Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 30 de setembro de 2019 Páx. 43158

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 16 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de unidades formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019-2021, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á primeira convocatoria, correspondente aos exercicios 2019-2020 (código de procedemento TR310A).

BDNS (Identif): 474660.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as empresas privadas con centro de traballo en Galicia, calquera que for a forma xurídica que adopten, excepto as persoas traballadoras por conta propia, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde.

Tamén poderán ser entidades beneficiarias as agrupacións de empresas, que deberán estar constituídas, como mínimo, por 2 empresas con necesidades formativas similares, de tal modo que así se poida alcanzar o número mínimo de alumnado participante que se establece nestas bases. O tamaño máximo da agrupación será de 10 empresas.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do Programa de unidades formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas (procedemento TR310A) cuxa vixencia comprenderá desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata o 31 de outubro de 2021, período durante o cal poderán efectuarse diversas convocatorias que se rexerán por elas.

2. Asemade, esta orde ten por obxecto proceder á primeira convocatoria do procedemento TR310A, co obxecto de financiar accións formativas que se executen no período comprendido entre o 1 de agosto do 2019 e o 31 de outubro do 2020.

A finalidade deste programa de incentivos é mellorar a cualificación profesional das persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos da economía galega, contribuíndo a mellorar a competitividade das empresas que operan nestes sectores identificados como estratéxicos.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 16 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de unidades formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019-2021, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se precede á primeira convocatoria, correspondente aos exercicios 2019-2020 (código de procedemento TR310A).

Cuarto. Importe

A contía para a primeira convocatoria, que se cofinancia nun 80 % con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, con cargo á aplicación 09.41.323B.471.0 e no proxecto 2016 00329, tal e como figura na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, será de 1.000.000 € para a anualidade de 2019 e 4.000.000 € para a anualidade de 2020.

Quinto. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo para achegar solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente convocatoria. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

A presentación de solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, nos enderezos https://sede.xunta.gal ou https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria