Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 30 de setembro de 2019 Páx. 43075

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 115/2019, do 12 de setembro, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora da seguridade viaria (MSV) no contorno de treitos de concentración de accidentes (TCA) na estrada PO-552, puntos quilométricos 58+300 a 61+400 e 68+500 a 69+900, de clave PO/17/146.06, nos concellos de Tomiño e Tui.

Antecedentes:

Primeiro. No Diario Oficial de Galicia núm. 9, do 12 de xaneiro de 2018, publicouse o Anuncio do 19 de decembro de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública a separata para información pública do proxecto de construción do Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020: mellora da seguridade viaria (MSV) no contorno de treitos de concentración de accidentes (TCA) na estrada PO-552, puntos quilométricos 58+300 a 61+400 e 68+500 a 69+900, de clave PO/17/146.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise das alegacións, informes e certificados presentados, o 18 de xullo de 2019 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora da seguridade viaria (MSV) no entorno de treito de concentración de accidentes (TCA) na estrada PO-552, puntos quilométricos 58+300 a 61+400 e 68+500 a 69+900, de clave PO/17/146.06.

Este proxecto de construción ten por obxecto definir, xustificar e valorar as obras necesarias para mellorar a seguridade viaria en varios treitos da estrada PO-552, que presentan un carácter periurbano ou de travesía, con edificacións dispersas nas marxes, así como numerosas incorporacións e interseccións ao longo do percorrido; o que é o principal motivo da inestabilidade e accidentalidade actual dos ditos treitos.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar á realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día doce de setembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora da seguridade viaria (MSV) no contorno de treito de concentración de accidentes (TCA) na estrada PO-552, puntos quilométricos 58+300 a 61+400 e 68+500 a 69+900, de clave PO/17/146.06.

Santiago de Compostela, doce de setembro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade