Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 8 de outubro de 2019 Páx. 44430

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 23 de setembro de 2019 pola que se crea a Rede de Comercios e Mercados no Camiño, se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para fomentar a adhesión a ela, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CO300F).

A Consellería de Economía, Emprego e Industria é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.1.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa Comunidade Autónoma.

O Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, indica que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, coordinación e control das competencias da Consellería en materia de comercio interior.

O Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia 2015-2020 ten entre os seus obxectivos a modernización do comercio galego e inclúe diversas actuacións que redundan na competitividade e na mellora tanto do comercio retallista e do seu tecido asociativo como dos mercados e prazas galegos, verdadeiros centros de actividade económica e de emprego.

O Plan de mercados excelentes de Galicia 2016-2020 é un instrumento que pretende destacar o potencial dos nosos mercados e prazas de abastos como eixos e motores do comercio de proximidade, adaptándoos ás novas tendencias do mercado e situándoos como protagonistas na escena comercial e económica da Comunidade.

Neste marco xeral de planificación e programas é preciso abordar a celebración do Ano Santo Xacobeo no ano 2021, que constitúe para a Comunidade Autónoma de Galicia unha oportunidade de potenciación dos diferentes sectores económicos en Galicia. Este evento supón a necesidade de desenvolver actuacións de dinamización que redunden nun maior aproveitamento dos recursos existentes, no incremento do número de clientes e das vendas e na visibilización dos nosos comercios e prazas como partícipes dun acontecemento desta envergadura.

A creación da Rede de Comercios e Mercados no Camiño vén potenciar a visibilidade dos establecementos comerciais e dos nosos mercados e prazas de abastos para captar o maior número de clientes posible, mediante o lanzamento de accións e medidas de cara ao Xacobeo 2021 que dinamicen as vendas e animen tanto os peregrinos e as peregrinas como os veciños e veciñas das nosas vilas e cidades a consumir produto de proximidade e despachado no comercio local. A adhesión é gratuíta e pode facerse individualmente ou de xeito colectivo a través das asociacións de comerciantes en nome dos seus asociados, todos ou parte deles, de tal xeito que cunha soa solicitude se poida adherir un volume considerable de establecementos.

Inicialmente, pola adhesión ela, o establecemento recibirá automaticamente e de forma gratuíta un distintivo identificativo para o local e unha serie de materiais promocionais para a súa difusión mediante a súa distribución entre os clientes. As medidas de fomento levaranse a cabo en forma de subvencións, mediante convenio con entidades colaboradoras, accións directas desde a Xunta de Galicia, ou mediante calquera outra modalidade adecuada para a súa execución. As medidas levaranse a cabo durante o ano 2019 e durante os vindeiros exercicios.

Esta orde establece ademais as bases reguladoras de subvencións para a edición de materiais promocionais e de empaquetado coa imaxe da rede, de acordo co manual correspondente que publicará a Consellería, das cales poderán ser beneficiarios os comercios, as asociacións a que estes estean adheridos e as asociacións de vendedores de prazas de abastos que cumpran cos requisitos. Daquela,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto a creación da Rede de Comercios e Mercados no Camiño, e a regulación do procedemento de adhesión a ela. Así mesmo, esta orde aproba as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria para fomentar a adhesión á rede e se convocan para o ano 2019 (código do procedemento CO300F).

Para a concesión destas subvencións destínanse as seguintes cantidades con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019:

09.30.751A.770.1: dixitalización do sector. Impulso de novas fórmulas de comercialización e da competitividade do sector

75.000,00 €

09.30.751A.781.1: asociacionismo comercial e servizos para pemes comerciais

75.000,00 €

Total

150.000,00 €

Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou de créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 2. A Rede de Comercios e Prazas no Camiño

1. A Rede de Comercios e Prazas no Camiño está formada por establecementos comerciais retallistas e prazas de abastos cuxo domicilio social se atopa nalgún concello situado nun dos Camiños de Santiago na Comunidade Autónoma de Galicia e que solicitan a súa adhesión a ela.

A súa vixencia será de catro anos e os comercios e prazas adheridos poderán beneficiarse de todas as accións e axudas que a Dirección Xeral de Comercio e Consumo leve a cabo.

2. Ademais do anterior, os establecementos adheridos deberán cumprir cos requisitos establecidos no artigo 3 do anexo I desta orde.

3. Os establecementos recibirán, unha vez adheridos á rede, un distintivo identificativo para colocar de xeito visible no seu establecemento comercial. Así mesmo, recibirán un paquete de benvida á rede, que consistirá en distintos elementos promocionais para a difusión da rede entre os clientes.

Os establecementos adheridos poderán participar noutras accións promocionais que desenvolva a Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

4. Os establecementos deberán empregar o material identificativo da rede nun lugar visible do establecemento e conforme os usos dun manual elaborado pola Rede de Comercios e Mercados no Camiño, que estará dispoñible na web www.Comercio360.gal e nos seguintes enlaces:

• http://www.portaldocomerciante.gal/index.php/gl/articulo/subvencions-e-axudas-3.

• http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/direccion-xeral-de-comercio-e-consumo.

Artigo 3. Solicitudes

Para adherirse á rede deberá presentarse unha solicitude dirixida á Consellería de Economía, Emprego e Industria, axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo IV. Poderán solicitar a adhesión os establecementos comerciais e as asociacións de vendedores de prazas de abastos. Así mesmo, as asociacións de comerciantes, de ámbito municipal ou de ámbito inferior ao municipal, poderán solicitar a adhesión de todos os seus comercios asociados ou de parte deles.

Para poder ser persoa beneficiaria da subvención convocada nesta orde deberá cubrirse a parte correspondente do antedito anexo e xuntaránselle os documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de inclusión do establecemento na rede e de concesión de subvencións.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado do anexo IV, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

2. En relación coa presentación de solicitudes, as persoas beneficiarias ás cales vai dirixida esta orde de subvencións que sexan persoas físicas están dadas de alta no réxime de autónomos e, polo tanto, teñen a obriga de empregar medios electrónicos para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo no exercicio da súa actividade profesional, tal e como establece o artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia presentada.

5. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente.

Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro do mes.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de adhesión á rede e de concesión de subvención

Unha vez finalizado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e, se é o caso, valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, nun prazo que non poderá ter unha duración superior a 3 meses, contados a partir do día seguinte ao do remate de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender estimadas as súas solicitudes de adhesión á rede por silencio administrativo, de conformidade co artigo 24.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e desestimadas as súas solicitudes de subvención por silencio administrativo, de ser o caso, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Resolución

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, á persoa titular da consellería.

2. A persoa titular da consellería, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución que deberá estar debidamente motivada e expresará os establecementos comerciais adheridos á rede e, se é o caso, as subvencións concedidas.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das entidades interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Modificación e renuncia de pertenza á rede

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a adhesión á rede ou para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a resolución de adhesión á rede e, se é o caso, de concesión da subvención, poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario.

3. O establecemento poderá solicitar a renuncia de pertenza á rede en calquera momento, sen prexuízo das obrigas e responsabilidades que poidan subsistir con posterioridade á exclusión dela.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CO300F, poderase obter información a través dos seguintes medios:

1. Na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo:

https://sede.xunta.gal.

2. Na páxina web oficial da consellería de Economía, Emprego e Industria http://ceei.xunta.gal/portada, na súa epígrafe de axudas.

3. Nos teléfonos 981 54 54 19 ou 981 54 55 99 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

4. No enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.gal.

5. Presencialmente, na Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Edificio Administrativo San Caetano, 3º andar, 15071 Santiago de Compostela.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Recursos

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposicións derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para fomentar a adhesión á Rede de Comercios e Mercados no Camiño e a súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CO300F)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. A convocatoria regulada por estas bases ten por obxecto a concesión de subvencións para fomentar a adhesión á Rede de Comercios e Mercados no Camiño, consistente en axudas para a edición de materiais de promoción e empaquetado de produto.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro, L352/1).

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

En concreto, consideraranse subvencionables as seguintes actuacións previstas no artigo 4.1, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2019 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 19.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

As subvencións que se establezan para as actuacións previstas nesta orde financiaranse con crédito con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

09.30.751A.770.1: dixitalización do sector. Impulso de novas fórmulas de comercialización e da competitividade do sector

75.000,00 €

09.30.751A.781.1: asociacionismo comercial e servizos para pemes comerciais

75.000,00 €

Total

150.000,00 €

A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas e subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería e entes dependentes, para os mesmos conceptos subvencionables e mesmo beneficiario, agás as subvencións concedidas ao abeiro da Orde CO300D, publicada no DOG núm. 129, do 9 de xullo de 2019.

Artigo 3. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas, que estean situadas nun concello onde transcorra un dos Camiños de Santiago, o que se pode comprobar consultando o anexo III desta orde, e, en todo caso, cumpran ademais os seguintes requisitos:

1. Comerciantes retallistas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial nalgún concello polo que transcorra algún dos Camiños de Santiago (anexo III), que o domicilio social radique na Comunidade Autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.

b) Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio (DOUE núm. 124, do 20 de maio, p. 36), empreguen menos de cincuenta (50) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.

c) Que estean dados de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo II.

d) Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.

2. As asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva nalgún concello polo que transcorra algún dos Camiños de Santiago (anexo III).

3. As asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva en concellos situados nalgún dos Camiños de Santiago, de ámbito municipal ou inferior ao municipal.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Considéranse subvencionables as seguintes actuacións dos comercios e mercados no Camiño adheridos á rede:

1.1. Edición de material de envasado e empaquetado de produto. Poderán acollerse neste punto as solucións de empaquetado exterior, tanto para o seu envío como para a presentación do produto, protección ou para o seu consumo. O deseño do material deberá seguir o manual elaborado pola Rede de Comercios e Mercados no Camiño, que estará dispoñible na web www.Comercio360.gal e nos seguintes enlaces:

• http://www.portaldocomerciante.gal/index.php/gl/articulo/subvencions-e-axudas-3.

• http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/direccion-xeral-de-comercio-e-consumo.

En todo caso, os materiais empregados deberán ser biodegradables.

1.2. Edición personalizada de selos para os pasaportes das persoas peregrinas que soliciten a súa selaxe nos establecementos, que cumprirá co deseño do manual antedito.

1.3. Poderán editarse materiais con formatos diferentes respecto ao manual logo da autorización da Dirección Xeral de Comercio e Consumo. Con anterioridade á súa edición, deberán achegar a proba de preimpresión dixital.

O investimento máximo subvencionable para todos os conceptos será de 4.000 €, IVE excluído, e a porcentaxe da subvención será do 70 %.

Na documentación desta actuación, prevista no artigo 5.1.1 l) e no artigo 19.1 a) (se é o caso, orzamentos, facturas pro forma, facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa), deberá figurar a composición da solución para a cal se solicita a axuda, onde quede debidamente acreditado o seu carácter biodegradable.

2. Non se consideran gastos subvencionables:

Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 5. Solicitudes e documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As solicitudes para adherirse á rede e participar no procedemento da concesión da subvención presentaranse na forma e no prazo que se indica no artigo 4 da convocatoria.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de adhesión á rede a seguinte documentación:

a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados, de ser o caso. A referida documentación deberá acreditar o seu obxecto social.

b) Documento acreditativo de poder suficiente da persoa representante da entidade solicitante para actuar ante a Administración ou poderá achegar, debidamente cuberto e asinado, o modelo de representación para procedementos ante a Xunta de Galicia que figura na sede electrónica.

c) No caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica: deberán constar expresamente (anexo V) os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación. Non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.

d) Se a persoa solicitante está dada de alta no IAE nunha actividade económica do anexo II e noutra ou outras que non sexan subvencionables, deberá xustificar cal delas é a principal:

1º. No caso de sociedades, presentarán declaración anual do IVE (modelo 390) do ano anterior.

2º. No suposto de sociedades constituídas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2019, substituirase ese documento polo anexo VII.

e) Informe emitido pola Seguridade Social de vida laboral do último ano, con todos os códigos de conta de cotización da persoa solicitante ou, se é o caso, certificación da Seguridade Social da non existencia de traballadores.

f) No caso de asociacións de comerciantes, deberán presentar un documento onde consten todos os establecementos comerciais para os cales solicita adhesión e declaración responsable de que todos e cada un deles cumpren cos requisitos establecidos no artigo 3.1 das bases reguladoras (anexos IX e XI).

3. Se a persoa interesada solicita tamén subvención para editar materiais de envasado e empaquetado de produto, deberá presentar:

3.1. Se se tratar dun establecemento comercial:

a) No caso de estar exento do imposto sobre o valor engadido (IVE), documentación acreditativa da mencionada exención.

b) De ser o caso, declaración responsable da contratación con provedores de empresas de inserción social nos últimos 3 anos.

c) De ser o caso, declaración responsable de ser o titular ou ter no cadro de persoal persoas empregadas con capacidades diferentes.

d) De ser o caso, declaración responsable de ter implantado algunha medida de responsabilidade social na xestión da actividade artesanal ou comercial.

e) Memoria detallada das actuacións para as cales se solicita a subvención, que incluirá unha descrición pormenorizada.

f) Orzamento detallado de gastos previstos para a realización das actuacións previstas segundo o anexo IV e factura ou, na súa falta, factura pro forma da actividade ou adquisición que se subvenciona, de quen vaia subministrar o ben ou prestar o servizo, de ser o caso, coa desagregación de conceptos e contías.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (15.000 euros), a persoa beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

1º. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os cales se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados pola entidade solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

2º. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionados pola entidade solicitante para a realización do proxecto.

3º. Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

– Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que como mínimo obtivo a entidade solicitante.

– Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a entidade solicitante.

As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser a entidade beneficiaria da axuda.

Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos que non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.

3.2. Se se tratar dunha asociación, ademais do anterior deberán presentar:

a) Copia da acta da sesión en que se informen os asociados do proxecto para o cal se solicita a subvención.

b) Orzamento do exercicio corrente da entidade asociativa, sen incluír as partidas para as cales se solicita a subvención.

c) Orzamento liquidado pola entidade asociativa no ano 2018.

d) Certificado expedido pola persoa que exerza a secretaría ou representación da entidade que acredite o número de membros asociados dados de alta e número de comercios retallistas, dos que se achegará relación detallada e actualizada, con inclusión do nome da persoa titular e do establecemento, así como as epígrafes do IAE en que figura dado de alta, enderezo postal e telefónico, concretando, se é o caso, as empresas ou entidades participantes no proxecto e actuacións que se van desenvolver.

e) No caso de asociacións de comerciantes, declaración responsable das cotas aboadas polos comercios asociados no ano 2018 (anexo VIII).

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar os documentos preceptivos co obxecto de efectuar as comprobacións oportunas. De non cumprir co asinado nalgunha das declaracións responsables, procederase ao inicio do expediente de reintegro da subvención concedida de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificación expedida pola Axencia Tributaria na cal se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura dada de alta a entidade solicitante.

f) Certificación expedida pola Axencia Tributaria da declaración do imposto da renda das persoas físicas.

g) Certificación de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

h) Certificación de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

i) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

j) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

l) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento, así como para realizar a proposta de resolución ao conselleiro e corresponderalle ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 8. Instrución dos procedementos

1. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se dará por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6 resulta que a entidade solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na liña d) do artigo 53 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos citados de emenda a poderán facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro electrónico de anuncios da páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase facer indicación de que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado taboleiro. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse a entidade solicitante para que xunte cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións ás persoas e entidades interesadas.

Para os efectos de valorar as solicitudes e propoñer os solicitantes con pleno dereito a obter a subvención, a Comisión de Valoración aplicará os criterios de valoración para determinar a concorrencia competitiva entre os solicitantes das actuacións definidas no artigo 4.

Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para a súa inclusión á rede e a obter a subvención, de ser o caso, e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

2. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas, ben co crédito que quedara libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

• Presidencia: subdirector/a da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

• Vogais:

Un/unha xefe/a de servizo da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Un/unha xefe/a de sección da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Un/ha funcionario/a da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que fará as funcións de secretario/a.

Artigo 10. Criterios de valoración

Os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da contía e da preferencia na concesión das subvencións, relacionados por orde decrecente, serán os seguintes:

Comerciantes retallistas e obradoiros artesáns:

• Por exercer a actividade nun municipio de menos de 5.000 habitantes: 2 puntos.

• Por exercer a actividade comercial nun concello fusionado: 2 puntos.

• Ter o domicilio social nun concello adherido ao convenio coa Fegamp Doing business: 2 puntos.

• Contratación con provedores de empresas de inserción social nos últimos 3 anos: 2 puntos.

• Ser o titular ou ter no cadro de persoal persoas empregadas con capacidades diferentes: 2 puntos.

• Por ter implantada algunha medida de responsabilidade social na xestión da actividade artesanal ou comercial: 2 puntos.

• Por ser a persoa beneficiaria ou o representante da persoa xurídica beneficiaria, un mozo/a, de idade igual ou menor a 30 anos: 1 punto.

• Por ser a persoa titular do taller ou establecemento comercial ou o representante da sociedade unha muller: 1 punto.

• Adhesión ao sistema arbitral de consumo con carácter indefinido: 1 punto.

No caso de comerciantes retallistas que non posúan establecemento comercial aberto, para os efectos das alíneas a), b) e c), considerarase o municipio de exercicio e desenvolvemento da súa actividade aquel onde radique o domicilio social.

Unha vez esgotado o crédito dispoñible, no caso de que máis dunha solicitude obtivese a mesma puntuación, o desempate realizarase tendo en conta os seguintes criterios.

1º. Exercer a actividade nun municipio de menos de 5.000 habitantes.

2º. Exercer a actividade comercial nun concello fusionado.

3º. Ter o domicilio social nun concello adherido ao convenio coa Fegamp Doing business.

Asociacións de vendedores das prazas de abastos e centros comerciais abertos cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia:

a) O establecemento dunha política ambiental que contribúa á mellora da sustentabilidade conforme o seguinte baremo:

– Adopción de máis de catro medidas de carácter ambiental: 8 puntos.

– Adopción de entre catro e dúas medidas de carácter ambiental: 4 puntos.

– Adopción dunha medida de carácter ambiental: 1 punto.

b) Porcentaxe de comercios que teñan implantada a Norma UNE 175001-1, de calidade de servizos para o pequeno comercio, segundo o seguinte baremo:

– Se a porcentaxe de comercios que a teñen implantada é igual ou superior ao 50 %: 4 puntos.

– Se a porcentaxe de comercios que a teñen implantada é inferior ao 50 %: 1 punto.

c) Importe das cotas aboadas polos asociados:

– Se a porcentaxe que representan as cotas ingresadas polos asociados no ano 2018 é igual ou superior ao 30 % do orzamento liquidado pola asociación no mesmo exercicio: 1 punto.

d) Por posuír unha certificación ambiental concedida por algunha autoridade pública ou privada debidamente autorizada: 1 punto.

Unha vez esgotado o crédito dispoñible, no caso de que máis dunha solicitude obtivese a mesma puntuación, o desempate realizarase seguindo a puntuación acadada nas diferentes epígrafes por orde decrecente.

Artigo 11. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, á persoa titular da consellería.

2. A persoa titular da consellería, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

A dita resolución será publicada na web http://ceei.xunta.gal e notificada ás persoas beneficiarias, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.a) da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá a persoa beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de tres meses contados a partir do día seguinte ao do remate de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender estimadas as súas solicitudes de adhesión á rede por silencio administrativo, de conformidade co artigo 24.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e desestimadas as súas solicitudes de subvención por silencio administrativo, se é o caso, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Nesa notificación comunicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis, en aplicación do Regulamento (UE) núm. 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas, de minimis (DOUE do 24 de decembro, L352/1).

As resolucións de inadmisión ou desestimación de solicitudes notificaranse individualmente, con indicación das súas causas. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que as persoas non beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

• Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa. Se a resolución non for expresa, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

• Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a resolución de concesión da subvención, poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, de cumprirse, en todo caso, os seguintes requisitos:

1º. Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

2º. Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

3º. Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. A entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida ao titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, xunta coa documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite dun mes antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia ás entidades interesadas na forma prevista no artigo 11 destas bases.

Artigo 15. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A persoa titular da consellería ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios da subvención

Son obrigas do beneficiario da subvención:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, ou a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo ao que fai referencia o artigo 1.2 destas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

5. Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos, durante un período de dous anos desde a súa concesión.

7. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

8. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da devandita lei.

9. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

10. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 17. Obrigas específicas de publicidade

As persoas beneficiarias de subvención deberán adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En concreto, os beneficiarios/as das axudas deberán facer constar o cofinanciamento dos activos adquiridos ao abeiro desta axuda con fondos da Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Para estes efectos incluirase a lenda «Proxecto cofinanciado», acompañada da imaxe corporativa institucional básica da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 409/2009, do 5 de novembro (DOG núm. 227, do 19 de novembro), segundo o modelo e as instrucións elaboradas pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo publicado no enderezo http://www.portaldocomerciante.gal/. Empregaranse os soportes máis adecuados á natureza do investimento.

Artigo 18. Subcontratación

Enténdese que un beneficiario subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer o beneficiario para a realización por si mesmo da actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007 e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

Faise especial indicación de que as persoas ou entidades subcontratadas non poderán estar vinculadas coa entidade solicitante salvo que concorran as seguintes circunstancias:

1ª. Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2ª. Que se solicite e conceda a súa autorización previa (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria e ata o 30 de novembro de 2019, do anexo X debidamente cuberto xunto cos orixinais ou copias da seguinte documentación:

a) Xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil, e con eficacia administrativa nos termos que se establezan regulamentariamente (importe sen IVE e importe total), en relación cos gastos subvencionables, emitidos dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2019 e a data límite de xustificación.

Os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá presentar unha copia dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

No obstante, no presente procedemento, admitiranse os documentos en papel ou copias en papel debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación coas organización da emisión das copias.

b) Xustificación dos pagamentos: acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o número de factura obxecto do pagamento e a data deste. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade bancaria.

c) Material fotográfico que acredite a realización das actuacións obxecto da subvención.

d) Anexo VI da orde de convocatoria debidamente asinado.

No caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor, certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderá presentarse o dito documento sen compulsar.

2. Os órganos competentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

Artigo 20. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O libramento da subvención aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira ao número de conta designado polo beneficiario.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. En caso de concorrencia con outras subvencións ou axudas observarase o establecido no artigo 2 desta orde.

Artigo 21. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia ou de incumprimento dos deberes contidos nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a orde de reintegro.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida cando, ao non cumprir a obriga establecida no artigo 16.6 de manter a actividade durante dous anos, se aproxime de maneira significativa a ela, entendendo como tal ter mantido a actividade durante polo menos dezaoito meses e que a persoa beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dous anos.

2. O procedemento para declarar a orixe da perda deste dereito será o establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro.

O alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, deberá reintegrarse o total da cantidade percibida para unha ou varias actuacións establecidas no artigo 4 cando o cumprimento de cada unha delas non acade o 60 % do investimento subvencionado.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Control

1. A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Á parte do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 23. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia e será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade, no Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro, L352/1) e no resto de normativa que resulte de aplicación.

ANEXO II

Epígrafes do IAE subvencionables

641. Comercio polo miúdo de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.

642. Comercio polo miúdo de carnes e refugos; de produtos derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza; e de produtos derivados deles.

643. Comercio polo miúdo de peixes e doutros produtos da pesca e da acuicultura e caracois.

644. Comercio polo miúdo de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.

645. Comercio polo miúdo de viños e bebidas de todas as clases.

647. Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e bebidas en xeral (agás 647.4 e 647.5).

651. Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.

652. Comercio polo miúdo de medicamentos, artigos de drogaría e limpeza, perfumaría e cosméticos (agás 652.1).

653. Comercio polo miúdo de artigos para o equipamento do fogar e a construción (agás 653.4).

656. Comercio polo miúdo de bens usados tales como mobles, roupa e enxoval ordinario de uso doméstico.

657. Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.

659. Outro comercio polo miúdo.

ANEXO III

Concellos con Camiño de Santiago

A Coruña

A Estrada

A Fonsagrada

A Guarda

A Gudiña

A Illa de Arousa

A Mezquita

A Pobra de Brollón

A Pobra do Caramiñal

A Rúa

Abadín

Abegondo

Allariz

Ames

Amoeiro

Arzúa

Baiona

Baleira

Baños de Molgas

Barreiros

Barro

Begonte

Betanzos

Boimorto

Boiro

Boqueixón

Cabanas

Caldas de Reis

Cambados

Cambre

Carballeda de Valdeorras

Carral

Castrelo do Val

Castroverde

Catoira

Cee

Chantada

Coles

Corcubión

Cualedro

Culleredo

Dodro

Dozón

Dumbría

Fene

Ferrol

Fisterra

Friol

Guitiriz

Guntín

Lalín

Laza

Lourenzá

Lugo

Mazaricos

Meaño

Melide

Mesía

Miño

Mondoñedo

Monforte de Lemos

Monterrei

Monterroso

Mos

Muxía

Narón

Neda

Negreira

Nigrán

O Barco de Valdeorras

O Grove

O Pino

O Porriño

O Rosal

O Saviñao

Oia

Oímbra

Ordes

Oroso

Ourense

Paderne

Paderne de Allariz

Padrón

Palas de Rei

Pantón

Paradela

Pedrafita do Cebreiro

Piñor

Ponteceures

Pontedeume

Pontevedra

Portas

Portomarín

Quiroga

Redondela

Rianxo

Ribadeo

Ribadumia

Ribeira

Riós

Rodeiro

Rois

Rubiá

Samos

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

Sandiás

Santa Comba

Santiago de Compostela

Sanxenxo

Sarreaus

Sarria

Silleda

Sobrado

Soutomaior

Taboadela

Teo

Toques

Trabada

Trasmiras

Triacastela

Tui

Valga

Vedra

Verín

Vigo

Vilaboa

Vilagarcía de Arousa

Vilalba

Vilamarín

Vilamartín de Valdeorras

Vilanova de Arousa

Vilar de Barrio

Vilardevós

Vilariño de Conso

Vilasantar

Xinzo de Limia

Xunqueira de Ambía

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file