Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Venres, 4 de outubro de 2019 Páx. 43897

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 25 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización do Programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual nos centros especiais de emprego (CEE) e se procede á súa convocatoria plurianual (2019 a 2022) (código de procedemento TR341X).

BDNS (Idenf.): 475289.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Serán beneficiarias deste programa as persoas físicas ou xurídicas que na data de presentación da solicitude figuren inscritas como centros especiais de emprego no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e a súa organización e funcionamento, e que na data de presentación da solicitude cumpran as seguintes condicións:

– Estar cualificados sen ánimo de lucro, de conformidade co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo.

– Contar cun mínimo de dez traballadores, dos cales como mínimo o 30 % debe ter discapacidade intelectual.

– Ter solicitado ante a xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria o inicio da actividade formativa para a impartición da formación profesional dual, mediante a contratación por conta allea de persoas con discapacidade intelectual desempregadas, na modalidade de contrato para a formación e a aprendizaxe.

Segundo. Obxecto e finalidade

O obxecto deste programa é fixar as bases reguladoras e a convocatoria plurianual de subvencións a centros especiais de emprego sen ánimo de lucro da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización de proxectos de formación dual baseados nun réxime de alternancia entre o emprego e a formación recibida no marco do sistema de formación profesional para o emprego.

Terceiro. Destinatarias finais do programa

Destinatarias finais: persoas con discapacidade intelectual (incluídos trastornos de desenvolvemento) inscritas como demandantes de emprego, que non teñan a cualificación profesional requirida para concertar un contrato en prácticas para o posto de traballo ou para o emprego obxecto do contrato.

Cuarto. Custos subvencionables e contías

1. O importe da subvención financiará os seguintes conceptos subvencionables:

a) Axuda ao custo salarial das persoas alumnas-traballadoras:

Esta axuda consiste no financiamento parcial do custo salarial das persoas alumnas-traballadoras con discapacidade intelectual que estean de alta na Seguridade Social mediante un contrato para a formación e a aprendizaxe.

Finánciase o 75 % do salario mínimo interprofesional vixente, respecto da xornada de traballo efectiva. Considérase xornada de traballo efectiva o 50 % da xornada máxima aplicable segundo o convenio colectivo de aplicación ou, na falta deste, da xornada máxima legal.

b) Axuda para o persoal de apoio e acompañamento ás persoas con discapacidade:

A axuda consiste no financiamento dos custos salariais das persoas contratadas para o a apoio e o acompañamento das persoas con discapacidade no seu posto de traballo.

A subvención calcúlase en función do número de persoas con discapacidade con contrato para a formación e a aprendizaxe atendidas, nunha contía de 2.400 € anuais por cada persoa alumna-traballadora efectivamente atendida.

c) Axuda para a actividade formativa:

Financiarase a actividade formativa ata o máximo do 50 % da xornada laboral estipulada por convenio colectivo: 8 €/hora formación por alumno/a-traballador/a. Complementa a axuda estatal por este concepto ata un máximo do 50 % da xornada, é dicir, un 25 % da xornada o primeiro ano do contrato e o 35 % no segundo e terceiro ano (o Estado subvenciona o 25 % o primeiro ano e o 15 % o segundo e o terceiro).

Quinto. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 25 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización do Programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual nos centros especiais de emprego (CEE) e se procede á súa convocatoria plurianual (2019 a 2022) (código de procedemento TR341X).

Sexto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse tres millóns de euros (3.000.000 euros), repartidos por anualidades.

Ano 2019: cento setenta mil euros (170.000 euros).

Ano 2020: setecentos cincuenta mil euros (750.000 euros).

Ano 2021: un millón trinta mil euros (1.030.000 euros).

Ano 2022: un millón cincuenta mil euros (1.050.000 euros).

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Oitavo. Período subvencionable

1. O inicio da actividade será o 1 de novembro de 2019, agás no caso en que os prazos desde que se publique a convocatoria imposibiliten resolver a autorización da actividade formativa nesa data, caso en que a Secretaría Xeral de Emprego ditará resolución en que indique a data de comezo da actividade.

A data máxima de finalización das actividades subvencionables será o 31 de outubro de 2022, ou tres anos despois da data en que se iniciou a actividade formativa.

2. As entidades beneficiarias das axudas deberán xustificar o investimento conforme a resolución de concesión e presentar a documentación xustificativa da axuda conforme o indicado nos artigos 26 e 27, nos seguintes prazos máximos, ou nos que se indiquen na resolución de concesión, de ser o caso:

Anualidade 2019 (que comprende desde a data de inicio da actividade formativa ata o 31 de decembro de 2019): o 10 de febreiro de 2020.

Anualidade 2020 (que comprende desde o 1 de xaneiro de 2020 ata o 31 de outubro de 2020): o 10 de decembro de 2020.

Anualidade 2021 (que comprende desde o 1 de novembro de 2020 ata o 31 de outubro de 2021): o 10 de decembro de 2021.

Anualidade 2022 (que comprende desde o 1 de novembro de 2021 ata o 31 de outubro de 2022 ou ata o día anterior a que se cumpran 3 anos desde o inicio da actividade formativa): o 10 de decembro de 2022.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria