo 45.1 da LPACAP.

9.3. As persoas seleccionadas deberán asinar o contrato nun prazo de cinco días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución pola que se autorice a contratación. Con carácter excepcional, tras a solicitude motivada da persoa interesada e de acordo coas necesidades do servizo, este prazo poderá ser modificado pola Reitoría.

9.4. Antes de proceder á sinatura, as persoas seleccionadas deberán presentar a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos para acceder a cada tipo de praza nos termos previstos na LPACAP.

Estes documentos deberán presentarse:

• No Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador, Colexio de San Xerome, Santiago de Compostela, se a praza se convocou para Santiago de Compostela.

• Na Vicexerencia, Edificio Biblioteca Intercentros, Lugo, se a praza se convocou para Lugo.

A acreditación dos requisitos exixidos na base 2.1.a) deberá axustarse ao seguinte:

a) Para as persoas aspirantes nacionais dos Estados membros da Unión Europea, doutros Estados parte do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo (Islandia, Liechtenstein, Noruega) ou da Confederación Suíza, será suficiente coa copia compulsada (ou simple xunto co respectivo orixinal para o seu cotexo) do documento acreditativo da nacionalidade. As persoas aspirantes nacionais dos restantes Estados deberán acreditar, ademais, que teñen recoñecida a autorización de traballo.

b) As persoas aspirantes cónxuxes de nacional español, nacional doutro Estado membro da Unión Europea ou nacional doutros Estados, cando así se estableza nun tratado internacional subscrito pola Unión Europea e ratificado por España, deberán presentar, ademais do indicado na alínea a), os documentos acreditativos do vínculo matrimonial e unha declaración xurada do seu cónxuxe de non estar separado de dereito del ou dela.

c) Os documentos que así o precisen deberán presentarse traducidos a algunha das linguas oficiais da USC.

A acreditación do requisito exixido na base 2.1.g) farase mediante certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais. O dito certificado pode solicitarse ao ministerio con competencias en materia de xustiza.

A acreditación do requisito exixido na base 2.1.d) farase mediante a presentación de certificado médico oficial ou informe de saúde emitido polo Servizo Galego de Saúde.

Agás supostos de forza maior, quen non presente a documentación referida ou cando do seu exame se deduza que carece dos requisitos requiridos decaerá no seu dereito para desempeñar o posto para o que foi seleccionado, e a Universidade formalizará a contratación coa persoa proposta na seguinte posición.

9.5. Con carácter xeral, os contratos que deriven desta convocatoria producirán efectos desde a data en que se asinen, agás que neles se dispoña outra cousa, sen que en ningún caso poidan ter efectos retroactivos. Tan só unha vez formalizada a relación xurídica terá lugar o inicio da prestación de servizos e, polo tanto, a devindicación das retribucións asignadas á praza obtida.

9.6. Cando nunha mesma data se autorice a contratación dunha persoa candidata para ocupar máis dunha praza, a sinatura dun dos contratos suporá a renuncia ao dereito a ser contratada nas outras prazas para as cales fose proposta. A sinatura do contrato suporá tamén a renuncia á praza que, de ser o caso, se estivese ocupando con anterioridade, salvo que ambos os postos resulten compatibles.

9.7. Consonte o disposto nos artigos 3 ao 10 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, os contratos de profesor/a interino/a non serán compatibles con outra actividade no sector público, agás os casos establecidos para contratos a tempo parcial. A persoa interesada deberá manifestar no acto de sinatura do contrato que non desempeña ningún posto ou actividade no sector público nin realiza actividade privada incompatible.

No caso de que o candidato desempeñe un posto no ámbito privado susceptible de ser compatibilizado, deberá solicitar a compatibilidade nesta universidade.

10. Características dos contratos.

10.1. Retribucións.

Os contratos que se formalicen en virtude desta convocatoria terán as remuneracións que se sinalan no artigo 32 do Convenio colectivo para o PDI laboral.

10.2. Duración dos contratos.

A dedicación e duración dos contratos corresponderase coas necesidades de docencia sobrevidas durante o curso académico e terán efectos a partir da data de sinatura de cada un deles ou da que se determine na resolución de autorización da contratación se é posterior.

10.3. Vixencia das listas.

As listas de agarda terán unha vixencia limitada aos dos cursos posteriores ao curso académico en que se xeraron, sen prexuízo da duración dos contratos derivados da súa utilización, que estará en función da necesidade docente que motivou a contratación.

11. Notificacións.

De conformidade co artigo 45.1.b) da LPACAP, as publicacións detalladas nestas bases, así como a información doutros acto que dela se deriven, que requiran publicación, para efectos de notificación realizaranse no taboleiro electrónico da USC (https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/), única notificación válida, para os efectos do artigo antes mencionado.

Norma derradeira

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade cos artigos 46 e 8.2.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado en canto non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da LPACAP.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2019

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela
P.D. (R.R. 20.6.2018, DOG do 29 de xuño)
Ernesto González Seoane
Vicerreitor de Profesorado

ANEXO I

Relación de áreas de coñecemento para as que se convoca a lista de agarda

Profesor interino de substitución:

Nº de concurso: L055/19-20.

Área de coñecemento: Análise Xeográfica Rexional.

Departamento: Xeografía.

Perfil: materias da área.

Nº de concurso: L056/19-20.

Área de coñecemento: Comercialización e Investigación de Mercados.

Departamento: Organización de Empresas e Comercialización.

Perfil: materias da área.

Nº de concurso: L057/19-20.

Área de coñecemento: Comunicación Audiovisual e Publicidade.

Departamento: Ciencias da Comunicación.

Perfil: materias da área.

Nº de concurso: L058/19-20.

Área de coñecemento: Dereito Internacional Público e Relacións Intern.

Departamento: Dereito Público e Teoría do Estado.

Perfil: materias da área.

Nº de concurso: L059/19-20.

Área de coñecemento: Organización de Empresas.

Departamento: Organización de Empresas e Comercialización.

Perfil: materias da área.

ANEXO II

Profesorado interino de substitución e listas de agarda

1. Requisitos específicos.

Titulacións de grao e máster oficial, ou ben de licenciatura, arquitectura, enxeñaría ou equivalente, agás nas áreas de coñecemento para as que o Consello de Universidades determinase con carácter xeral a suficiencia do título de diplomatura, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

2. Duración dos contratos.

Ata a reincorporación da persoa substituída ou ata o final do curso académico en que se produza a substitución. No caso de que a causa de substitución persista á finalización do curso académico, o contrato poderase prorrogar logo de informe favorable do departamento correspondente.

3. Procedemento selectivo.

Os concursos para a selección de profesorado interino de substitución e para a elaboración de listas de agarda constarán de dúas fases:

a) A primeira fase terá carácter eliminatorio e consistirá na valoración dos méritos e historial académico, docente, investigador e, de ser o caso, profesional ou sanitario-asistencial alegados polas persoas candidatas. A comisión de selección valorará os currículos das persoas aspirantes aplicando os criterios que determine e de acordo cos baremos que correspondan á categoría, recollidos no punto 4 do presente anexo. Concluída a valoración dos currículos, os resultados faranse públicos a través do taboleiro electrónico. A comisión indicará a relación de aspirantes que pasan á segunda fase e fará pública a convocatoria para a realización do exercicio correspondente, que non poderá iniciarse antes de transcorridos dous días desde a convocatoria, agás renuncia expresa a este prazo das persoas aspirantes. A publicación incluirá a data, a hora e o lugar de celebración.

b) A segunda fase consistirá na presentación oral por parte do candidato, durante un tempo máximo de vinte minutos, dun proxecto de actividades docentes correspondente á materia que determine a convocatoria. Con carácter xeral, o proxecto deberá corresponder, consonte o indicado no perfil da praza, a unha materia de formación básica ou obrigatoria das cursadas para a obtención dun título de grao impartido na USC. Con anterioridade ao inicio da proba, o candidato deberá entregar aos membros da comisión un resumo ou esquema do seu proxecto, que como máximo poderá conter 1.000 palabras. A seguir, a comisión debaterá co candidato sobre o contido da súa exposición por un espazo máximo de trinta minutos. A comisión valorará esta presentación tendo en conta os contidos e o dominio da materia, a claridade expositiva e a capacidade de resposta do candidato ás cuestións que se lle formulen, e sempre de acordo co establecido no baremo que figura no punto 4 do presente anexo.

A cualificación final do proceso será a suma aritmética das puntuacións correspondentes ás dúas fases do concurso.

4. Baremo.

Para cada epígrafe dos baremos establécese unha valoración máxima. No suposto de que algún aspirante supere esa valoración, normalizarase a puntuación obtida por todos os aspirantes nesa mesma epígrafe.

1. Rendemento académico. A valoración máxima será de 20 puntos.

1.1. Expediente académico de grao e máster ou ben de licenciatura. A valoración máxima será de 10 puntos. A valoración dos expedientes realizarase de acordo co establecido no Protocolo de colaboración sobre valoración de expedientes académicos subscrito o 15 de setembro de 2011 pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo (DOG do 30 de setembro de 2011) No caso de titulacións que, segundo o criterio razoado da comisión, correspondan a áreas afíns a aquela para a que se convoca a praza, a puntuación asignada multiplicarase por 0,6 ou por 0,3 en función do grao de afinidade.

1.2. Doutoramento. A valoración máxima será de 8 puntos e realizarase de acordo coas seguintes táboas de equivalencias: sobresaliente cum laude (8 puntos), sobresaliente (6 puntos), notable (4 puntos), aprobado (2 puntos). No caso de que o sistema de cualificación conste únicamente de dous graos a valoración será a seguinte: apto cum laude (8 puntos), apto (4 puntos). No caso de titulacións que, segundo o criterio razoado da comisión, correspondan a áreas afíns a aquela para a que se convoca a praza, a puntuación asignada multiplicarase por 0,6 ou por 0,3 en función do grao de afinidade.

1.3. Mención de doutoramento internacional ou outras mencións de calidade. A valoración máxima será de 2 puntos.

2. Postos desempeñados no ámbito da Universidade ou de organismos públicos de investigación. A valoración máxima será de 35 puntos. Valoraranse unicamente méritos acreditados nos dez anos anteriores á convocatoria do concurso, tomando como data de referencia a de remate do período de presentación de solicitudes.

2.1. Postos docentes universitarios. A valoración máxima será de 25 puntos.

2.1.1. Docencia a tempo completo na área de coñecemento: 2,5 puntos por curso. Para períodos inferiores a un curso asignarase a puntuación proporcional que corresponda.

2.1.2. Docencia a tempo completo nunha área afín: 1,25 puntos por curso. Para períodos inferiores a un curso asignarase a puntuación proporcional que corresponda.

2.1.3. Docencia a tempo parcial na área de coñecemento, con dedicación P6 ou equivalente: 1,8 puntos por curso. Para períodos inferiores a un curso asignarase a puntuación proporcional que corresponda.

2.1.4. Docencia a tempo parcial nunha área afín, con dedicación P6 ou equivalente: 0,9 puntos por curso. Para períodos inferiores a un curso asignarase a puntuación proporcional que corresponda.

2.1.5. Docencia a tempo parcial na área de coñecemento, con dedicación P3 ou equivalente: 0,9 puntos por curso. Para períodos inferiores a un curso asignarase a puntuación proporcional que corresponda.

2.1.6. Docencia a tempo parcial nunha área afín, con dedicación P3 ou equivalente: 0,45 puntos por curso. Para períodos inferiores a un curso asignarase a puntuación proporcional que corresponda.

2.2. Bolsas e contratos de investigación posdoutorais obtidos no marco de programas competitivos de recursos humanos, en programas propios das universidades e programas de ámbito autonómico, estatal ou internacional: 2 puntos por curso, ata un máximo de 10 puntos. Para períodos inferiores a un curso asignarase a puntuación proporcional que corresponda.

2.3. Bolsas e contratos de investigación predoutorais obtidos no marco de programas competitivos de recursos humanos, en programas propios das universidades e programas de ámbito autonómico, estatal ou internacional: 1,5 puntos por curso, ata un máximo de 6 puntos. Para períodos inferiores a un curso asignarase a puntuación proporcional que corresponda.

2.4. Contratos de investigador/a pre e posdoutoral con cargo a proxectos, contratos e convenios de investigación: 0,75 puntos por curso, ata un máximo de 5 puntos. Para períodos inferiores a un curso asignarase a puntuación proporcional que corresponda.

2.5. Colaboración na actividade docente universitaria, en prácticas externas, como colaborador ou titor docente e noutras colaboracións: ata 1,5 puntos por curso, cun máximo de 5 puntos. Para períodos inferiores a un curso asignarase a puntuación proporcional que corresponda.

3. Calidade docente. A valoración máxima será de 5 puntos. Valoraranse unicamente 5 méritos seleccionados polo candidato, correspondentes aos dez anos anteriores á convocatoria do concurso, tomando como data de referencia a de remate do período de presentación de solicitudes.

3.1. Participación en actividades de formación docente: ata 1 punto por cada ítem. A valoración realizarase tendo en conta o tipo de participación, xa sexa como docente ou como asistente, e a súa duración.

3.2. Elaboración de materiais docentes: ata 1 punto por cada ítem.

3.3. Realización de estadías de formación docente: ata 1 punto por cada ítem, en función da súa duración.

3.4. Participación en actividades de innovación docente: ata 1 punto por cada ítem. A valoración realizarase tendo en conta o tipo de participación e a súa duración.

4. Experiencia investigadora. A valoración máxima será de 30 puntos. Valoraranse unicamente méritos acreditados nos dez anos anteriores á convocatoria do concurso, tomando como data de referencia a de remate do período de presentación de solicitudes, agás no caso das publicacións científicas, en que se aplicará o disposto no parágrafo 4.1.

4.1. Publicacións científicas: valoración máxima de 20 puntos. As persoas candidatas poderán achegar un máximo de dez publicacións, cada unha das cales poderá ser valorada cun máximo de 2 puntos. Cando menos sete destas publicacións deberán corresponder aos dez anos anteriores á convocatoria do concurso. A puntuación deberá asignarse tendo en conta a calidade da publicación, a calidade da revista ou da editorial en que está publicada, o número de autores, a contribución da persoa aspirante e o grao de afinidade con respecto á área de coñecemento da praza obxecto do concurso.

4.2. Participación en congresos e reunións científicas: valoración máxima de 5 puntos. As persoas candidatas poderán achegar un máximo de cinco participacións, cada unha das cales poderá ser valorada cun máximo de 1 punto. A puntuación deberá asignarse tendo en conta a relevancia do congreso, o tipo de participación (ponencia convidada, comunicación libre ou outras), o número de autores, a contribución da persoa aspirante e o grao de afinidade con respecto á área de coñecemento da praza obxecto do concurso.

4.3. Participación como investigador/a principal ou como investigador/a en proxectos de investigación competitivos de ámbito autonómico, estatal ou internacional: valoración máxima de 3 puntos. As persoas candidatas poderán achegar un máximo de tres participacións, cada unha das cales poderá ser valorada cun máximo de 1 punto. A puntuación deberá asignarse tendo en conta o ámbito do proxecto (autonómico, estatal, internacional), o tipo de participación (investigador/a principal, membro do equipo de investigación, membro do equipo de traballo) e o grao de afinidade con respecto á área de coñecemento da praza obxecto do concurso.

4.4. Participación como investigador/a principal ou como investigador/a en convenios e contratos de investigación non competitivos con empresas e institucións: valoración máxima de 1,5 puntos. As persoas candidatas poderán achegar un máximo de tres participacións, cada unha das cales poderá ser valorada cun máximo de 0,5 puntos. A puntuación deberá asignarse tendo en conta a relevancia da actividade, o tipo de participación (investigador/a principal, membro do equipo de investigación, membro do equipo de traballo) e o grao de afinidade con respecto á área de coñecemento da praza obxecto do concurso.

4.5. Estadías de investigación: valoración máxima de 1,5 puntos. As persoas candidatas poderán achegar un máximo de tres estadías, que serán valoradas en función da súa duración, a razón de 0,2 puntos por mes. Os períodos inferiores a un mes valoraranse de xeito proporcional.

4.6. Patentes, rexistros da propiedade intelectual e outras actividades de transferencia: valoración máxima de 4 puntos. As persoas candidatas poderán achegar un máximo de cinco ítems, que serán valorados en función da súa relevancia cun máximo de 0,8 puntos cada un.

5. Experiencia profesional. A valoración máxima será de 5 puntos. Valoraranse unicamente méritos relacionados coa área obxecto do concurso acreditados nos dez anos anteriores á convocatoria do concurso, tomando como data de referencia a de remate do período de presentación de solicitudes.

5.1. Actividade profesional non universitaria: ata 0,5 puntos por ano.

5.2. Actividade docente en ensino oficial non universitario: ata 0,5 puntos por ano.

5.3. Actividade asistencial: ata 0,5 puntos por ano.

6. Outros méritos non valorables en epígrafes anteriores. A valoración máxima será de 5 puntos. As persoas candidatas poderán elixir un máximo de sete ítems.

6.1. Coñecementos de linguas estranxeiras: valoración máxima de 1 punto.

6.2. Outras titulacións universitarias oficiais: valoración máxima de 1 punto.

6.3. Outras titulacións e diplomas, como o grao de licenciatura ou outros: valoración máxima de 1 punto por ítem.

6.4. Experiencia en xestión universitaria: valoración máxima de 1 punto por ítem. Valorarase exclusivamente o exercicio de cargos unipersoais recollidos no catálogo aprobado polo Consello de Goberno da USC ou os equivalentes doutras universidades.

6.5. Outras actividades docentes, como docencia en títulos propios, dirección ou codirección de traballos académicos e proxectos de fin de carreira, etc.: valoración máxima de 1 punto por ítem.

6.6. Outras actividades de investigación, como organización de congresos, dirección de publicacións científicas, acreditación I3 e similares, etc.: valoración máxima de 1 punto por ítem.

6.7. Outras actividades de transferencia e divulgación, como conferencias, seminarios, etc.: valoración máxima de 1 punto por ítem.

6.8. Habilitación ou acreditación para corpos docentes de nivel superior ao da praza en concurso: valoración máxima de 1 punto.

6.9. Título de especialista relacionado coa área obxecto do concurso (só no caso de áreas de coñecemento con disciplinas de contido clínico): 3 puntos.

7. Proxecto de actividades docentes. A valoración máxima será de 20 puntos.

ANEXO III

Acreditación dos méritos

1. Rendemento académico.

1.1. Expediente académico.

Certificacións académicas oficiais dos estudos universitarios realizados en que consten as titulacións cursadas, as cualificacións recibidas en cada unha das materias e a convocatoria en que foron superadas.

Os expedientes académicos expedidos por universidades estranxeiras, de non podérense valorar de xeito numérico, serán valorados como aprobado.

1.2. Doutoramento.

Título de doutor e certificación en que consten a denominación do título, o título da tese, o nome do director ou directora e a cualificación obtida.

1.3. Mención de doutoramento internacional e outras mencións de calidade.

No caso de que o programa de doutoramento cursado tivese mención de calidade ou se tratase dun doutoramento europeo, esta circunstancia deberá ser acreditada mediante a certificación pertinente.

2. Postos desempeñados no ámbito da universidade ou de organismos públicos de investigación.

2.1. Postos docentes universitarios.

Certificación da universidade, asinada pola autoridade que teña delegada esta función (secretario xeral, vicerreitor, decano/director, secretario do centro...), onde se expliciten os postos ocupados, as datas de inicio e fin de cada un deles, o réxime de dedicación e as materias impartidas no marco de titulacións oficiais.

2.2. Bolsas e contratos de investigación posdoutorais obtidos no marco de programas competitivos de recursos humanos.

Copia do contrato ou do documento de concesión por parte do organismo financiador e documentación acreditativa do centro ou institución receptora en que conste a duración efectiva do contrato.

2.3. Bolsas e contratos de investigación predoutorais obtidos no marco de programas competitivos de recursos humanos.

Copia do contrato ou do documento de concesión por parte do organismo financiador e documentación acreditativa do centro ou institución receptora en que conste a duración efectiva do contrato.

2.4. Contratos de investigador pre e posdoutoral con cargo a proxectos, contratos e convenios de investigación.

Copia do contrato e da documentación acreditativa da súa duración e da función realizada.

2.5. Colaboración na actividade docente universitaria (prácticas externas, docencia clínica e outras colaboracións).

Certificación expedida pola universidade en que consten a actividade realizada e as datas do seu inicio e finalización.

2.6. Participación na ECOE (só en áreas clínicas).

Certificación expedida pola universidade en que se acredite a participación realizada e a data.

2.7. Dirección ou codirección de traballos académicos.

Certificación expedida pola universidade en que consten o número de traballos dirixidos ou codirixidos, o tipo de traballo a que corresponde cada un, a función realizada e a data de presentación.

3. Calidade docente.

3.1. Participación en actividades de formación docente.

Documentación acreditativa expedida pola universidade ou entidade organizadora en que consten a actividade realizada e a súa duración.

3.2. Elaboración de materiais docentes.

No caso de publicacións accesibles a través de repositorios, enlace á páxina correspondente.

No caso de publicacións impresas, pdf co texto íntegro ou, en todo caso, da primeira e da última páxina do traballo. Se non figura na primeira páxina a información relativa ao título e número da revista ou ao título do volume, engadiranse copias das páxinas do índice ou da portada en que figuren o ISSN ou o ISBN, segundo corresponda.

No caso de material en soporte electrónico, enlace á páxina correspondente ou pdf co índice e os créditos.

3.3. Estadías de formación docente.

Documentación en que o centro receptor constate a realización da estadía, as súas datas de inicio e finalización e a actividade desenvolvida.

De ser o caso, documento de concesión da axuda para a realización da estadía expedido pola entidade financiadora.

3.4. Participación en actividades de innovación docente.

Documentación acreditativa expedida pola universidade en que consten a actividade realizada e a súa duración.

4. Experiencia investigadora.

4.1. Publicacións científicas.

No caso de publicacións accesibles a través de repositorios, enlace á páxina correspondente.

No caso de artigos e capítulos de libros, pdf co texto íntegro ou, en todo caso, copia da primeira e da última páxina. Se non figura na primeira páxina a información relativa ao título e número da revista ou ao título do volume, engadiranse copias das páxinas do índice ou da portada en que figuren o ISSN ou o ISBN, segundo corresponda.

No caso de libros, pdf co texto íntegro ou, en todo caso, copia da portada e das páxinas en que figuren os créditos do libro (autor ou editor, editorial, ISBN, data de publicación...) e o índice.

No caso de traballos aceptados para publicación ou en prensa, achegarase unha carta asinada polo editor da revista ou polo responsable da editorial, en que se faga constar a aceptación e o estado da publicación. Non se aceptarán correos electrónicos.

4.2. Participación en congresos e reunións científicas.

No caso de traballos publicados, enlace a un repositorio dixital en que se encontre o texto ou ben pdf co texto íntegro ou, en todo caso, a portada, índice e créditos da editorial e primeira e última páxinas da contribución.

No caso de traballos non publicados, documento que acredite o tipo de participación e pdf coa copia do resumo ou da presentación.

4.3. Participación como investigador principal ou como investigador en proxectos de investigación competitivos.

Copia do documento oficial de concesión, así como das páxinas que acrediten a participación da persoa interesada, e que ademais indiquen o tipo de participación, a duración do proxecto e a subvención total concedida, ou ben certificado da universidade ou do centro de investigación onde figuren estes datos.

4.4. Participación como investigador principal ou como investigador en convenios e contratos non competitivos con empresas ou institucións.

Certificado da universidade ou do centro de investigación en que se indique a actividade obxecto do convenio ou do contrato e a súa duración e importe, e en que se acredite a participación da persoa interesada.

4.5. Estadías de investigación.

Documentación en que o centro receptor constate a realización da estadía, as súas datas de inicio e finalización e a actividade desenvolvida.

De ser o caso, documento de concesión da axuda para a realización da estadía expedido pola entidade financiadora.

4.6. Patentes, rexistros da propiedade intelectual e outras actividades de transferencia.

No caso de patentes concedidas, copia dos documentos oficiais de rexistro e concesión, así como, de ser o caso, dos documentos que acrediten a súa explotación.

No caso de patentes non concedidas, copia dos documentos que acrediten a solicitude e o estado de tramitación. En todo caso, para poder ser valorada unha solicitude de patente, esta deberá ter superado algunha fase que supoña un indicio de calidade.

No caso de rexistros da propiedade intelectual e doutras actividades de transferencia, copia dos documentos que o acrediten.

5. Experiencia profesional.

5.1. Actividade profesional non universitaria.

Copia do contrato de traballo ou documento da Seguridade Social ou similar en que se acredite a actividade desenvolvida e as datas de realización.

5.2. Actividade docente en ensino oficial non universitario

Acreditación do organismo público (mediante certificado) ou privado (mediante copia do contrato) en que se desenvolve a actividade e en que figuren as actividades desenvolvidas e as datas de realización. Só será computable a ensinanza impartida na educación regrada que conduza á expedición de títulos oficiais.

5.3. Actividade asistencial.

Acreditación do organismo público ou privado en que se desenvolve a actividade e en que figuren as actividades desenvolvidas e as datas de realización.

6. Outros méritos non valorables en epígrafes anteriores.

6.1. Coñecementos de linguas estranxeiras.

Certificación do organismo público ou privado en que se acredite este coñecemento.

6.2. Outras titulacións universitarias oficiais.

Título oficial ou certificación académica correspondente.

6.3. Outras titulacións e diplomas (grao de licenciatura, DEA, etc.)

Certificación do organismo público ou privado en que se acrediten os estudos realizados.

6.4. Experiencia en xestión universitaria.

Certificación do exercicio de cargos unipersoais recollidos no catálogo aprobado polo Consello de Goberno da USC (ou equivalentes doutras universidades) en que se acredite as actividades de xestión realizadas e as datas de realización.

6.5. Outras actividades docentes non incluíbles en epígrafes anteriores.

Certificación do organismo público ou privado en que se acrediten os méritos alegados.

6.6. Outras actividades de investigación non incluíbles en epígrafes anteriores.

Certificación ou documentación acreditativa dos méritos alegados (por exemplo, dirección de publicacións científicas, participación en consellos de redacción e en comités científicos, organización de congresos e reunións científicas, etc.).

6.7. Outras actividades de transferencia e divulgación non incluíbles en epígrafes anteriores.

Certificación ou documentación acreditativa dos méritos alegados (como por exemplo conferencias, seminarios, comisariado ou organización de exposicións, elaboración de catálogos e folletos, etc.).

6.8. Habilitación ou acreditación para figuras e corpos docentes de nivel superior ao da praza en concurso.

Certificado de acreditación expedido pola axencia correspondente.