Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Venres, 4 de outubro de 2019 Páx. 43835

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 116/2019, do 19 de setembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción Itinerario peonil e ciclista na PO-531. Treito A Devesa-Bretoña. Puntos quilométricos 6+200-10+250, de clave PO/16/261.06, nos concellos de Pontevedra e Barro.

Antecedentes:

Primeiro. No Diario Oficial de Galicia núm. 45, do 5 de marzo de 2018, publicouse o Anuncio do 16 de febreiro de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública a separata para información pública do proxecto de construción Itinerario peonil e ciclista na PO-531. Treito A Devesa-Bretoña. Puntos quilométricos 6+200-10+250, de clave PO/16/261.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Tras a análise das alegacións, informes e certificados presentados, o 16 de xullo de 2019 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción Itinerario peonil e ciclista na PO-531. Treito A Devesa-Bretoña. Puntos quilométricos 6+200-10+250, de clave PO/16/261.06.

Este proxecto de construción ten por obxecto a construción de dous itinerarios: o primeiro permitirá comunicar os núcleos de Sabarís, O Bispo e A Devesa, no concello de Pontevedra, mentres que o segundo itinerario comunicará os núcleos de poboación de Bretoña e Fonte do Curro, no concello de Barro.

Trátase dunha actuación que conecta os distintos núcleos que se sitúan estremeiras co treito de estrada obxecto de estudo, favorecendo a conexión dos principais focos de atracción, como son o polígono industrial de Sequeiros, o polígono de Barro-Meis, a igrexa de Santa María de Curro e os distintos servizos próximos á estrada autonómica PO-531, tratando de fomentar a mobilidade urbana multimodal en detrimento do vehículo motorizado.

A competencia para a execución da expropiación forzosa no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número 2 do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento en concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de setembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto construción Itinerario peonil e ciclista na PO-531. Treito A Devesa-Bretoña. Puntos quilométricos 6+200-10+250, de clave PO/16/261.06.

Santiago de Compostela, dezanove de setembro de dous mil dezanove

O presidente da Xunta de Galicia
P.S. (Decreto 106/2019)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade