Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Xoves, 3 de outubro de 2019 Páx. 43625

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 20 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das bolsas de formación deste instituto e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento VI440D).

BDNS (Identif.): 475057.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar esta bolsa todas aquelas persoas que no momento de presentar a súa solicitude reúnan os seguintes requisitos:

– Ter rematado o grao exixido na correspondente convocatoria, dentro do prazo indicado nela.

– Ter competencia en lingua galega no nivel Celga 4, equivalente ou superior.

– Non ter sido con anterioridade beneficiaria doutra bolsa de formación do IGVS.

– Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa similar a esta. Noutro caso, deberá renunciarse ao emprego ou á bolsa con anterioridade ao inicio da formación.

– Non estar incursa en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión de bolsas de formación en materia de vivenda no Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

As persoas ás cales se lles conceda a bolsa recibirán a súa formación de acordo cun plan formativo elaborado especificamente para cada convocatoria pola Dirección Xeral do IGVS. Este plan de formación versará sobre materias relacionadas coas funcións propias do citado organismo e indicará as actividades prácticas que se realizarán.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas liñas de axudas para a anualidade 2019, con carácter plurianual (código de procedemento VI440D).

3. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras destas axudas son as contidas nesta resolución.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. O custo total destas actividades de formación é de 96.000 euros, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.480.1, programa de bolseiros, dos orzamentos xerais para 2019, e á correspondente no orzamento de 2020, coa seguinte distribución de anualidades: 24.000 euros en 2019 e 72.000 euros en 2020.

En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, destinaranse 5.000,00 euros (1.300 euros en 2019 e 3.700 euros en 2020), que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.484.0, dos orzamentos xerais para 2019 e 2020, en pagamento das cotizacións á Seguridade Social por parte do IGVS por continxencias comúns e profesionais, consonte o artigo 44 da Orde TMS/83/2019, do 31 de xaneiro, pola que se desenvolven as normas legais de cotización á Seguridade Social, desemprego, protección por cesamento de actividade, fondo de garantía salarial e formación profesional para o exercicio 2019.

A cobertura de accidentes no traballo será realizada mediante a concertación dun seguro de responsabilidade polo IGVS na aplicación 07.83.451A.224, primas de seguros.

Quinto. Contía das axudas

O importe de cada bolsa será de mil euros brutos ao mes, que se farán efectivos, logo da certificación do bo aproveitamento da bolsa por parte da persoa que asuma a titoría, tras realizar as retencións fiscais e sociais que correspondan, na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa. A cantidade percibida no primeiro mes determinarase en función do número de días transcorridos desde a incorporación á bolsa.

Sexto. Duración das axudas

As actividades de formación iniciaranse coa incorporación das/os bolseiras/os na data que indique a resolución de concesión e terán unha duración de doce mensualidades. Poderán, de conformidade coa normativa legal aplicable, prorrogarse as bolsas por un novo período de seis meses, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias así o permitan e logo do informe favorable da/o titora/r de quen reciba a formación a/o bolseira/o.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2019

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo