Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 30 de setembro de 2019 Páx. 43162

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 18 de setembro de 2019 pola que se modifica a Orde do 30 de xuño de 2017 de creación do Comité de Seguridade da Información.

A Orde do 30 de xuño de 2017 creou o Comité de Seguridade da Información adscrito á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, como un órgano colexiado dos previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O dito órgano ten como ámbito de actuación os aspectos relativos á seguridade da información requiridos á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola lexislación aplicable, pola normativa de protección de datos de carácter persoal e outras, así como pola normativa corporativa de maior nivel, e que non sexan competencia da Amtega ou das unidades TIC con competencias non asumidas por esta.

O Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, supuxo a extinción da antiga Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e a creación da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que asume como prioridade básica a xestión do sistema educativo sostido con fondos públicos e da Consellería de Cultura e Turismo.

O Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, desenvolveu a dita estrutura determinando nun segundo nivel organizativo os órganos superiores e de dirección e as diversas entidades do sector público en que se estruturan as diversas consellerías que foron obxecto de reordenación.

Ao abeiro destes decretos aprobouse o Decreto 138/2018, do 8 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que desenvolveu os decretos anteriores fixando a estrutura orgánica da nova consellería.

A presente orde procede a delimitar o ámbito de actuación do Comité de Seguridade da Información circunscribíndoo ao da nova Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, e procede a unha actualización da súa composición.

De acordo co anterior, mediante a presente orde,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 30 de xuño de 2017 de creación do Comité de Seguridade da Información

Un. A Orde do 30 de xuño de 2017 de creación do Comité de Seguridade da Información queda modificada no sentido de substituír en todo o seu articulado as referencias á «Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria» por «Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional».

Dous. O número 1 do artigo 2 da Orde do 30 de xuño de 2017 de creación do Comité de Seguridade da Información queda redactado da seguinte forma:

«1. O Comité de Seguridade da Información estará composto:

a) Pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral da consellería, que representará a súa presidencia.

b) Polas persoas titulares de cada unha das subdireccións xerais da consellería.

c) Por unha persoa representante de cada unha das xefaturas territoriais da consellería.

d) Por unha persoa representante da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

e) Por unha persoa representante da Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitarios.

f) Polas persoas representantes do órgano ou entidade correspondente que execute as competencias TIC para a consellería».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional