Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 1 de outubro de 2019 Páx. 43347

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fan públicas as listaxes definitivas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia do grupo V, categoría 003 (ordenanza e outras), en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

Mediante Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 26 de xuño de 2018 (DOG núm. 122, do 27 de xuño), acordouse a apertura dunha lista para a incorporación de solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia do grupo V, categoría 003 (ordenanza e outras), en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

O nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral están reguladas no Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

Finalizado o prazo de presentación de solicitudes de incorporación a listas, por Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 17 de decembro de 2018 (DOG núm. 241, do 19 de decembro), fixéronse públicas as listas provisionais de admitidos e excluídos.

Rematado o prazo establecido na devandita resolución para presentar reclamacións, unha vez examinadas e resoltas as reclamacións, a Comisión Permanente constituída ao abeiro do artigo 4 do Decreto 37/2006, acordou elevar ao titular da Dirección Xeral da Función Pública as listaxes definitivas de admitidos e excluídos para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

En consecuencia, de conformidade co establecido no artigo 11 do decreto regulador, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Facer públicas as listaxes definitivas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia do grupo V, categoría 003 (ordenanza e outras), en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

Segundo. As listaxes poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratación>; no Servizo de Atención e Información á cidadanía a través do teléfono 012; e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galicia (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza).

As devanditas listas incluirán a seguinte información:

– Solicitantes admitidos/as na lista con indicación da puntuación resultante da aplicación do baremo establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006.

– Solicitantes excluídos/as con expresión da causa de exclusión.

Terceiro. As listas entrarán en vigor a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. As persoas solicitantes excluídas disporán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para solicitar a devolución das taxas por dereitos de inscrición, debendo consignar o nome e apelidos, NIF, número da conta bancaria (vinte díxitos) e localidade desta e copia cotexada do modelo de autoliquidación da taxa.

Quinto. Contra esta resolución, e de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2019

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública