Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 30 de setembro de 2019 Páx. 43077

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 16 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de unidades formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019-2021, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á primeira convocatoria, correspondente aos exercicios 2019-2020 (código de procedemento TR310A).

Os números 1 e 2 do artigo 29 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúen á Comunidade Autónoma galega a execución da lexislación do Estado en materia laboral e de fondos de ámbito nacional e de emprego.

O Decreto 135/2017, do 28 de decembro (DOG núm. 18, do 25 de xaneiro de 2018), polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria como órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón no seu artigo 1.b), relativo ao seu ámbito competencial, que lle corresponde, entre outras, o exercicio das competencias e funcións de proposta e execución das directrices xerais do Goberno no ámbito laboral, incluídas as políticas activas de emprego, política laboral e promoción laboral, de conformidade co Estatuto de autonomía e coa Constitución.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece no seu artigo 5.2 que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se axusta esta disposición.

A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, regula os requisitos de concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos que teñen carácter básico, polo que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde.

As axudas contidas nesta orde están cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, dentro do obxectivo temático 8, de promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral; da prioridade de investimento 8.5, de adaptación dos traballadores e traballadoras, as empresas e o empresariado ao cambio, e do obxectivo específico 8.5.1, consistente en adaptar a cualificación das persoas traballadoras ás necesidades do mercado laboral, así como mellorar a súa situación contractual para garantir o seu mantemento no emprego e permitir a súa progresión profesional.

Desde a Xunta de Galicia está a implementarse a Axenda 20 para o emprego para impulsar o emprego estable e de calidade para o novo modelo produtivo de Galicia baseado no crecemento e no coñecemento.

A Axenda 20 para o emprego establece unha folla de ruta que ten como obxectivo reducir o desemprego ata o 10 % coa creación de 100.000 postos laborais ata 2020. Para isto céntrase en 3 retos: fomentar o emprego de calidade estimulando o emprego indefinido a tempo completo para crear ou converter en indefinidos 50.000 contratos; reforzar a formación e especialización ao longo da vida laboral; e mellorar e orientar os servizos públicos na atención ás persoas demandantes de emprego e ás empresas.

No informe sobre a Axenda 20 para o emprego, que se abordou no Consello da Xunta de Galicia do 3 de marzo de 2016, incluíuse, dentro do reto 2, a formación e a capacitación como pancas de cambio.

Na Axenda da competitividade Galicia Industria 4.0, aprobada polo Consello da Xunta o 13 de maio de 2015, considérase a formación das persoas como un dos compoñentes necesarios do programa de reforzo das persoas e das organizacións, así como a necesidade de que o sistema formativo se oriente ás necesidades da industria.

Pola súa vez, debe terse en conta que o Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, aprobado polo Parlamento galego o 11 de maio de 2016, fixa como eixo 1, a empregabilidade e crecemento intelixente, que recolle un modelo integral de desenvolvemento coa finalidade de superar a situación laboral previa á crise e a creación de postos de traballo sustentables.

Dentro de devandito eixo 1 establécese como prioridade de actuación o aumento da empregabilidade e a produtividade das persoas traballadoras de Galicia a través da formación e a innovación constante. Pola súa vez, o Plan estratéxico de Galicia 2015-2020 marca, como un dos seus obxectivos estratéxicos ou prioritarios, a mellora da calidade da formación profesional para o emprego e, como un dos eixos que agrupa os obxectivos estruturais, o da formación e o das oportunidades de emprego.

O carácter plurianual dos plans formativos contidos na orde posibilita a realización de accións formativas máis complexas e cun maior período de duración; estas accións formativas achegan unha formación máis completa. Este carácter plurianual establécese para gardar a necesaria coherencia cos instrumentos de xestión en materia de formación profesional establecidos.

Como principais novidades, cómpre salientar que esta orde, aínda que mantén a obriga de estabilidade laboral, prevé o suposto de que a perda de emprego sexa motivada por abandono voluntario da persoa traballadora ou por mellora do seu emprego entre as causas polas que non se apreciaría incumprimento. Asemade, no que atinxe á intensidade da axuda, respecto da liña I, financiará a totalidade dos gastos elixibles cunha contía máxima de 200.000 euros para o conxunto do período que abrangue esta convocatoria, mentres que para a liña II establece que se financiará o 50 % dos gastos cun máximo de 2.000.000 de euros para o mesmo período; fíxanse algunhas modificacións nos criterios de baremación, vinculados co tamaño da empresa solicitante, a inclusión de accións formativas priorizadas pola Lei 30/2015 e o investimento tecnolóxico. Polo que respecta aos anticipos, as empresas beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituír garantías para a realización dos anticipos que establecía a orde anterior.

Para dar continuidade ás actuacións recollidas nesta orde, está previsto realizar unha ou varias convocatorias durante o período de vixencia da presente orde.

Á vista do anterior, e despois de consultar ao Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Obxecto, ámbito de aplicación e financiamento

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do Programa de unidades formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas (procedemento TR310A) cuxa vixencia comprenderá entre a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) e o 31 de outubro de 2021, período durante o cal poderán efectuarse diversas convocatorias que se rexerán por elas.

2. Asemade, esta orde ten por obxecto proceder á primeira convocatoria do procedemento TR310A, co obxecto de financiar accións formativas que se executen no período comprendido entre o 1 de agosto de 2019 e o 31 de outubro de 2020.

O anterior establécese sen prexuízo dos diferentes períodos de vixencia que terá o financiamento das accións formativas da liña II que, por non estaren rexidas polo réxime de minimis, deberán respectar o requisito de fomento, de maneira que so poderán ser obxecto de subvención desde o momento de publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da orde de convocatoria correspondente.

3. Para os efectos desta orde, enténdese como unidade formativa o incentivo para as empresas galegas para a impartición de formación a persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos. A finalidade deste programa de incentivos é mellorar a cualificación profesional das persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos da economía galega para contribuír a mellorar a competitividade das empresas que operan nestes sectores identificados como estratéxicos.

Artigo 2. Marco normativo.7

As solicitudes, tramitación e concesión desta subvención axustarase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2019; no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020, no Regulamento UE 1407/2013, da Comisión Europea, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis; no Regulamento UE 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca; no Regulamento UE 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo; Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os Regulamentos (UE) nº 1296/2013, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014 y (UE) nº 283/2014 e a Decisión nº 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012; e nesta orde.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Estas bases outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Orzamentos

A contía para a primeira convocatoria, que se cofinancia nun 80 % con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, con cargo á aplicación 09.41.323B.471.0, e no proxecto 2016 00329, tal e como figura na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, reflíctese no seguinte cadro:

Aplicación

Anualidade 2019

Anualidade 2020

Total

09.41.323B.471.0

1.000.000 €

4.000.000 €

5.000.000 €

Os devanditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación, incorporación ou da redistribución de fondos, coas limitacións que establezan as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, logo do informe favorable da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio do PO FSE Galicia 2014-2020, actualmente a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Poderán ditarse resolucións adicionais coa finalidade de realizar novas concesións de subvencións cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas, xeracións de crédito ou da asignación, incorporación ou redistribución de fondos ás cales se refire o anterior parágrafo.

Neste caso, agás que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes distintas ás tidas en conta para a resolución inicial e as novas concesións de subvencións outorgaranse en atención á prelación que determina a puntuación obtida.

No caso de que as modificacións supoñan unha ampliación do crédito orzamentario que implique un aumento do importe total autorizado, deberá solicitarse a modificación da autorización previa inicial da operación.

Esta convocatoria de axudas está encadrada dentro do obxectivo temático 8 (promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral), na prioridade de investimento 8.5 (adaptación dos traballadores e traballadoras, as empresas e o empresariado ao cambio), e no obxectivo específico 8.5.1 (adaptar a cualificación das persoas traballadoras ás necesidades do mercado laboral, así como mellorar a súa situación contractual para garantir o seu mantemento no emprego e permitir a súa progresión profesional), liña de actuación 108 (programas de formación profesional para o emprego).

Artigo 5. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as empresas privadas con centro de traballo en Galicia, calquera que for a forma xurídica que adopten, excepto as persoas traballadoras por conta propia, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde.

Tamén poderán ser entidades beneficiarias as agrupacións de empresas que deberán estar constituídas, como mínimo, por 2 empresas con necesidades formativas similares, de tal modo que así se poida alcanzar o número mínimo de alumnado participante que se establece nestas bases. O tamaño máximo da agrupación será de 10 empresas.

Para garantir a capacidade de execución do plan formativo proposto, as entidades beneficiarias deberán presentar no último exercicio pechado unha cifra de negocio que represente o dobre do orzamento previsto para accións de formación. Todas as empresas membros da agrupación deben cumprir este requisito. Non será de aplicación este requisito nas empresas que fosen constituídas no ano de presentación da solicitude de axudas.

Esta circunstancia acreditarase coa correspondente declaración responsable incluída no modelo de solicitude recollido no anexo III.

Artigo 6. Colaboración das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias deberán colaborar facilitando a información que permita cumprir os requisitos de información a través dos indicadores comúns e específicos, tanto de produtividade como de resultado inmediatos e a longo prazo previstos no anexo I do Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.

Os indicadores teñen como obxecto dar a coñecer as características das persoas traballadoras ocupadas antes do inicio da súa participación na operación financiada con cargo aos fondos europeos (indicadores de produtividade sobre entidades/participantes) en comparación coas que presentan no momento de finalización da participación na operación (indicadores de resultado inmediato sobre participantes).

Ademais, as entidades beneficiarias deberán achegar datos sobre as características das persoas participantes no prazo de 6 meses desde a finalización da súa participación na operación obxecto de cofinanciamento (indicadores de resultado a longo prazo).

Para cumprir estes requisitos de información, proporciónase a aplicación informática Participa 1420, que permite o rexistro de todos os indicadores comúns e específicos, tanto de produtividade como de resultado inmediato e a longo prazo, garantindo a integridade dos datos e a depuración automática da información.

As tarefas da entidade beneficiaria serán basicamente o rexistro de participantes, a súa asociación á operación que desenvolven e a xestión da recolla da información requirida sobre estas persoas participantes. Ademais, a entidade beneficiaria deberá asociarse a si mesma como participante (entidade) na operación para proporcionar a información recollida no cuestionario da execución sobre entidades requirida pola normativa aplicable.

Os indicadores de produtividade deberán cubrirse o primeiro día da realización da actividade e os indicadores de resultado inmediato o último día de realización da acción formativa.

Para estes efectos remitirase, xunto coa resolución de concesión, o documento normalizado cos datos que deben facilitar á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para proceder á tramitación da alta na aplicación Participa 1420 da Consellería de Facenda.

1. Nome e apelidos.

2. Teléfono.

3. NIF.

4. Enderezo de correo electrónico.

5. Documentación acreditativa da representación.

Para o acceso á aplicación acudirase ao seguinte enderezo, introducindo os datos de usuarios e o contrasinal recibidos a través do correo electrónico xerado no momento da alta:

https://participa1420.conselleriadefacenda.es/Participa1420

Artigo 7. Obriga de estabilidade

En coherencia co obxectivo xeral de contribución á mellora da competitividade das empresas que operan nos sectores estratéxicos a través da cualificación profesional das persoas traballadoras ocupadas nas empresas destes sectores, establécese a obriga de mantemento do emprego das persoas receptoras da formación.

Establécese un período mínimo dun ano de estabilidade no emprego tras a finalización da acción formativa apoiada.

No caso de incumprimento desta obrigación de estabilidade, a entidade beneficiaria debería renunciar total ou parcialmente ou, se for o caso, devolver a parte proporcional que corresponda da axuda percibida, nos termos sinalados no artigo 48.

Para verificar o cumprimento do requisito de mantemento do emprego, a persoa solicitante deberá autorizar o organismo intermedio do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, actualmente a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, para consultar perante a Administración pública competente o cumprimento do requisito de mantemento do emprego para as persoas receptoras da formación. O anexo III contén a autorización para a verificación deste requisito.

A obrigación de devolución da axuda non sería de aplicación no caso de que a perda do emprego fose motivada por abandono voluntario acreditado por parte da persoa traballadora, por mellora do emprego da dita persoa traballadora e/ou por causas disciplinarias ou económicas, salvo que o despedimento fose cualificado como improcedente.

CAPÍTULO II

Descrición das liñas de incentivos

Artigo 8. Actividades subvencionables

O programa de incentivos establece unha dobre tipoloxía de proxectos baixo os cales se articulan as actividades financiables, en función da caracterización da acción formativa.

1. Liña I. Apoio para formacións xa establecidas cun programa que se identificou acorde coas necesidades da entidade beneficiaria.

Resultarán subvencionables os custos derivados da participación de traballadores e traballadoras das entidades beneficiarias en accións formativas preestablecidas e promovidas por terceiros. As persoas traballadoras ocupadas participantes nas accións formativas deberán ter a consideración de persoas traballadoras ocupadas por conta allea nas entidades beneficiarias á data de publicación da convocatoria de axudas.

As accións formativas deberán ser impartidas por unha entidade formadora, de natureza pública ou privada, e deberán conducir á obtención dunha titulación oficial ou certificación recoñecida ou, se for o caso, basearse nun modelo estandarizado.

Entre as accións formativas que terían a consideración de subvencionables incluiríanse: as especialidades formativas recoñecidas polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE); e a formación homologada por administracións públicas ou outras entidades acreditadoras e/ou certificadoras. Consideraranse especialidades recoñecidas polo SEPE aquelas incluídas no Catálogo de especialidades formativas, definido no artigo 20 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, e que contén toda a oferta formativa desenvolvida no marco do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, incluídas tanto as especialidades dirixidas á obtención de certificados de profesionalidade, como aquelas que non.

As accións formativas comprendidas nesta liña deberán axustarse ás necesidades de capacitación das empresas e as persoas ocupadas para contribuír ao desenvolvemento dunha economía baseada no coñecemento.

Deste xeito as accións formativas apoiadas contribuirán á adaptación das persoas traballadoras ocupadas aos cambios continuos da economía globalizada ofrecendo ás persoas traballadoras ocupadas novos coñecementos e habilidades para o desempeño das súas funcións actuais e futuras, e que se formen naquelas competencias que lles faciliten unha recualificación profesional adaptada ao seu posto de traballo, para incrementar a súa competitividade e, en consecuencia, as súas posibilidades de mantemento do emprego.

As accións formativas deberán ser impartidas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Excepcionalmente, permitirase a participación en accións formativas impartidas fóra de Galicia naqueles casos en que se acredite que non existe en Galicia unha formación equivalente ou que, existindo, se motive a necesidade de participar na formación impartida fóra do territorio galego.

No expediente deberase xustificar a necesidade de que as persoas traballadoras ocupadas participen na acción formativa que se identificou.

Non se establece un mínimo de asistentes á formación por parte da entidade solicitante.

Se for o caso, as empresas poderán solicitar a participación de varias persoas traballadoras ocupadas nas diferentes accións formativas incluídas na liña I. A valoración de cada unha destas propostas encadradas nesta liña será realizada de forma independente en función dos criterios mencionados no artigo 22 da presente orde.

2. Liña II. Apoio para a implementación de proxectos de formación a medida.

Terán a consideración de subvencionables as actividades formativas deseñadas ad hoc, adaptadas ás necesidades de formación específicas das entidades solicitantes e que contribúan a mellorar a cualificación do seu cadro de persoal.

As accións formativas implementadas baixo esta modalidade deberán contar como mínimo con 5 persoas traballadoras ocupadas. Esta cifra mínima de participantes poderá ser alcanzada de forma individual coa participación dunha única entidade beneficiaria, no caso de proxectos individuais, ou mediante a participación de persoas traballadoras ocupadas de varias empresas pertencentes a unha agrupación promotora, que adquire a condición de entidade solicitante. Poderase permitir un número inferior de persoas traballadoras para implementar unha acción formativa, sempre que na solicitude se fagan constar as causas que o motivan, nomeadamente as vinculadas con cargas de traballo ou coa materia obxecto de formación.

A formación presencial organizarase en grupos de 30 participantes como máximo. Na formación vinculada con certificados de profesionalidade o máximo será de 25 participantes.

Se a agrupación de empresas participantes no proxecto non ten personalidade xurídica, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que lles correspondería a cada un deles. En todo caso, deberá nomearse unha persoa coordinadora que será a entidade representante única da agrupación, única persoa interlocutora coa Administración en todo o procedemento, e con poderes bastantes para cumprir as obrigacións que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.

As agrupacións rexeranse polo documento contractual que as regule. O funcionamento interno da agrupación responderá a criterios de autonomía de xestión, e unha das entidades socias, a coordinadora, asumirá a dirección do proxecto e a representación da agrupación ante a Administración. A coordinadora recibirá a axuda concedida e será a responsable da súa distribución entre as entidades socias participantes.

Xunto coa solicitude deberase identificar o provedor ou provedores formativos propostos. Con respecto ao provedor de formación deberanse detallar os recursos humanos que asignará á realización da formación e a experiencia que posúe en proxectos similares.

A duración mínima das accións formativas implementadas nesta liña deberá ser de 40 horas.

3. Aspectos comúns a ambas as tipoloxías formativas.

Considérase que a dedicación horaria necesaria para a participación nas accións formativas comprendidas nesta orde formará parte da xornada de traballo das persoas participantes.

Para ambas as tipoloxías de proxectos establécese a posibilidade de que a formación sexa impartida parcialmente mediante teleformación (formación mixta). En calquera caso, a teleformación deberá supoñer, como máximo, o 75 % da duración total da acción formativa.

Nos casos de formación mixta, na parte da formación impartida mediante teleformación deberá haber, como mínimo, un titor por cada 80 participantes.

En ningún caso se concederán axudas para a realización de accións de formación que as empresas teñan que impartir obrigatoriamente aos seus traballadores ou traballadoras para cumprir coa normativa que lles sexa de aplicación.

Para dar cumprimento ao establecido no artigo 26 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma en materia de igualdade, entre os contidos didácticos dos programas formativos introducirase un módulo formativo sobre igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica, cunha duración de cinco horas nos cursos de duración menor ou igual a cincuenta horas e de dez horas nos cursos de duración superior ás cincuenta horas. Os referidos módulos poderán programarse mediante teleformación, a través de entidades e centros de formación e persoal docente debidamente habilitados, sempre que se respecten os termos sinalados canto á porcentaxe que sobre a duración total da acción formativa pode representar este tipo de formación.

O alumnado que acredite documentalmente estar en posesión dun diploma oficial que acredite formación en materia de igualdade de duración igual ou superior ás horas que debe realizar ou teña xa cursado algún destes módulos da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral non poderá participar de novo.

A documentación de referencia do devandito módulo poderase consultar en:

http://emprego.ceei.xunta.gal/modulos-transversais

A falta de participación neste módulos non impedirá a expedición dos diplomas, certificados e documentos acreditativos de aptitude no resto da formación recibida, nos supostos en que se cumpran os debidos requisitos.

Artigo 9. Sectores estratéxicos

1. As entidades beneficiarias da liña I, á cal fai referencia o artigo 8 da presente orde, deben pertencer a algún dos sectores de actividade considerados como estratéxicos pola Axenda da competitividade de Galicia: Industria 4.0.

En particular, pero sen carácter exclusivo, de acordo coa última actualización da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE 2009), segundo o disposto no Real decreto 475/2007, do 13 de abril de 2007, terán a consideración de sectores estratéxicos os seguintes:

a. Silvicultura.

• 021 Silvicultura e outras actividades forestais.

• 022 Explotación da madeira.

• 023 Recolección de produtos silvestres, salvo madeira.

• 024 Servizos de apoio á silvicultura.

b. Sector de transformación da madeira.

• 161 Serradura e cepilladura da madeira.

• 162 Fabricación de produtos de madeira, cortiza, cestaría e espartaría.

• 1621 Fabricación de chapas e taboleiros de madeira.

• 1622 Fabricación de pisos de madeira ensamblados.

• 1623 Fabricación doutras estruturas de madeira e pezas de carpintaría e ebanistería para a construción.

• 1624 Fabricación de envases e embalaxes de madeira.

• 1629 Fabricación doutros produtos de madeira; artigos de cortiza, cestaría e espartaría.

c. Fabricación de compoñentes electrónicos e ordenadores.

• 261 Fabricación de compoñentes electrónicos e circuítos de impresos ensamblados.

• 2611 Fabricación de compoñentes electrónicos.

• 2612 Fabricación de circuítos impresos ensamblados.

• 262 Fabricación de ordenadores e equipamentos periféricos.

• 263 Fabricación de equipamentos de telecomunicacións.

d. Sector de automoción:

• 291 Fabricación de vehículos de motor.

• 292 Fabricación de carrozarías para vehículos de motor; fabricación de remolques e semirremolques.

• 293 Fabricación de compoñentes, pezas e accesorios para vehículos de motor.

e. Sector naval:

• 301 Construción naval.

f. Sector aeronáutico:

• 303 Construción aeronáutica e espacial e a súa maquinaria.

g. Fabricación de mobles.

• 310 Fabricación de mobles.

• 3101 Fabricación de mobles de oficina e de establecementos comerciais.

• 3102 Fabricación de mobles de cociña.

• 3103 Fabricación de colchóns.

• 3109 Fabricación doutros mobles.

h. Edición de programas informáticos.

• 5821 Edición de videoxogos.

• 5829 Edición doutros programas informáticos.

i. Telecomunicacións.

• 611 Telecomunicacións por cable.

• 612 Telecomunicacións sen fíos.

• 613 Telecomunicacións por satélite.

• 619 Outras actividades de telecomunicacións.

j. Actividades relacionadas coa informática.

• 620 Programación, consultoría e outras actividades relacionadas coa informática.

• 6201 Actividades de programación informática.

• 6202 Actividades de consultoría informática.

• 6203 Xestión de recursos informáticos.

• 6209 Outros servizos relacionados coas tecnoloxías da información e a informática.

• 631 Procesos de datos, hosting e actividades relacionadas; portais web.

• 6311 Proceso de datos, hosting e actividades relacionadas.

• 6312 Portais web.

• 9511 Reparación de ordenadores e equipamentos periféricos.

• 9512 Reparación de equipamentos de comunicación.

2. No caso da liña II, descrita no artigo 8 da presente orde, so poderán ser beneficiarias as empresas que pertenzan a algún dos seguintes sectores estratéxicos:

a. Silvicultura.

• 021 Silvicultura e outras actividades forestais.

• 022 Explotación da madeira.

• 023 Recolección de produtos silvestres, salvo madeira.

• 024 Servizos de apoio á silvicultura.

b. Sector de transformación da madeira.

• 161 Serradura e cepilladura da madeira.

• 162 Fabricación de produtos de madeira, cortiza, cestería e espartaría.

• 1621 Fabricación de chapas e taboleiros de madeira.

• 1622 Fabricación de pisos de madeira ensamblados.

• 1623 Fabricación doutras estruturas de madeira e pezas de carpintaría e ebanistería para a construción.

• 1624 Fabricación de envases e embalaxes de madeira.

• 1629 Fabricación doutros produtos de madeira; artigos de cortiza, cestaría e espartaría.

c. Sector automoción:

• 291 Fabricación de vehículos de motor.

• 292 Fabricación de carrozarías para vehículos de motor; fabricación de remolques e semirremolques.

• 293 Fabricación de compoñentes, pezas e accesorios para vehículos de motor.

d. Sector naval:

• 301 Construción naval.

e. Fabricación de mobles.

• 310 Fabricación de mobles.

• 3101 Fabricación de mobles de oficina e de establecementos comerciais.

• 3102 Fabricación de mobles de cociña.

• 3103 Fabricación de colchóns.

• 3109 Fabricación doutros mobles.

Tamén poderán ser beneficiarias da liña II aquelas empresas cuxo CNAE sexa distinto dos anteriores pero presenten un certificado, emitido polo correspondente clúster do sector estratéxico de referencia, en que se acredite que efectúa labores vinculados co dito sector, nomeadamente nos casos de labores de enxeñaría.

Artigo 10. Calendario de execución dos proxectos formativos

As accións de formación incluídas na liña I contidas na primeira convocatoria están amparadas polo réxime de minimis, de modo que serán financiables as actuacións implementadas desde o 1 de agosto de 2019.

No caso das accións formativas correspondentes á liña II, as actuacións só serán financiables a partir da data de publicación da convocatoria.

A data límite de finalización das accións formativas da primeira convocatoria será o 31 de outubro de 2020.

Artigo 11. Orzamento do proxecto formativo

O orzamento máximo financiable para os proxectos propostos por cada unha das entidades solicitantes ou agrupación de entidades solicitantes será o recollido no artigo 12 desta orde, sobre intensidade de axuda, coas especificidades correspondentes á liña I, por estaren amparadas baixo o réxime de minimis.

As accións formativas incluídas na tipoloxía 1), liña I, deberán ter un custo mínimo de 500 € por persoa alumna participante. Este custo mínimo non será aplicable no caso de formación ofrecida por institucións educativas públicas.

Para os proxectos incluídos na tipoloxía 2), liña II, non se prevé un orzamento mínimo.

Para os efectos de observar o cumprimento dos requisitos relativos aos importes máximos concedidos baixo axudas en réxime de minimis mencionados no artigo 40 da presente orde, os proxectos que sexan articulados a través dunha agrupación deberán presentar unha asignación de orzamentos entre as entidades socias que sexa coherente co número de persoas traballadoras ocupadas que participen na acción formativa. Esta distribución deberá detallarse na memoria descritiva segundo o previsto no artigo 16.2 da presente orde.

Artigo 12. Intensidade da axuda

1. Liña I. A convocatoria financia a totalidade dos gastos elixibles das accións formativas. Unha mesma entidade beneficiaria non poderá superar os 200.000 euros para o conxunto do período que abrangue esta convocatoria. No caso de proxectos realizados na modalidade de agrupación de empresas, esta contía máxima mantense inalterada.

A subvención prevista para esta liña é incompatible coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos pola mesma acción formativa procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou organismos internacionais.

En calquera caso, as axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro. Atendendo ao mencionado regulamento, a contía total das axudas de minimis concedidas a unha entidade beneficiaria non poderá exceder 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais, excepto no caso de empresas que realicen por conta allea operacións de transporte de mercadorías por estrada, cuxo límite máximo se sitúa en 100.000 euros durante o devandito período.

2. Liña II. A convocatoria financia o 50 % dos gastos elixibles das accións formativas. Unha mesma entidade beneficiaria non poderá superar 2.000.000 euros para o conxunto do período que abrangue esta convocatoria. No caso de proxectos realizados na modalidade de agrupación de empresas, esta contía máxima mantense inalterada.

A subvención prevista para esta liña é incompatible coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos pola mesma acción formativa procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou organismos internacionais.

De conformidade co artigo 31 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, a subvención da liña II terá un importe do 50 % do importe total xustificado, cun máximo de 2.000 euros por cada persoa traballadora, se esta está contratada con carácter temporal, por un mínimo de 1 ano, ou de 5.000 euros por cada persoa traballadora, se esta está contratada con carácter indefinido.

O disposto no anterior parágrafo deberá ser compatible coa exixencia de respectar o mantemento da contratación por un período mínimo dun ano despois da finalización da acción formativa por parte da correspondente persoa traballadora.

En calquera caso, as axudas desta liña deberán cumprir as condicións de exención e os límites do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (en diante, RGEC). Nomeadamente, serán excluídas da condición de beneficiarias as empresas en crise e aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente, logo dunha decisión previa da Comisión, nos termos do artigo 1.4 do antedito regulamento.

Artigo 13. Gastos elixibles e xustificación

1. Só serán subvencionables os custos reais, efectivamente realizados e pagados no período de execución, que estean xustificados mediante facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente, que respondan á natureza da actividade subvencionada e que resulten estritamente necesarios para a realización da actividade formativa proposta.

De acordo co establecido na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020, os seguintes tipos de gastos:

I. Para os proxectos encadrados na tipoloxía 1), liña I, terán a consideración de elixibles as seguintes categorías de gastos:

1.a. Custo da matrícula da persoa traballadora na acción formativa. Baixo esta epígrafe incluiranse os custos derivados da matriculación na acción formativa.

1.b. Bolsa de viaxe para os desprazamentos ao lugar de impartición da formación. Naqueles casos en que unha parte ou a totalidade da acción formativa se desenvolva fóra do municipio en que se sitúe o centro de traballo da entidade solicitante serán financiables os gastos de desprazamento desde o centro de traballo ata o lugar en que se efectúe a impartición ou as probas de avaliación do aproveitamento da acción formativa. Non se consideran financiables os gastos asociados á bolsa de viaxe que deriven dun desprazamento inferior a 100 quilómetros, considerando traxectos de ida e volta.

Se for o caso, tamén se considerarán financiables dentro da categoría de bolsa de viaxe os custos de aloxamento e manutención da persoa traballadora que participe na formación, dentro dos límites previstos no punto 3 deste artigo.

En calquera caso, os importes máximos financiables no concepto de bolsa de viaxe, por cada persoa traballadora que se desprace, estarán reflectidos na seguinte táboa:

Distancia percorrida (i/v)

Importe

Entre 100 e 399 km

150 €

Entre 400 e 699 km

210 €

Entre 700 km e 999 km

270 €

Máis de 1.000 km

330 €

En relación co orzamento máximo admisible no capítulo de bolsa de viaxe, os custos asociados á bolsa non deberán situarse por cima do 20 % do orzamento total dos proxectos desenvolvidos na liña I.

1.c. En calquera caso, establécese un custo máximo total da formación nun módulo máximo de 30 €/hora de formación por alumno ou alumna que incluiría os custos de matriculación e a bolsa de viaxe na modalidade integramente presencial, aínda que non se poderán superar os módulos máximos que determine, de ser o caso, a normativa que regule a formación certificable. Este sería o caso dos módulos dos certificados de profesionalidade ou de especialidades formativas do SEPE.

Analogamente, para as accións formativas que se vaian impartir na modalidade mixta, establécese un módulo máximo de 20 €/hora por alumno ou alumna.

II. As axudas establecidas na liña II quedan sometidas ao artigo 31 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (en diante, RGEC). Xa que logo, a subvención suporá como máximo o 50 % dos seguintes custos subvencionables:

a) Os custos de persoal dos/das formadores/as, correspondentes ás horas en que estes participen na formación.

b) Os custos de explotación en que incorran o persoal formador e o persoal beneficiario da formación, directamente relacionados co proxecto de formación, como custos de viaxe, materiais e subministracións vinculadas directamente ao proxecto, e a amortización de instrumentos e equipamentos, na medida en que se utilicen exclusivamente para o proxecto de formación; exclúense os custos de aloxamento, agás os custos mínimos de aloxamento necesarios para o persoal beneficiario da formación que sexan traballadores/as con discapacidade.

c) Os custos de servizos de asesoramento relacionados co proxecto de formación.

d) Os custos de persoal das persoas beneficiarias da formación, polas horas en que os/as beneficiarios/as participen na formación.

2. Xustificación dos custos do persoal docente:

A xustificación do pagamento das retribucións ao persoal docente deberase facer, en todo caso, mediante nota bancaria e teranse en conta as seguintes indicacións:

a) No caso de que o persoal docente forme parte do persoal da empresa, deberase achegar:

• Nómina do persoal docente.

• Documento bancario que acredite a transferencia da nómina aboada.

• Boletíns de cotización á Seguridade Social: recibo de liquidacións de cotizacións e modelo RNT (relación nominal de traballadores), así como os documentos bancarios que acrediten o seu pagamento.

• Resolución de alta no réxime xeral da Seguridade Social.

• Modelo 190 (retencións e ingresos á conta do IRPF e xustificantes do seu pagamento (modelo 111), correspondentes aos trimestres durante os cales se desenvolveu a acción formativa), unha vez que se dispoña deles.

• Xustificante bancario do ingreso do modelo 111 do IRPF.

• Informe de datos de cotización (IDC), correspondentes ao período de desenvolvemento da acción formativa.

• Certificado da unidade responsable de recursos humanos da porcentaxe de horas que se destina á formación sobre o total da xornada laboral.

• Contrato de traballo da persoa traballadora que asuma as funcións docentes.

b) No caso daquel docente que conste como socio ou socia da entidade beneficiaria, deberase achegar:

• Factura que recolla a denominación da acción formativa, número de horas impartidas, custo por horas e importe que se vaia percibir.

• Xustificante de pagamento da factura.

• Alta de socio ou socia no IAE.

• Recibo de liquidación de cotización ao réxime especial de traballadores autónomos do período de execución da acción formativa.

• En caso de cotizar no réxime xeral da Seguridade Social, deberá presentar as nóminas percibidas no período formativo e os documentos da Seguridade Social (recibo de liquidacións de cotizacións e RNT) do dito período, así como os seus correspondentes xustificantes de pagamento.

c) No caso de que a docencia sexa prestada por unha entidade externa, deberase achegar:

• Contrato realizado en que figure o seu obxecto e a súa duración.

• Factura correspondente como xustificante de gasto, na cal se inclúa a actividade realizada, o número de horas impartidas, o custo por hora, o importe total correspondente e, se for o caso, a retención efectuada polo/a profesional.

• Documento bancario que acredite a transferencia aboada.

3. Xustificación dos custos de explotación:

a) Xustificación dos gastos de desprazamento. Para xustificar os gastos de desprazamento deberase achegar:

• Facturas correspondentes aos gastos de desprazamento, aloxamento e manutención, cando sexan prestados por un terceiro, ou en caso de realizalo o traballador ou traballadora por medios propios, follas internas de liquidación de gastos de desprazamento de modo que queden reflectidos a orixe e o destino, así como as datas dos desprazamentos.

• Documentación que xustifique a realización efectiva da viaxe (lugar de orixe e destino): cartóns de embarque de ida e volta, facturas, billetes (ou tíckets de autoestrada no caso de desprazamento en automóbil).

• Documentación bancaria acreditativa do pagamento da facturas ou, de ser o caso, a liquidación de gastos de desprazamento, aloxamento e manutención.

Na documentación deberase xustificar a necesidade da viaxe realizada e a súa necesidade para o correcto desenvolvemento da acción formativa.

En calquera caso, os custos computables baixo a epígrafe de bolsa de viaxe para as persoas traballadoras ocupadas que participen nas accións formativas deberán observar os límites fixados na Orde EHA/3771/2005, do 2 de decembro, pola que se revisa a contía dos gastos de locomoción e das axudas de custo no imposto sobre a renda das persoas físicas. En concreto, deberanse de observar as seguintes limitacións:

a. A axuda en concepto de transporte en vehículo propio terá unha contía máxima por día de asistencia de 0,19 euros por quilómetro. Será necesario acreditar a utilización do vehículo propio e a distancia percorrida.

b. A axuda en concepto de manutención terá unha contía máxima de 12,00 euros/día lectivo.

A axuda en concepto de aloxamento e manutención terá unha contía de ata 50,00 euros/día natural. Neste suposto, o alumnado terá dereito aos billetes de transporte público en clase económica dos desprazamentos.

b) Xustificación dos custos dos materiais didácticos e subministracións. Para xustificar os custos de medios didácticos, materiais didácticos e bens consumibles deberase achegar:

• Facturas en que se identifiquen os materiais empregados, así como o número de unidades e o prezo por unidade, xunto co seu correspondente xustificante de pagamento.

• Xustificante de recepción detallado e asinado polo alumnado do material dun só uso que lle fose entregado de maneira individualizada e cuxo custo sexa imputado. No caso de materiais de traballo funxibles, a Administración poderá exixir que se achegue memoria xustificativa en que se detallen as actividades desenvolvidas e a súa relación cos consumos imputados.

• Xustificante de recepción detallado e asinado polo alumnado do material didáctico, material de protección ou seguridade que lle entregasen; cando sexa precisa a reposición de tales materiais, deberán achegar tantos xustificantes de recepción como fosen asinados.

Os soportes xustificativos dos gastos de medios didácticos, material didáctico e bens consumibles deberán detallar o material e o número de unidades adquiridas.

Os gastos de adquisición de material didáctico ou de material consumible utilizado na preparación dos medios didácticos ou no desenvolvemento da acción formativa presentaranse debidamente detallados por concepto e imputaranse polo número de persoas participantes, no caso de uso individual dos equipamentos ou plataformas; noutro caso, imputaranse por horas de utilización.

No caso de que a acción formativa se imparta baixo a modalidade mixta, o soporte xustificativo deberá detallar cada un dos conceptos incluídos nos servizos prestados a través da plataforma de teleformación.

4. Xustificación dos servizos de asesoramento relacionados co proxecto de formación.

Os custos de servizos de asesoramento xustificaranse do mesmo xeito e cos mesmos documentos que os indicados para os custos de persoal dos formadores.

5. No caso da liña II, os custos de persoal das persoas traballadoras participantes na formación xustificaranse coa seguinte documentación:

• Nómina da persoa traballadora contratada.

• Documento bancario que acredite a transferencia da nómina aboada.

• Boletíns de cotización á Seguridade Social: recibo de liquidacións de cotizacións e modelo RNT (relación nominal do persoal traballador), así como os documentos bancarios que acrediten o seu pagamento.

• Resolución de alta no réxime xeral da Seguridade Social.

• Modelo 190 (retencións e ingresos á conta do IRPF e xustificantes do seu pagamento (modelo 111), correspondentes aos trimestres durante os cales se desenvolveu a acción formativa), unha vez que se dispoña deles.

• Xustificante bancario do ingreso do modelo 111 do IRPF.

• Informe de datos de cotización (IDC) correspondentes ao período de desenvolvemento da acción formativa.

• Certificado da unidade responsable de recursos humanos da porcentaxe de horas que se destina á formación sobre o total da xornada laboral.

6. Para xustificar os custos do seguro deberase achegar:

• O contrato subscrito entre a entidade beneficiaria e a compañía de seguros, asinado por ambas as partes e no cal consten identificados os/as destinatarios/as da formación, o programa de formación, o tipo de seguro, as coberturas contratadas, o período de cobertura, o número de alumnos e alumnas asegurados, de ser o caso, e a prima satisfeita.

• O recibo da prima satisfeita e o seu xustificante de pagamento. Non se admitirán pólizas con franquías.

Non deben existir diverxencias entre o recibo da prima e o contrato de seguro no que se refire á duración da formación, número de póliza ou calquera outro dato que figure nos documentos.

7. Non resultarán subvencionables os custos que incumpran o previsto nesta orde e na restante normativa que resulta de aplicación. En particular, non serán financiables os seguintes custos:

• Os que non sexan reais, non fosen efectivamente realizados e pagos.

• Os que non estean xustificados debidamente.

• Os que superen o valor de mercado.

• Os efectivamente realizados unha vez finalizado o prazo de execución do proxecto, consonte os límites temporais fixados nesta orde.

• Os gastos das contratacións cando estas estean prohibidas ou non se realicen cos requisitos exixibles, en especial sempre que exista vinculación entre perceptor e o pagador e os custos superen o valor de mercado.

• Os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

• Os xuros de débedas bancarias.

• Os xuros, recargas, sancións administrativas e penais.

• As contías de exceso que superen os límites previstos na presente orde, conforme corresponda, dos gastos da actividade formativa subvencionada.

8. Consonte o disposto no artigo 5.2 da Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020, non serán subvencionables os custos indirectos, xa que esta operación non prevé a súa xustificación mediante algunha das opcións de custos simplificados.

CAPÍTULO III

Iniciación, instrución e resolución do procedemento

Artigo 14. Prazo de presentación

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente convocatoria. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. As entidades solicitantes poderán presentar unha ou varias propostas formativas na convocatoria que se axusten á planificación temporal das accións formativas programadas.

3. O prazo máximo de resolución dos expedientes de solicitude de axudas será de tres meses desde a data de finalización do prazo de presentación das solicitudes de axudas.

Artigo 15. Solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado (anexo III), dispoñible na aplicación SIFO, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A solicitude deberá presentarse acompañada da documentación xeral e técnica, sinalada no artigo 16 desta orde.

4. A documentación complementaria que deba achegarse presentarase electronicamente, mediante a presentación do documento orixinal, se se trata dun documento dixital, ou da imaxe electrónica do documento orixinal, se se trata dun documento en papel. Neste último caso, a imaxe electrónica adaptarase ao previsto do Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica, e na Resolución do 19 de xullo de 2011, da Secretaría de Estado para a Función Pública, pola que se aproba a Norma técnica de interoperabilidade de dixitalización de documentos.

5. As imaxes electrónicas aplicarán os formatos establecidos para ficheiros de imaxe na Norma técnica de interoperabilidade do catálogo de estándares; o nivel de resolución mínimo para imaxes electrónicas será de 200 píxeles por polgada, tanto para as imaxes obtidas en branco e negro, como para as de cor ou escala de grises; a imaxe electrónica será fiel ao documento orixe (respectará a xeometría do documento orixe en tamaños e proporcións, non conterá caracteres ou gráficos que non figuren no documento de orixe e a súa xeración realizarase por un medio fotoeléctrico).

A Administración actuante poderá solicitar o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que se poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal. Para estes efectos, a entidade interesada deberá conservar o documento orixinal por un prazo de 5 anos desde a presentación da imaxe electrónica.

As imaxes electrónicas que acheguen as entidades interesadas ao procedemento administrativo terán eficacia exclusivamente no ámbito da actividade das administracións públicas.

As imaxes electrónicas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da entidade solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

6. Para a presentación da documentación complementaria, así como de calquera outra que se exixa nesta orde, empregaranse unicamente os medios electrónicos a que se refire o número 1 deste artigo.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a entidade interesada ou a súa persoa representante deberán mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

7. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Artigo 16. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1. Documentación administrativa.

A documentación que deberá acompañar cada solicitude referida ao Programa de unidades formativas para persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas (procedemento TR310A) é a seguinte:

a. Anexos III, IV e, se for o caso, anexo V desta orde, debidamente cubertos e asinados a través da aplicación electrónica.

b. Copia da escritura de constitución das entidades solicitantes que acredite o seu domicilio social.

c. Acreditación da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude (escritura notarial de poderes ou calquera outro medio válido en dereito) da persoa representante da entidade solicitante e, se for o caso, da agrupación.

d. Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida aos 30 días inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude que acredite a relación das persoas traballadoras ocupadas que se van formar coa entidade solicitante e a localización do centro de traballo. Este documento deberá permitir acreditar a localización do centro de traballo de cada entidade solicitante, para efectos de calcular os eventuais gastos de desprazamento.

e. Acordo regulador da agrupación, se for o caso. Neste documento contractual débense establecer os dereitos e as obrigacións que asume cada membro da agrupación. Entre os aspectos que deberán regularse atópanse:

• Organización xeral das actividades formativas.

• Acordo de representación da agrupación e elección da súa persoa representante ante a Administración para os efectos de interlocución.

• Xestión da agrupación, plan de continxencias e distribución de responsabilidades ante posibles dificultades.

• Acordo para a distribución dos fondos recibidos.

• Designación dunha persoa que exerza a xefatura técnica do proxecto.

A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorrese o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

2. Documentación específica.

a. Memoria explicativa das actuacións formativas que se vaian realizar no marco do proxecto. Esta memoria incluirá a descrición detallada da totalidade das accións formativas previstas e será coherente coa descrición achegada no anexo IV para cada unha das accións programadas.

b. Incluirase un programa de formación que conterá, como mínimo, a seguinte información e documentación:

• Obxectivos, contidos, metodoloxía e modalidade.

• Accións formativas que se van desenvolver, con indicación, se for o caso, da familia e área profesional que corresponda. En accións formativas vinculadas ao Catálogo nacional de cualificacións profesionais deberase indicar a que certificado ou certificados de profesionalidade van dirixidos. Deberán incluír os módulos transversais, se for o caso.

• Identificación do número de traballadores e traballadoras ocupadas participantes en cada acción formativa. Nos casos en que a solicitante teña a forma de agrupación, para efectos de distribución da axuda de minimis, entre os membros da agrupación identificarase o número de persoas traballadoras de cada unha das empresas integrantes da agrupación que reciben formación con cargo ao proxecto.

• Custo estimado das accións formativas, con distribución nas categorías de gastos, segundo o previsto no artigo 13 da presente orde.

• Calendario previsto de execución que conteña os horarios de realización das actividades formativas.

• Lugar, instalación e medios previstos para impartir as accións formativas que, no caso de accións conducentes á obtención dos certificados de profesionalidade ou acreditacións parciais destes, deberán cumprir os requisitos que se establecen no real decreto que regule o correspondente certificado de profesionalidade.

c. Para os efectos do disposto no artigo 22.1.c, sobre criterios de valoración, deberá, de ser o caso, achegar documentación acreditativa de que a entidade que vaia desenvolver a formación teña implantado, na data límite de presentación da solicitude, un sistema ou modelo de calidade vixente para a xestión/actividade da formación interna e/ou da formación profesional para o emprego.

d. Cando as especialidades formativas que se solicitan correspondan a certificados de profesionalidade, as entidades deberán, ademais, achegar documentación acreditativa dos compromisos de realización dos módulos de prácticas profesionais non laborais en empresas incluídos nos certificados de profesionalidade.

e. No caso de preverse que unha parte da formación se imparta a través de teleformación, deberán achegar documentación acreditativa de que a plataforma virtual de aprendizaxe asegure a correcta xestión dos contidos e un proceso de aprendizaxe sistematizada para as persoas participantes, e que dispón de mecanismos de seguimento e avaliación.

No caso de incluír formación mixta, deberanse achegar as claves de acceso á correspondente plataforma web.

Artigo 17. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día no pagamento coa Atriga.

f) Consultas a través da Seguridade Social para verificar a estabilidade no emprego das persoas receptoras da formación.

g) Titulación oficial universitaria e titulación oficial non universitaria do persoal docente (terceiras persoas que interveñen no procedemento).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario do anexo III e do anexo V de solicitude e achegar os documentos pertinentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19. Corrección da solicitude

No caso de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de 10 días, corrixa a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, considerarase desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

Artigo 20. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas previstas nesta orde, corresponderá á persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 21. Procedemento

1. O órgano instrutor do procedemento é a Subdirección Xeral de Promoción Laboral.

2. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas concrecións que se establecen nos números seguintes.

3. Recibidas as solicitudes, procederase ao estudo e á cualificación daquelas que cumpran os requisitos mínimos para a obtención da subvención pola Comisión de Avaliación que, unha vez analizada a documentación presentada polas entidades solicitantes, emitirá informe sobre expedientes aplicando os criterios de avaliación técnica establecidos nesta orde.

4. A Comisión de Avaliación será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes, de acordo coa valoración realizada atendendo aos criterios fixados no artigo seguinte, e emitirá un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a contía da axuda proposta.

5. As entidades deberán acreditar, tanto antes de ditarse a resolución de concesión como de proceder ao cobramento das subvencións, que están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

6. A Comisión de Avaliación estará composta pola persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción Laboral, que a presidirá, e serán vogais dúas persoas que sexan técnicos ou técnicas da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, unha das cales actuará como secretario ou secretaria.

7. Se, por calquera causa, cando a Comisión de Avaliación teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puider asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

8. No informe que elabore a Comisión de Avaliación figurarán, de maneira individualizada, as solicitudes propostas para obter a subvención e a valoración de cada unha das accións formativas propostas, especificando a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha das entidades solicitantes, sen superar o crédito dispoñible en cada convocatoria e tendo en conta a intensidade de axuda prevista no artigo 12 desta orde.

9. A Comisión de Avaliación, para a realización do seu labor, poderá solicitar aos servizos, unidades administrativas e entidades instrumentais da Consellería de Economía, Emprego e Industria todos os informes técnicos que considere precisos e emitirá unha acta en que se concrete o resultado da selección efectuada.

10. Á vista dos expedientes e dos informes preceptivos que se emitan, o órgano instrutor, formulará proposta de resolución.

Artigo 22. Criterios de valoración de expedientes

1. Os criterios de avaliación e selección que se terán en conta para cada unha das accións formativas que as empresas solicitantes inclúan nos seus respectivos programas formativos que se terán en conta son:

a. Distribución en función do tamaño da entidade solicitante, ata 30 puntos:

1º. Microempresa ou pequena empresa: 30 puntos.

2º. Mediana empresa: 20 puntos.

3º. Grande empresa: 5 puntos.

Para a determinación do tamaño de empresa terase en conta a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 da Tratado UE, calquera que for a súa forma xurídica.

No caso de proxectos promovidos por agrupacións de empresas, a asignación da puntuación realizarase como unha media ponderada en función do número de empresas que se encadren en cada unha das tipoloxías de tamaño.

b. Aliñamento das accións formativas do proxecto coas tecnoloxías, metodoloxías ou técnicas relacionadas prioritarias na Industria 4.0, 30 puntos.

Consideraranse englobadas nesta categoría as accións formativas incluídas nas temáticas ou coas codificacións referidas no anexo I.

c. Pola capacidade acreditada da entidade que vaia desenvolver a formación valorarase a súa situación, na data límite de presentación da solicitude, con respecto á implantación dun sistema ou modelo de calidade vixente para a xestión/actividade da formación interna e/ou da formación profesional para o emprego con 25 puntos.

d. Pola porcentaxe que representen as persoas traballadoras ocupadas que van participar na acción de formación sobre o total do cadro de persoal da empresa ou agrupación de empresas, ata 20 puntos.

Multiplicarase por 20 a porcentaxe que represente as persoas traballadoras ocupadas que participarán na formación con respecto ao total do/s cadro/s de persoal.

e. Pola inclusión de accións formativas prioritarias segundo a Lei 30/2015, recollidas no anexo II, ata 15 puntos.

 Considérase a porcentaxe de horas que representen sobre o total de horas do programa formativo aquelas relacionadas coas competencias transversais de idiomas, ofimática e tecnoloxías da información e a comunicación, coñecementos financeiros, xurídicos e do funcionamento das administracións públicas.

f. Investimento tecnolóxico da entidade no momento de presentación da solicitude: ata 5 puntos.

Referirase á contía de I+D que desenvolve a empresa ou agrupación de empresas para introducir de forma significativa as novas tecnoloxías na impartición da formación: porcentaxe de investimentos (adquisicións) para a innovación tecnolóxica (I+D interna, maquinaria, equipamento, hardware, software, licenzas de patentes) que a empresa ou agrupación de empresas destinou á formación en relación coa súa cifra total de negocios e medirase como porcentaxe de euros de investimento en tecnoloxía para a formación sobre a cifra anual de negocio da empresa.

Este criterio de baremación acreditarase por medio dunha declaración responsable, cuxo contido deberá respectar o que establece o artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Seleccionaranse as accións formativas que obteñan mellores puntuacións, consonte os anteditos criterios de baremación, até esgotar o crédito correspondente de cada convocatoria.

3. A perspectiva de xénero terase en consideración como criterio de desempate no caso de existiren dúas ou máis accións formativas con idéntica puntuación. Neste sentido, entre dúas ou máis propostas de accións formativas de idéntica puntuación será prioritaria aquela que inclúa unha maior porcentaxe de mulleres traballadoras ocupadas como destinatarias da formación.

En caso de manterse a igualdade de puntuación, como criterio de desempate secundario establécese o emprego da lingua galega. O compromiso do emprego da lingua galega deberá referirse á súa utilización polo persoal docente na impartición das accións formativas.

No caso de que persista o empate entre varias accións formativas, resolverase atendendo á puntuación obtida no primeiro criterio de valoración. Se o emparte persiste, resolverase tendo en conta a puntuación obtida no seguinte criterio e así sucesivamente ata que se produza o desempate.

No suposto de continuar o empate, aplicarase como criterio de selección definitiva a data e hora de presentación da solicitude.

De existir empate entre accións formativas que unha mesma empresa incluíu no seu programa de formación, resolverase atendendo á orde de prioridade que se estableza na propia solicitude.

Para o caso en que aínda persistise o empate nas puntuacións obtidas, terán preferencia as solicitudes que teñan mellor puntuación nos criterios descritos anteriormente en función da orde en que figuran.

4. A aplicación dos criterios de valoración será realizada pola Comisión de Avaliación e contará co apoio dos medios e recursos tecnolóxicos dispoñibles e da aplicación informática SIFO, e emitirá a acta que conteña os anexos coas puntuacións obtidas.

5. A presentación dunha declaración responsable que falsee as condicións avaliables para a concesión da subvención ou oculte as circunstancias que a impedirían ou limitarían poderá ter a consideración de infracción moi grave nos termos do artigo 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, e na dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As circunstancias avaliables acreditadas mediante as declaracións responsables que se mencionan neste artigo serán obxecto de especial seguimento e control por parte do persoal técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria e/ou da entidade a que se lle encomende mediante o instrumento xurídico correspondente á realización das ditas actividades.

Artigo 23. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas corresponderá á persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, por delegación da persoa titular da consellería, e deberá ser notificada ás persoas interesadas no prazo de tres meses, contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o citado prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e co artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As resolucións que se diten neste procedemento deberán comunicar ás entidades beneficiarias das axudas o importe destas e informar sobre o seu carácter de minimis ou de axudas de Estado, segundo se trate de accións formativas da liña I ou da liña II, facendo referencia expresa ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352/1, do 24 de decembro de 2013) e Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, no caso de axudas de Estado (liña II).

As resolucións tamén mencionarán que as axudas concedidas se atopan suxeitas ás obrigas contidas no Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L 347/320, do 20 de decembro de 2013); e o Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1081/2006 do Consello (DOUE L 347/470, do 20 de decembro de 2013), ambos modificados polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os Regulamentos (UE) nº 1296/2013, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014 y (UE) nº 283/2014 e a Decisión nº 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012.

2. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, a entidade proposta como beneficiaria dispoñerá dun prazo de dez días para a súa aceptación. Transcorrido o devandito prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención.

No caso de que decidan renunciar á aceptación, as entidades estarán obrigadas a comunicar a súa renuncia no prazo de dous meses a través do formulario web «renuncia ao programa de formación», despois de recibir a notificación da resolución definitiva, prazo que poderá ser ampliado mediante resolución da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral. Nestes casos, poderán ditarse novas resolucións coa finalidade de designar outra entidade beneficiaria segundo a puntuación obtida.

En todo caso, deberá notificarse a cada beneficiario/a un documento en que se establezan as condicións da axuda (DECA).

Na resolución de outorgamento da axuda constará a información sobre o cofinanciamento polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e a correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo temático, prioridade de investimento e obxectivo específico en que se enmarca. Así mesmo, figurará a identificación do/da beneficiario/a, a contía da axuda e obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben obterse con ela, o plan financeiro e o prazo de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operacións que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA), e informarase de que a aceptación da axuda implicará a súa aparición na lista pública de operacións coa/s denominación/s da/das entidade/s beneficiaria/s, así como outra información recollida no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, en relación co seu artigo 115.2, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.

3. A resolución da concesión de subvención fixará expresamente a contía total concedida e a puntuación técnica obtida, e incorporará o correspondente programa de formación e as condicións, as obrigacións e as determinacións accesorias a que deba estar suxeita a entidade beneficiaria.

4. Ao abeiro do artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da subvención na proposta de resolución sexa inferior á solicitude presentada, poderase instar da entidade beneficiaria a reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable.

Posteriormente, as entidades beneficiarias poderán realizar, como máximo, dúas reconfiguracións do programa, tendo en conta que a primeira, se for o caso, deberá realizarse, como mínimo, un mes despois da notificación da resolución e a última deberá realizarse, como máis tarde, cando falten dous meses para o final do prazo de execución das accións formativas do programa.

5. Non se poderá realizar ningunha reconfiguración que, unha vez realizado un novo cálculo de avaliación técnica, poida diminuír a puntuación asignada ao programa de formación por baixo da que resultou necesaria para obter unha subvención no tipo de programa de formación de que se trate.

6. A priorización das accións formativas derivadas da reconfiguración do programa executarase ata o importe concedido.

Calquera modificación desa priorización deberá ser autorizada pola persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, tendo en conta que, cando se solicite modificar parcialmente o número do alumnado previsto dalgunha acción formativa xa iniciada no momento da solicitude de reconfiguración, o número do alumnado previsto nunca poderá ser inferior ao número do alumnado xa iniciado.

Artigo 24. Notificacións e trámites administrativos posteriores á tramitación de solicitudes

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), que remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. A presentación de documentación derivada das notificacións practicadas será realizada exclusivamente mediante o programa informático SIFO, que disporá dun punto único para efectuar todos os envíos de documentación á Administración.

Unicamente no caso de que non sexa posible, por problemas técnicos, o interesado podería realizar a súa presentación por medio dos trámites comúns da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Artigo 25. Recursos

As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, se o acto for expreso, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, se o acto non for expreso, de conformidade co que preceptúan os artigos 122 a 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 26. Publicidade das subvencións

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Así mesmo, e tal como se recolle no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes procederán a publicar no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, indicando a convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención.

Igualmente, publicaranse na páxina web oficial da consellería nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

As entidades beneficiarias das axudas concedidas incluiranse no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios e no de Sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2006 e regulados polo Decreto 132/2006, do 27 de xullo.

Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 27. Información básica sobre protección de datos persoais

1. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Economía, Emprego e Industria coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

3. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de organismo intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión dos programas operativos segundo o disposto no artigo 125, número 2, artigo 140, números 3 a 5, e anexo XIII, número 3, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e nas súas disposicións de desenvolvemento.

4. A fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

5. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

CAPÍTULO IV

Execución e xustificación

Artigo 28. Obrigacións xerais en relación coa execución da actividade formativa

As entidades beneficiarias que realicen as accións de formación a que se refire esta orde, deberán ter en conta as seguintes obrigacións:

1. Realizar a actividade formativa que fundamenta a concesión da subvención, de acordo coas condicións e requisitos formais e materiais que se establecen nesta orde, así como coas condicións de aprobación que serviron de base para determinar a avaliación técnica e a subvención que se conceda.

2. Aceptar as modificacións que, se for o caso, introduza o órgano encargado da resolución dos expedientes en relación cos termos de impartición sinalados na solicitude.

3. Comunicar á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución das accións formativas programadas, no prazo de dous días hábiles desde que se teña coñecemento de que se vai producir ou dun día hábil desde que se produza.

4. Comunicar previamente á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral a realización de viaxes ou visitas de carácter didáctico, con quince días hábiles de antelación ao día en que vaian ter lugar. A Dirección Xeral só poderá denegar estas actividades mediante resolución motivada, especialmente nos casos en que se propoña máis dunha visita por formación, cando o seu contido non supoña unha achega formativa para o alumnado ou reitere actividades xa realizadas.

5. Solicitar á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, con cinco días de antelación, autorización para realizar calquera modificación substancial no desenvolvemento das accións formativas, salvo en casos de forza maior, que se notificará en canto sexa posible.

Esta obrigación afecta especialmente o horario, calendario e lugar de impartición, que deben estar permanente actualizados no sistema SIFO para posibilitar a verificación e control efectivos da execución da actividade formativa.

6. Velar por que todo o alumnado dunha acción formativa reciba a mesma formación, así como o mesmo número de horas tanto teóricas como prácticas, independentemente de que a parte práctica teña lugar no propio centro ou en centros de traballo.

7. Respectar a obrigatoriedade da gratuidade para as persoas traballadoras participantes das accións formativas comprendidas no programa de formación.

8. Se for o caso, aboar mensualmente ao persoal docente a súa remuneración a través de transferencia bancaria. Non exime desta obrigación o feito de que a entidade beneficiaria non percibise os anticipos previstos nesta orde.

9. Dispoñer dun sistema de control biométrico para o seguimento e control do alumnado e do persoal docente compatible co sistema establecido polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

10. No caso das accións comprendidas na tipoloxía da liña II, contratar un seguro de accidentes para o alumnado no caso das accións formativas de modalidade presencial e na parte presencial da modalidade mixta, que cubra tanto os riscos que se poidan presentar durante o desenvolvemento da acción formativa como os do traxecto ao lugar de impartición das clases teóricas, das prácticas e das probas presenciais.

A súa duración abranguerá o período da acción formativa, sen que poida admitirse restrición nin exclusión ningunha por razón do medio de transporte utilizado. Esta obrigación rexerá exclusivamente na parte presencial cando a acción formativa se desenvolverá fóra da propia empresa. A cobertura mínima deste seguro será a prevista no artigo 13 e non se admitirán pólizas con franquías.

11. Para as accións formativas de novos certificados de profesionalidade, remitir un informe individualizado de cada alumno e alumna que cualifique os progresos alcanzados en cada un dos módulos profesionais da acción formativa, segundo o modelo especificado no anexo VI da Orde ESS/1897/2013.

12. Para as accións formativas de novos certificados de profesionalidade, remitir acta da avaliación dos alumnos e alumnas, segundo o modelo especificado no anexo VII da Orde ESS/1897/2013, así como a documentación que se requira para os procesos de seguimento e control da calidade das accións formativas, segundo o establecido nos artigos 14 e 18 do Real decreto 34/2008 e nos capítulos I e II do título III da devandita orde.

13. Incluír en toda a documentación relativa á acción formativa o logotipo da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo, segundo o establecido na Guía de comunicación 2014-2020 para os programas operativos Feder e FSE Galicia.

14. Ademais das obrigas establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e das establecidas con carácter xeral para todos os centros e entidades de formación no artigo 7 do Decreto 106/2011, do 19 de maio, as entidades beneficiarias das axudas deberán achegar os documentos orixinais, se se trata dun documento electrónico, ou a imaxe electrónica dos documentos orixinais, se se trata dun documento en papel, que se indican nesta orde e nos prazos sinalados, tendo en conta que os datos da xestión da acción formativa deberán introducirse en liña a través da aplicación informática SIFO que a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral poñerá á disposición das entidades beneficiarias.

Para que este proceso en liña poida realizarse, as entidades deberán dispoñer de saída á internet a través dunha liña RDSI, ADSL ou outra de calidade equivalente ou superior.

Artigo 29. Obrigacións en materia de xestión da documentación asociada ás actividades formativas

As entidades beneficiarias que realicen accións de formación deberán de ter en conta as seguintes obrigacións en materia de xestión documental:

1. A entidade beneficiaria recompilará no momento do inicio da acción formativa, para cada unha das persoas traballadoras participantes na formación, a seguinte documentación:

• Copia do DNI.

• Acreditación da súa condición de persoa ocupada.

• Acreditación do cumprimento dos requisitos de acceso do alumnado que establezan os programas formativos ou, se for o caso, o real decreto que regule os correspondentes certificados de profesionalidade.

• Acreditación documental de estar exento da obrigación de realizar o módulo formativo sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica, se for o caso.

• Documentación acreditativa para a exención do módulo de prácticas profesionais non laborais, se for o caso.

• Documentos de información ao alumnado da subvención, debidamente asinados.

2. A entidade beneficiaria arquivará separadamente por cada acción formativa a documentación sinalada no anterior número 1, así como o programa completo da acción formativa co tempo por módulos, as fichas de inicio, os modelos de solicitude de inscrición recibidos, o acta ou actas de selección, se for o caso, e os controis de aprendizaxe.

3. O centro que imparta accións formativas correspondentes a certificados de profesionalidade deberá dispoñer dos documentos que figuran nos puntos 6 e 8 do artigo 22 da Orde ESS/1897/2013. Así mesmo, deberán incorporar os devanditos documentos á aplicación informática SIFO.

Artigo 30. Remisión de información e documentación de xestión das actividades formativas

As entidades beneficiarias que realicen calquera das accións de formación recollidas nestas bases reguladoras deberán de ter en conta as seguintes obrigacións en materia de seguimento das actividades formativas:

1. Os datos da xestión da acción formativa deberán introducirse en liña a través da aplicación informática SIFO que a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral porá á disposición das entidades beneficiarias. As entidades beneficiarias deberán achegar o documento orixinal se se trata dun documento electrónico, ou a imaxe electrónica do documento orixinal, se se trata dun documento en papel, nos prazos sinalados.

2. A entidade beneficiaria remitirá á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral a través da aplicación informática e como mínimo cinco días naturais antes do inicio da acción formativa:

a) Con carácter xeral:

• A planificación temporal: as datas de inicio e final e o horario de impartición (das clases para a parte presencial e da docencia e das titorías para a parte de teleformación), especificando na modalidade mixta a data de inicio de cada unha das partes. Débese indicar, así mesmo, a previsión das visitas didácticas ao longo da acción formativa.

• O programa completo, excepto naquelas especialidades que teñen programación modular.

• O enderezo completo do lugar de impartición e o teléfono de contacto.

• Relación nominal do alumnado que asinou a autorización para a utilización dos seus datos persoais para o control e seguimento da acción formativa, no marco da normativa de protección de datos, e que conteña a declaración responsable da persoa traballadora de que os documentos que achega son auténticos. Na relación deberá especificarse o número do DNI e o número de afiliación á Seguridade Social. Unicamente poderán iniciar a acción formativa as persoas traballadoras cuxas autorizacións fosen remitidas á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

• A identificación da persoa coordinadora ou responsable da acción formativa.

• A relación nominal de persoas docentes especificando os seus DNI.

• A acreditación da formación e/ou experiencia profesional das persoas docentes.

• As persoas docentes encargadas da impartición do módulo de formación sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e corresponsabilidade familiar e doméstica deberán acreditar 150 horas de formación en materia de xénero ou de experiencia profesional ou docente en materia de xénero.

• Os instrumentos da avaliación válidos e fiables, cun sistema de corrección e puntuación obxectivas.

• A identificación do persoal de preparación de clases, titorías para o reforzo formativo e impartición da docencia.

• A identificación do persoal que asuma as tarefas de administración e dirección estritamente necesarias para a preparación, xestión e execución da acción formativa.

• O seguro de accidentes das persoas participantes.

• As claves de acceso á correspondente plataforma, se for o caso.

• A documentación en que se reflicta a metodoloxía utilizada para o cálculo e imputación dos gastos.

b) No caso de accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade achegarase, ademais:

• A planificación didáctica, elaborada segundo o anexo III da Orde ESS/1897/2013.

• A programación didáctica de cada módulo formativo e, se é o caso, unidades formativas, utilizada como guía de aprendizaxe e avaliación, elaborada segundo o anexo IV da Orde ESS/1897/2013.

• A planificación da avaliación, elaborada de acordo co anexo V da Orde ESS/1897/2013.

• A formación metodolóxica das persoas docentes que van impartir a acción formativa e a relación dos módulos que impartirá cada un deles, así como a acreditación de que cumpren os requisitos establecidos para cada módulo formativo no Real decreto que regula o correspondente certificado de profesionalidade. Cada módulo poderá ser impartido, como máximo, por dúas persoas formadoras.

• Acreditación do modo en que se realizará o módulo de prácticas profesionais non laborais en empresas que se recolla no certificado de profesionalidade.

3. Durante o desenvolvemento das accións formativas, a entidade beneficiaria remitirá á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, a través da aplicación informática, os seguintes documentos:

a) O día de inicio da acción formativa:

• Certificación xustificativa do comezo da acción formativa e, se for o caso, das modificacións producidas respecto dos datos sinalados no número anterior.

b) Nos 10 días lectivos seguintes ao comezo da acción formativa:

• As datas de inicio e final da acción formativa, así como o horario de impartición.

• O enderezo completo do lugar de impartición.

• Copia do DNI das persoas alumnas.

• A solicitude de anticipo, se for o caso.

c) Mensualmente:

• Partes diarios de asistencia asinados polos alumnos e alumnas, así como polo persoal docente no modelo xerado pola aplicación SIFO.

• Comunicación de incidencias.

Os proxectos formativos que presenten solicitudes de financiamento que se correspondan con accións formativas exclusivas da liña I e xa fosen iniciadas con anterioridade á publicación desta convocatoria deberán de presentar ante a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, nun prazo máximo de dez días hábiles tras a publicación da presente orde, a relación de documentación que se menciona neste punto, segundo corresponda ao grao de avance do proxecto formativo.

4. Ao finalizar, a entidade beneficiaria deberá completar a información relativa á finalización e remitirá á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral a través da aplicación informática os seguintes documentos:

a) No caso de accións formativas da modalidade mixta: os controis de teleformación (no mesmo prazo que os partes de asistencia presencial), comunicando os seguintes datos referidos a cada control de aprendizaxe:

• Programa de formación, acción formativa e grupo.

• Código que permita identificar a proba e os resultados alcanzados polo/a persoa traballadora participante. Estes datos deben ser almacenados polo sistema de teleformación empregado para a execución da acción formativa.

• Indicativo de se a persoa traballadora participante realizou a proba. En caso afirmativo, consignarase a data e hora en que foi desenvolvido o control, o tempo empregado para o desenvolvemento do control de aprendizaxe e o resultado obtido, con indicación da cualificación como superado ou non superado.

b) Documento das titorías en que se indique o alumnado titorizado, duración, horario, módulo formativo reforzado e sinatura do alumno ou alumna e da persoa titora.

c) Os centros que impartan accións formativas correspondentes a certificados de profesionalidade deberán remitir o informe de avaliación individualizado e a acta de avaliación, debidamente asinados por todas as persoas docentes do módulo formativo e pola persoa responsable do centro de formación. A Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral será a responsable da custodia da documentación presentada e da emisión do certificado de profesionalidade.

5. A falta de comunicación nos prazos establecidos implicará que a correspondente formación se considerará non realizada para efectos da liquidación económica da subvención, salvo que a falta de comunicación en prazo se deba a causas imprevistas, debidamente xustificadas e comunicadas no momento en que se produzan.

Nos mesmos termos, a asistencia de alumnado non comunicado a un grupo dunha acción formativa supoñerá que o grupo afectado se considerará como non realizado.

6. A entidade beneficiaria deberá expoñer no taboleiro de anuncios do centro de traballo o programa completo da acción formativa co tempo asignado por módulos, os dereitos e deberes do alumnado participante e da entidade beneficiaria, así como a relación do persoal docente, e o horario. No anuncio farase referencia expresa aos organismos cofinanciadores da acción formativa.

Artigo 31. Prazo de xustificación

1. Con carácter xeral e para calquera das tipoloxías de proxecto consideradas, liñas I e II, a xustificación dos gastos subvencionables deberá realizarse dentro do prazo dun mes desde a finalización da última acción formativa do programa de formación.

Cada convocatoria explicitará os prazos para a xustificación final dos gastos, así como, de ser o caso, os posibles límites temporais que, en calquera caso, deberán impoñer xustificacións parciais por anualidade naqueles supostos en que os gastos, incluídos os que se realicen con cargo aos importes anticipados, afecten máis dun exercicio orzamentario.

2. No caso da primeira convocatoria, a xustificación final dos gastos subvencionables deberá realizarse dentro do prazo dun mes desde o remate de cada curso e axustarase, en calquera caso, aos seguintes límites:

a) Nas accións formativas que rematen ata o 30 de novembro de 2019, a data límite para a presentación da xustificación final dos cursos será o 30 de decembro de 2019.

b) Nas accións formativas que rematen despois do 30 de novembro de 2019, a data límite para a presentación da xustificación final dos cursos será o 31 de outubro de 2020.

Neste caso, accións formativas que rematen despois do 30 de novembro de 2019, deberá realizarse unha xustificación parcial da actividade realizada ata o 30 de novembro de 2019, con data límite para a presentación desta xustificación parcial do día 31 de marzo de 2020.

3. Transcorrido o prazo establecido para a xustificación sen que se presente ante a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, esta requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación en prazo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto (BOE núm. 189, do 8 de agosto).

Artigo 32. Documentación xustificativa

1. As entidades beneficiarias nas liñas I e II deberán presentar á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral a evidencia xustificativa dos custos inherentes ao programa formativo a través da entrega da seguinte documentación, que deberá presentarse por cada acción formativa selada e asinada:

a) Solicitude de liquidación final.

b) Relación de nóminas e facturas.

c) As facturas, nóminas e xustificantes de pagamento de todos os gastos imputables á acción formativa segundo as indicacións sobre documentación recollidas nesta orde.

d) Certificación dos gastos.

e) Declaración de que non existen outras axudas solicitadas, aprobadas, concedidas ou pendentes de resolución para a mesma acción formativa, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. A entidade beneficiaria deberá, así mesmo, cubrir e remitir nos impresos normalizados e conforme ás instrucións que se establezan para o efecto naquelas os seguintes documentos:

a) A certificación de finalización do programa, con especificación de cada acción formativa realizada da que se comunicase o seu inicio no momento oportuno.

b) A documentación xustificativa que acredite, como mínimo, os custos relativos ás accións formativas subvencionadas.

c) Xustificante de ter ingresado o importe correspondente á diferenza entre a cantidade xustificada e a recibida en concepto de anticipo. Por tanto, este xustificante só deberá achegarse cando o anticipo sexa superior á cantidade xustificada.

d) A documentación relativa ás actuacións de avaliación e control da calidade da formación. Nese caso enviarase coa xustificación o informe final ou memoria cos resultados, que pode enviarse en soporte informático.

e) As entidades beneficiarias deberán acreditar, con independencia da súa contía e antes de proceder ao cobramento das subvencións, que están ao día no cumprimento das súas obrigacións tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Documentación xustificativa relativa aos controis de aprendizaxe.

3. Os documentos xustificativos presentaranse en orixinal, se se trata dun documento electrónico, ou a imaxe electrónica do documento orixinal, se se trata dun documento en papel.

4. Cando non se presente a documentación xustificativa a que se refiren os puntos anteriores ou a documentación presentada sexa insuficiente para considerar correctamente xustificada a subvención concedida, requirirase a entidade beneficiaria nos termos previstos nesta orde e na normativa aplicable a subvencións e ao procedemento administrativo para que corrixa as insuficiencias observadas. Examinada a documentación achegada para a corrección das insuficiencias detectadas, ou transcorrido o devandito prazo sen que se presenten, procederase á liquidación final a partir dos xustificantes de gastos elixibles que consten no expediente.

5. Revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias e sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde, o Servizo de Xestión Administrativa da Promoción Laboral da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral emitirá certificación para poder facer efectiva a correspondente liquidación da subvención concedida.

Artigo 33. Instrucións de xustificación de custos e liquidación.

1. Os datos de xestión da acción formativa deberanse introducir en liña a través da aplicación informática que a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral poñerá á disposición das entidades beneficiarias.

2. A entidade beneficiaria deberá xustificar os custos en que incorreu na execución das accións formativas obxecto do programa e o gasto xustificado será o efectivamente pago.

3. Os custos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio co detalle suficiente para acreditar a correcta aplicación dos fondos. Os devanditos documentos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que regula as obrigacións de facturación. A beneficiaria deberá achegar, igualmente, extractos do libro maior en que se reflictan todas as operacións contables realizadas para a execución da acción formativa e declaración responsable das empresas con que teñan vinculación.

4. Cando, de acordo coas normas de contabilidade xeralmente aceptadas, se admita a xustificación de custos mediante notas de cargo, estas deberán acompañarse dos documentos xustificativos que soportan o gasto ou as súas imputacións.

As notas de cargo deberán estar emitidas para cada entidade beneficiaria, corresponder a custos reais da entidade emisora e reunir, polo menos, os seguintes requisitos formais:

• Número e, se for o caso, serie.

• Nome e apelidos ou denominación social completa, número de identificación fiscal e enderezo tanto do/a expedidor/a como do/a receptor/a.

• Lugar e data de expedición.

• Concepto detallado da prestación.

5. Os recibos deberán ser emitidos por persoas físicas e admitiranse unicamente cando o servizo prestado non sexa habitual nin continuado no tempo. Deberán reunir, como mínimo, os requisitos formais indicados para as notas de cargo, así como a sinatura do/da receptor/a.

6. O control da Consellería de Economía, Emprego e Industria, como órgano concedente, esténdese á comprobación de que a entidade beneficiaria tivo en conta as previsións do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 34. Xustificación dos custos derivados da matriculación en programas de formación

Para xustificar os custos derivados da matriculación nos programas de formación, deberase achegar:

• Copia das facturas, documentos de liquidación de prezos públicos ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do gasto asociado á formación recibida polas persoas traballadoras da empresa.

• Documentación bancaria acreditativa do pagamento das facturas.

• Certificación emitida pola entidade formadora en que se identifique o alumno ou alumna cuxo custo de participación se imputa ao programa, na cal se detalle o grao de aproveitamento obtido na acción formativa. Esta certificación de aproveitamento poderá ser substituída polas cualificacións obtidas, no caso de tratarse de estudos que conduzan a unha titulación oficial ou a unha acreditación recoñecida.

• En caso de superar con aproveitamento a acción formativa, diploma emitido pola entidade organizadora da acción formativa.

CAPÍTULO V

Obrigacións, incompatibilidades, seguimento e control

Artigo 35. Prohibicións e incompatibilidades

1. A entidade solicitante non poderá atoparse incursa nas prohibicións para obter a condición de entidade beneficiaria sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, circunstancia que se xustificará mediante a declaración contida no anexo III desta orde.

2. As subvencións contempladas nesta orde son incompatibles con calquera outra axuda concedida por outros entes públicos ou privados, xa que as axudas desta orde financian a totalidade dos gastos elixibles.

Artigo 36. Obrigacións das entidades beneficiarias

1. Constitúen obrigacións da entidade beneficiaria, ademais das sinaladas concretamente nos seguintes números deste artigo e nos artigos 28, 29 e 30 desta orde, sen prexuízo doutras obrigacións establecidas nesta orde, as que derivan da Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, do Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, que a desenvolve, da Orde TMS/368/2019 e do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Achegar a información e documentación que se requira durante a fase de instrución do procedemento e execución do programa formativo, así como ter á disposición dos órganos de control competentes os documentos acreditativos da asistencia das persoas participantes ás accións formativas, debidamente asinados por elas e segundo os requisitos mínimos que se establezan. Entre esta documentación deberá incluírse unha declaración responsable asinada por cada persoa participante en que indiquen expresamente os días e as horas en que participou na acción formativa.

3. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas e polo Servizo Público de Emprego Estatal, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do PO FSE Galicia 2014-2020, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

5. Someterse ás actuacións de avaliación, seguimento e control, internas e externas, segundo o plan anual de avaliación recollida no artigo 18.2 do Real decreto 34/2008.

6. Presentar a xustificación do cumprimento dos requisitos e condicións que determinan a concesión da subvención, así como da realización e dos custos da actividade que fundamenta a concesión.

Xunto á xustificación dos gastos efectivamente realizados, deberá incorporarse unha auditoría de conta xustificativa asinada por unha persoa auditora inscrita no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC), de acordo co modelo establecido na Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio.

7. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria, en cada caso coa identificación en conta separada ou epígrafe específica da súa contabilidade de todos os gastos derivados das accións formativas, coa referencia común a todos eles á formación para o emprego.

8. Manter un sistema de contabilidade separada que identifique o ingreso da axuda recibida, ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados ao abeiro desta orde, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión. Así mesmo, deberase manter unha pista de auditoría axeitada que permita a comprobación dos custos derivados da realización da acción formativa.

9. A entidade beneficiaria da subvención estará obrigada a conservar durante 5 anos os xustificantes da realización da actividade que fundamenta a concesión da subvención, así como da aplicación dos fondos recibidos, sen prexuízo do establecido neste ámbito pola normativa comunitaria para as accións cofinanciadas con fondos europeos. O prazo computarase a partir do momento en que finalice o período establecido para presentar a citada xustificación por parte da entidade beneficiaria.

Ademais, deberanse conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. O comezo dese prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

As entidades que, sen que transcorresen os citados períodos, decidan suspender a súa actividade ou disolverse, deberán remitir copia da citada documentación á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

10. Comunicar á Administración autonómica tanto a solicitude como a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Estes ingresos serán incompatibles coa subvención que corresponda, polo que esta será obxecto de reintegro nos termos desta orde.

11. As entidades beneficiarias das subvencións deberán acreditar, con independencia da súa contía, tanto antes de ditar resolución de concesión como de proceder ao cobramento das subvencións, que están ao día no cumprimento das súas obrigacións tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

12. Subscribir, con carácter previo á percepción do financiamento público, un compromiso verificable de calidade na xestión, transparencia e eficiencia na utilización de recursos públicos. Este compromiso estará referido ás accións mencionadas na tipoloxía da liña II, e refírense ao seguimento da impartición e asistencia de todas as persoas participantes, á súa satisfacción co desenvolvemento da acción formativa, aos seus contidos, aos seus resultados, á calidade do profesorado e ás modalidades de impartición.

13. Realizar ou, se for o caso, garantir as devolucións de cantidades concedidas e pagadas en convocatorias anteriores e cuxa devolución lle fose exixida mediante reclamación previa á vía executiva ou mediante resolución de procedencia de reintegro, salvo que se aplicase a suspensión do acto.

14. Non incorrer no falseamento de datos contidos na solicitude ou nos documentos e certificados presentados aos órganos competentes na tramitación das solicitudes e na concesión das subvencións.

Artigo 37. Obrigacións en materia de información e comunicación

Presentarase documentación acreditativa do cumprimento das obrigacións en materia de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013, do 17 de decembro, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046, mediante achegas de copias da documentación utilizada, fotografías dos carteis expostos, indicación da páxina web, etc.

A entidade beneficiaria, e cada un dos membros da agrupación, establecerá en todas as accións formativas a referencia ao emblema da Unión Europea de conformidade coas características técnicas indicadas no Regulamento de execución (UE) 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo, polo que se aproban as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1303/2013, e demais entidades que cofinancian.

En concreto, establecerase unha referencia ao Fondo Social Europeo (O FSE inviste no teu futuro) e a Xunta de Galicia (Consellería de Economía, Emprego e Industria). Especificamente deberán cumprirse as seguintes medidas de información e publicidade:

1. De carácter informativo.

Establecerase un cartel de tamaño mínimo A3, con información sobre o proxecto, en lugar visible e de acceso ao público e que deberá incorporar os seguintes elementos: o emblema da Unión Europea e da Xunta de Galicia e a referencia ao Fondo Social Europeo, a referencia ao obxectivo temático 8 e un breve resumo do proxecto.

2. Información ao persoal formador.

Se for o caso, a entidade beneficiaria deberá informar o persoal que asume un rol de formador/a que os conceptos salariais están cofinanciados pola Unión Europea e a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, deixando constancia por escrito de forma individualizada para cada acción formativa de que se produce esta comunicación. Esta comunicación será exixible no caso da impartición da formación con persoal propio, segundo o establecido na liña II.

3. Información ás persoas participantes nas accións de formación.

A entidade beneficiaria deberá informar as persoas traballadoras participantes nas accións formativas de que estas están cofinanciadas pola Unión Europea con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, deixando constancia por escrito de que se produce esta comunicación.

4. Publicidade na documentación.

Calquera documentación que xere o proxecto formativo, incluídos os certificados de calquera clase, incluirá unha declaración en que se informe de que a acción formativa foi cofinanciada polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

5. Publicidade na web.

Na páxina web das entidades beneficiarias deixarase constancia de que a formación que se imparte aos seus traballadores e traballadoras está cofinanciada polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

En todo caso, a información pormenorizada respecto ás obrigacións en materia de información e comunicación están descritas nos seguintes documentos: Estratexia de Comunicación 2014-2020 e a Guía de Comunicación 2014-2020 relativas aos programas operativos Feder e FSE de Galicia.

Artigo 38. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión destas axudas, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación segundo o establecido no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 39. Seguimento e control das accións formativas

1. Para verificar o cumprimento do disposto nesta orde e, en especial, nas accións comprendidas na tipoloxía da liña II, a Administración aplicará o sistema de seguimento e control que considere convenientes, a través de persoal propio ou de entidades habilitadas para o efecto polo instrumento xurídico correspondente, contractual ou de encomenda de xestión.

As actuacións, ademais da realización de visitas ás accións formativas aprobadas, poderán consistir na realización de enquisas ao alumnado e persoal docente, información respecto do progreso da acción e do seu grao de execución en cada momento, así como actuacións de control da elixibilidade dos custos imputados a cada acción formativa.

As entidades beneficiarias terán que poñer os medios para que cada unha das persoas traballadoras formadas cumpra coa obrigación de asinar os controis diarios de asistencia, así como rexistrar diariamente a súa entrada e saída á acción formativa no sistema de control biométrico e efectuar polo menos unha fotografía de cada sesión da acción formativa na cal se visualice a persoa docente e o alumnado asistente, o que deberá arquivar nun formato dixital que permita comprobar a data e a hora de realización, e deberán facilitar os labores de seguimento que realice a Administración, o que inclúe o acceso ás instalacións en que teña lugar a formación e as entrevistas ás persoas participantes.

As obrigacións contidas neste artigo serán de aplicación para as accións abranguidas nas tipoloxías formativas das liñas I e II.

Para que se poida proceder á liquidación das subvencións, a Administración deberá ter constancia do cumprimento destas obrigas.

2. Cando se trate de accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade, nas distintas actuacións de seguimento e control, comprobarase que o centro responsable da impartición dispón de:

a) Instalacións e equipamentos adecuados que se axusten ao establecido respecto diso nos reais decretos polos que se regula cada un dos certificados de profesionalidade e se manteñan en boas condicións para a súa utilización.

b) Documentos que acrediten que as persoas que imparten a formación e o alumnado reúnen os requisitos establecidos para impartiren a formación e accederen a ela, respectivamente.

c) Planificación didáctica, elaborada segundo o anexo III da Orde ESS/1897/2013.

d) Programación didáctica de cada módulo formativo e, se for o caso, unidades formativas, utilizada como guía de aprendizaxe e avaliación, elaborada segundo o anexo IV da Orde ESS/1897/2013.

e) Planificación da avaliación, elaborada de acordo co anexo V da Orde ESS/1897/2013.

f) Instrumentos de avaliación válidos e fiables, cun sistema de corrección e puntuación obxectivo.

g) Documento que reflicta os resultados obtidos polo alumnado en cada instrumento da avaliación aplicado e en cada módulo formativo, segundo o modelo do anexo VI da Orde ESS/1897/2013.

h) Acta da avaliación cos resultados obtidos polos alumnos e alumnas en cada instrumento de avaliación aplicado e en cada módulo formativo, segundo o modelo do anexo VII da Orde ESS/1897/2013.

i) Programa formativo do módulo de formación práctica en centros de traballo, segundo o modelo incluído no anexo VIII da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.

3. Cando nunha acción formativa se detecte a existencia de irregularidades ou deficiencias que non poidan ser emendadas no prazo concedido para o efecto e que incidan negativamente na súa calidade docente, procederase á súa cancelación por resolución motivada do órgano competente para a súa concesión.

Artigo 40. Axudas baixo condicións de minimis da liña I

1. As axudas da liña I establecidas nesta orde están sometidas ao réxime de axudas de minimis; por tanto, non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Por tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da entidade solicitante. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

2. En coherencia co previsto no artigo 9 da presente orde, e por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, quedarán excluídas:

a) Empresas dos sectores de pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

b) Empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) Empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

• Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

• Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade dela repercuta nos produtores primarios.

d) As axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Artigo 41. Réxime das axudas da liña II

1. As subvencións que se concedan ao abeiro da liña II desta orde están amparadas polo Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño.

2. Consonte o réxime aplicable, as subvencións da liña II terán un importe do 50 % do importe total xustificado.

En calquera caso, as axudas desta liña deberán cumprir as condicións de exención e os límites do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

3. En virtude do artigo 31 do referido Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, serán custos elixibles, na porcentaxe sinalada no punto anterior, os que se enumeran no artigo 13.1 desta orde.

4. As resolucións que se diten neste procedemento deberán comunicar ás entidades beneficiarias, no marco da liña II, o seu carácter de axudas de Estado, nos termos do artigo 23 desta orde.

CAPÍTULO VI

Pagamento da axuda

Artigo 42. Pagamento e liquidación de subvencións

1. O pagamento da subvención quedará condicionado a que as entidades beneficiarias acrediten que se atopan ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, salvo que se acredite que estas débedas están aprazadas, fraccionadas ou cando se acordase a súa suspensión. Non poderá realizarse o pagamento da subvención cando a entidade sexa debedora por resolución firme de procedencia de reintegro.

2. Con carácter xeral, o aboamento da subvención farase efectivo da seguinte forma:

Ata o 25 % do total do importe concedido para a acción formativa, en concepto de anticipo con carácter previo ao comezo da actividade formativa, nos termos do número 8 do artigo 6 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, pode ser solicitado pola entidade beneficiaria despois de que reciba a notificación da resolución e conste a aceptación da subvención.

De igual xeito, a entidade beneficiaria poderá solicitar o pagamento dun segundo anticipo de ata o 35 % adicional, calculado sobre o conxunto do importe concedido, unha vez acreditado o inicio da actividade formativa.

No caso de non existir a solicitude de anticipo do 25 % previa ao comezo da acción formativa, unha vez acreditado o inicio da actividade formativa, poderase solicitar de maneira conxunta un anticipo de ata o máximo do 60 % do importe concedido para o programa formativo.

Nos termos do artigo 12.2 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, o cálculo do importe dos referidos anticipos poderá calcularse sobre a base do importe concedido para o total do programa formativo, entendido este como o conxunto das accións formativas obxecto da subvención, se así o solicita a entidade beneficiaria. Asemade, entenderase por inicio da actividade formativa o comezo da execución do primeiro curso ou grupo subvencionado.

Os anticipos deberán ser solicitados a través do aplicativo informático SIFO.

Nos termos do artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, os anticipos non poderán superar a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario e, por tanto, o pagamento poderá ser dividido en dúas anualidades para respectar este límite, para o cal se adoptarán as correspondentes medidas de xestión orzamentaria que permitan a percepción do importe total do anticipo ou suma de anticipos a que se teña dereito.

Os pagamentos dos anticipos faranse efectivos no prazo máximo de tres meses, contados desde a data de presentación polas persoas beneficiarias da documentación requirida para formular a solicitude de anticipo, en atención ao disposto no referido artigo 12.2 da Orde TMS/368/2019.

3. Conforme o previsto no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia, as empresas beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituíren garantías para a realización dos anticipos.

4. En ningún caso poderán realizarse pagamentos anticipados ás persoas beneficiarias nos supostos previstos no número 6, parágrafo terceiro, do artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Os gastos realizados con cargo aos anticipos deberán referirse á anualidade orzamentaria para que foron concedidos e deberán xustificarse dentro do prazo que se sinala nesta orde, de maneira que deberán xustificarse coa data límite do 31 de marzo de 2020, no caso de anticipos concedidos con cargo a 2019, e coa data límite do 30 de decembro de 2020, para o caso de anticipos concedidos con cargo a 2020.

6. O resto do importe concedido farase efectivo, unha vez finalizada a acción formativa ou programa formativo subvencionados e logo de xustificados os gastos realmente efectuados. Para o cálculo do importe que se aboará terase en consideración a xustificación presentada.

O prazo para realizar o pagamento a que se refire este número será de seis meses, computable desde a data de presentación da solicitude en tal sentido, acompañada da correspondente documentación acreditativa.

7. A xustificación do cumprimento do compromiso de contratación inmediata realizarase no momento en que se proceda á xustificación final dos custos do curso mediante a presentación dos correspondentes contratos laborais visados polo Servizo Público de Emprego. As entidades beneficiarias deberán acreditar a situación de alta da persoa traballadora na Seguridade Social polo tempo estipulado no contrato. Para iso deberán achegar a RNT (relación nominal de persoas traballadoras).

Artigo 43. Perda do dereito ao cobramento

Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial das axudas no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 44. Reintegro

1. No caso de que a entidade beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigacións estipuladas nesta orde, a Consellería de Economía, Emprego e Industria iniciará o procedemento de reintegro total ou parcial da axuda concedida e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes intereses de demora producidos desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da citada Lei 9/2007 e no seu regulamento, aprobado mediante Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. De acordo coa Lei 9/2007, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) O incumprimento total da actividade para a cal se concedeu o incentivo ou do deber de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se for o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedirían dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

c) O incumprimento da obrigación de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

d) O incumprimento da obrigación de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder.

e) O incumprimento das obrigacións relativas a información e comunicación sinaladas nesta orde dará lugar ao reintegro do 2 % da subvención concedida. O incumprimento da obrigación de contabilidade separada sinalada nesta orde dará lugar ao reintegro do 2 % da subvención concedida.

f) O incumprimento da participación na formación do número de persoas que se incluíu na solicitude e que foi obxecto de puntuación dará lugar ao reintegro correspondente a aplicar a porcentaxe de incumprimento, calculada como proporción das baixas con respecto ao número de participantes proposto, sobre a subvención concedida para a acción formativa concreta.

g) O incumprimento do deber de estabilidade nos postos de traballo a que se refire o artigo 7 dará lugar ao reintegro total ou parcial da axuda concedida, en función da aproximación significativa ao período mínimo de 6 meses desde a finalización da formación, entendendo como tal que o posto de traballo se mantivese durante polo menos 3 meses e que a empresa beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos seis meses de estabilidade.

3. A obrigación de reintegro establecida nas letras anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 45. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na que conste a data de ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 46. Cláusula de loita contra a fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo.

Disposición adicional única. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obrigación e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión das mesmas ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Facultade de interpretación

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para interpretar a presente orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I

Accións formativas prioritarias vinculadas coa Industria 4.0

Código

Denominación

Proxectos de formación industria 4.0

Automatización total ou ampliada.

Big data, cloud computing e ciberseguridade.

Conectividade total ou ampliada.

Dixitalización.

Fabricación aditiva.

Intercomunicación máquina-máquina.

Internet das cousas, internet do equipamento e as máquinas.

Loxística 4.0 para a integración total da cadea de subministracións coa interconexión de sistemas e máxima coordinación dos procesos loxísticos.

Modelaxe e simulación de procesos industriais, operativos e loxísticos.

Personalización de produtos.

Robotización e robotización colaborativa.

Sensórica e actuadores mecatrónicos.

Sistemas ciberfísicos.

Vehículos autónomos (optimización de fluxos e redución de custos).

Familia profesional: administración e xestión

ADGD0210

Creación e xestión de microempresas.

ADGD024PO

Sensibilización á calidade total: ISO 9000, 9001, 9004 e EFQM.

ADGD046PO

Fundamentos da calidade na industria.

ADGD051PO

Fundamentos do control e mellora da calidade.

ADGD245PO

Implantación dun sistema de xestión da calidade.

ADGD247PO

Fundamentos do sistema de xestión de calidade ambiental: UNE-EN-ISO-14001.

ADGN054PO

Xestión de custos.

Familia profesional: comercio e márketing

COML001PO

Condución de carretas elevadoras.

COML0209

Organización do transporte e a distribución.

COML0210

Xestión e control do aprovisionamento.

COML0309

Organización e xestión de almacéns.

COMM0110

Márketing e compravenda internacional.

COMT016PO

Comercialización de produtos de madeira.

COMT027PO

Negocios en liña e comercio electrónico.

Familia profesional: electricidade e electrónica

ELEE0108

Operacións auxiliares de redes eléctricas.

ELEE0109

Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión.

ELEE018PO

Autómatas programables.

ELEM0110

Desenvolvemento de proxectos de automatización industrial.

ELEM0111

Montaxe e mantemento de sistemas domóticos e inmóticos.

ELEM0210

Xestión e supervisión da montaxe e mantemento de sistemas de automatización industrial.

ELEM0311

Montaxe e mantemento de automatización industrial.

ELEM0511

Desenvolvemento de proxectos de sistemas domóticos e inmóticos.

ELEQ0311

Mantemento de equipamentos electrónicos.

ELES0108

Montaxe e mantemento de infraestruturas de telecomunicacións en edificios.

ELES0110

Desenvolvemento de proxectos de infraestruturas de telecomunicación e de redes de voz e datos na contorna de edificios.

ELES0209

Montaxe e mantemento de sistemas de telefonía e infraestruturas de redes locais de datos.

Familia profesional: enerxía e auga

ENAC001PO

Eficiencia enerxética.

ENAC017PO

Desenvolvemento sustentable de proxectos.

ENAE002PO

Instalacións de enerxía eólica.

ENAE004PO

Enerxías renovables na xestión enerxética.

ENAE006PO

Enerxía solar térmica I.

ENAE007PO

Enerxía solar térmica II.

ENAE010PO

Enerxías renovables: especialidade biomasa.

ENAE015PO

Deseño de instalacións de enerxía solar fotovoltaica.

ENAE017PO

Instalación e mantemento de placas solares fotovoltaicas.

Familia profesional: edificación e obra civil

EOCQ006PO

Operacións de máquina retrocargadora

Familia profesional: fabricación mecánica

FMEA001PO

Sistemas eléctricos aeronáuticos.

FMEA003PO

Montadores de estruturas aeronáuticas.

FMEA0111

Montaxe de estruturas e instalación de sistemas e equipamentos de aeronaves.

FMEA0211

Fabricación de elementos aeroespaciais con materiais compostos.

FMEC002PO

Carpintaría de metal.

FMEC003PO

Fabricación e montaxe de construcións metálicas.

FMEC005PO

Inspección de soldadura.

FMEC0108

Fábrica e montaxe de instalacións de tubaxe industrial.

FMEC0109

Produción en construcións metálicas.

FMEC0110

Soldadura con eléctrodo revestido e TIG.

FMEC012PO

Soldadura, procesos de certificación.

FMEC019PO

Deseño de caldeiraría industrial.

FMEC0208

Deseño de caldeiraría e estruturas metálicas.

FMEC0209

Deseño de tubaxe industrial.

FMEC0210

Soldadura oxigás e soldadura MIG/MAG.

FMEC0309

Deseño da industria naval.

FMEE0108

Operacións auxiliares de fabricación mecánica.

FMEE0208

Montaxe e posta en marcha de bens de equipamento e maquinaria industrial.

FMEE0308

Deseño de produtos de fabricación mecánica.

FMEH002PO

Mecanizado máquina ferramenta.

FMEH0109

Mecanizado por arranque de labra.

FMEH0209

Mecanizado por corte e conformación.

FMEH0309

Tratamentos superficiais.

FMEM004PO

Máquinas ferramenta de control numérico (CNC)

FMEM005PO

Ecodeseño

FMEM009PO

Fundamentos de robótica

FMEM0109

Xestión da produción en fabricación mecánica

FMEM013PO

Tecnoloxía e deseño de matrices

FMEM020PO

PLC avanzado

Familia profesional: informática e comunicacións

IFCD009PO

Xestión de contidos dixitais.

IFCD0111

Programación de linguaxes estruturadas de aplicacións de xestión.

IFCD0112

Programación con linguaxes orientadas a obxectos e bases de datos relacionais.

IFCD0211

Sistemas de xestión de información.

IFCT01

Analista de big data e científico de datos.

IFCT0109

Seguridade informática.

IFCT0210

Operación de sistemas informáticos.

IFCT0310

Administración de bases de datos.

IFCT0409

Implantación e xestión de elementos informáticos en sistemas domóticos/inmóticos, de control de accesos e presenza, e videovixilancia.

IFCT050PO

Xestión de seguridade informática na empresa.

IFCT0510

Xestión de sistemas informáticos.

IFCT0609

Programación de sistemas informáticos.

IFCT0610

Administración e programación en sistemas de planificación de recursos empresariais e de xestión de relacións con clientes.

IFCT083PO

Programación de dispositivos móbiles.

IFCT10

Arquitecto de cloud.

IFCT29

Oracle big data, enxeñeiro.

IFCT30

Oracle big data, analista.

Familia profesional: instalación e mantemento

IMAQ004PO

Mantemento industrial avanzado

IMAQ0108

Mantemento e montaxe mecánica de equipamento industrial.

IMAQ0208

Planificación, xestión e realización do mantemento e supervisión da montaxe de maquinaria, equipamento industrial e liñas automatizadas de produción.

IMAR0209

Desenvolvemento de proxectos de instalacións frigoríficas.

IMAR0308

Desenvolvemento de proxectos de redes e sistemas de distribución de fluídos.

IMAR0309

Planificación, xestión e realización do mantemento e supervisión da montaxe de instalacións frigoríficas.

IMAR0408

Montaxe e mantemento de instalacións caloríficas.

IMAR0508

Desenvolvemento de proxectos de instalacións caloríficas.

Familia profesional: química

QUIE0109

Organización e control dos procesos de química transformadora.

QUIE0111

Organización e control de procesos e realización de servizos biotecnolóxicos.

Familia profesional: téxtil, confección e pel

TCPF0412

Asistencia técnica na loxística dos procesos de externalización da produción téxtil, pel e confección.

Familia profesional: transporte e mantemento de vehículos

TMVE22

Manipulación de sistemas frigoríficos que empregan refrixerantes fluorados destinados ao confort térmico.

TMVG004PO

Diagnose de vehículos.

TMVG006PO

Esquemas eléctricos de vehículos.

TMVG007PO

Inxección electrónica.

TMVG0110

Planificación e control da área electromecánica.

TMVG015PO

Mantemento de vehículos híbridos

TMVG0209

Mantemento dos sistemas eléctricos e electrónicos de vehículos.

TMVG0309

Mantemento de sistemas de transmisión de forza e trens de rodaxe de vehículos automóbiles.

TMVG0409

Mantemento do motor e os seus sistemas auxiliares.

TMVL001PO

Chapa e pintura: tratamento e reparación.

TMVL0109

Operacións auxiliares de mantemento de carrozarías de vehículos.

TMVL0509

Pintura de vehículos.

TMVO004PO

Mantemento de aeronaves.

TMVO0109

Operacións auxiliares de mantemento aeronáutico.

ANEXO II

Áreas prioritarias segundo a disposición transitoria segunda
da Lei 30/2015, do 9 de setembro

ADGD0208

Xestión integrada de recursos humanos

ADGF01

Inglés financeiro

ADGG0108

Asistencia á dirección

ADGG0308

Asistencia documental e de xestión en despachos e oficinas

ADGN0108

Financiamento de empresas

ADGN0208

Comercialización e administración de produtos e servizos financeiros

IFCD0211

Sistemas de xestión de información

IFCT0108

Operacións auxiliares de montaxe e mantemento de sistemas microinformáticos

IFCT0110

Operación de redes departamentais

IFCT0209

Sistemas microinformáticos

IFCT0210

Operación de sistemas informáticos

IFCT0310

Administración de bases de datos

IFCT0410

Administración e deseño de redes departamentais

IFCT0609

Programación de sistemas informáticos

SSCE01

Inglés A1

SSCE02

Inglés A2

SSCE03

Inglés B1

SSCE04

Inglés B2

SSCE05

Inglés C1

SSCE06

Alemán A1

SSCE07

Alemán A2

SSCE08

Alemán B1

SSCE09

Alemán B2

SSCE10

Alemán C1

SSCE11

Portugués A1

SSCE12

Francés A1

SSCE13

Francés A2

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file