Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 9 de outubro de 2019 Páx. 44616

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 27 de setembro de 2019, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que declara a emerxencia cinexética temporal polos danos ocasionados polo xabaril na comarca de Deza.

As poboacións de xabaril veñen experimentando nos últimos anos un incremento no conxunto do territorio de Galicia que obedece aos cambios de uso no medio e ás características ecolóxicas da especie.

Estas poboacións poden ser un elemento perturbador importante de certas comunidades de flora e fauna dos ecosistemas que ocupa a especie, aspecto que resulta preciso prever e evitar na medida do posible, antes de que se produza.

Por outra parte, tense constatado que a especie provoca múltiples danos na agricultura e numerosos accidentes de tráfico, sendo un problema adicional a presenza cada vez máis habitual de xabarís nas zonas periurbanas.

Así mesmo, unha elevada poboación de xabarís favorecería o risco de dispersión de certas enfermidades, como a peste porcina africana, o que dificultaría a súa erradicación nun momento dado, de ser necesaria.

Tanto a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade como a Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, establecen ás excepcións relativas as prohibicións establecidas nesta normativa para garantir a conservación de especies autóctonas silvestres, e declaran que a Comunidade Autónoma poderá autorizar a captura e/ou morte de especies silvestres en caso de efectos prexudiciais para a saúde e seguridade das persoas e para previr prexuízos importantes aos cultivos, o gando, os bosques, a pesca e a calidade das augas e para protexer a flora e a fauna silvestres e os hábitats naturais, entre outros supostos, se non existe outra solución satisfactoria e sen que isto supoña causar un prexuízo ao mantemento nun estado de conservación favorable das especies ou as poboacións de que se trate, na súa área de distribución natural.

Por outra banda, o artigo 71 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, establece que poderán quedar sen efecto as prohibicións previstas no seu capítulo III (Protección das pezas de caza e autorizacións especiais) despois da autorización da dirección xeral competente en materia de caza, cando da súa aplicación deriven efectos prexudiciais para a saúde, a seguridade das persoas e as especies protexidas, así como para previr prexuízos importantes aos cultivos, o gando, os bosques, a propia caza, a pesca ou a calidade das augas e para protexer a flora e fauna silvestres e os hábitats naturais.

Nesta liña, a Resolución do 15 de maio de 2019, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2019/20, establece no seu artigo 13, relativo ao control de danos, que co fin de reducir os danos que se poidan producir na agricultura, na gandaría, na silvicultura, na circulación viaria, na flora e fauna silvestres, as persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderán acordar medidas de control.

No marco desta problemática, téñense adoptado estas medidas de control de danos, co fin de minorar na medida do posible os efectos desta especie sobre os ecosistemas, as producións agrarias e o propio medio urbano.

Non obstante, a disposición adicional primeira do Decreto 284/2001, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de caza de Galicia, prevé que, cando nunha comarca exista unha determinada especie cinexética en circunstancias tales que resulte especialmente perigosa para as persoas ou prexudicial para a agricultura, a gandaría, os montes ou a propia caza, a xefatura territorial competente en materia de caza, de oficio ou por instancia de parte, e logo das consultas e comprobacións que coide oportunas, poderá declarar a dita comarca de emerxencia cinexética temporal e determinar as épocas e medidas conducentes a eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións da especie en cuestión.

Nos concellos pertencentes á comarca de Deza tense incrementado nos últimos exercicios e de xeito exponencial o número de avisos por danos nos cultivos e as afeccións ocasionadas por esta especie.

A situación actual nesta comarca é, pois, indicativa da existencia dunhas circunstancias especiais, principalmente pola incidencia no relativo ao danos ocasionados á agricultura, polo que se considera prioritario incidir na adopción de medidas que permitan axilizar os mecanismos instaurados para o control desta especie cinexética, conducentes a reducir as súas densidades e poboacións.

As actuacións que se desenvolverán nas áreas de emerxencia cinexética temporal deben dirixirse ao control das poboacións de xabarís que se atopan en liberdade no medio natural e constitúen un risco real para o ecosistema, a gandaría, a agricultura e as persoas, ademais de reducir o perigo de accidentes de tráfico e os posibles riscos sanitarios, determinando a especie, duración, medidas conducentes a reducir o número de exemplares considerados prexudiciais e os controis que se deben exercer.

Por conseguinte, dadas as especiais circunstancias que as poboacións de xabarís están a ocasionar, considérase necesaria a adopción de medidas especiais de control conducentes a reducir as súas densidades e poboacións nos concellos da comarca de Deza, especialmente afectada polos danos.

Tendo en conta o establecido na disposición adicional primeira do Decreto 284/2001, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de caza de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a emerxencia cinexética temporal na comarca do Deza, que comprende os concellos de Silleda, Vila de Cruces, Agolada, Rodeiro, Dozón e Lalín, nos cales se inclúen os Tecor e zonas libres indicados no anexo desta resolución, debido aos danos á agricultura, ao perigo de accidentes de tráfico e previsibles riscos ambientais ocasionados polo xabaril, coa finalidade de axilizar a aplicación de medidas conducentes ao control das poboacións desta especie, a través de distintas modalidades e procedementos de captura.

Segundo. A vixencia desta declaración de emerxencia cinexética temporal abrangue o período hábil de caza establecido para o xabaril no artigo 16.2 da Resolución do 15 de maio de 2019, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2019/20, (é dicir, desde a entrada en vigor da presente resolución ata o 29.2.2020).

Terceiro. Durante a vixencia da declaración de emerxencia cinexética temporal na comarca de Deza, poderanse adoptar as seguintes medidas para o control da poboación de xabaril, permitíndose abater ou capturar, sen límite de exemplares, xabarís de ambos os sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas en todas as súas idades:

a) En terreos cinexéticos:

As modalidades de caza permitidas para esta especie poderán practicarse durante todos os días da semana, salvo o especificado a seguir para as zonas libres de caza, con comunicación previa á xefatura territorial da CMATV efectuada cunha antelación mínima de dez días naturais, atendendo aos seguintes condicionantes:

Nos terreos en réxime cinexético especial: as cazarías correspondentes a xornadas que non estean aprobadas no correspondente plan anual de aproveitamento da tempada 2019/20 deberán ser comunicadas previamente á correspondente xefatura territorial competente en materia de caza, cunha antelación mínima de dez días naturais.

Nas zonas libres de caza: no período que abrangue ata o 6 de xaneiro de 2020, poderán realizarse cazarías do xabaril os luns, martes, mércores, venres e sábados, sempre que non sexan festivos. Desde o 7 de xaneiro ao 29 de febreiro de 2020, ambos incluídos, poderanse efectuar cazarías os luns, martes, mércores e venres, sempre que non sexan festivos.

Na modalidade de agarda ou espera, poderán agruparse nunha soa comunicación varias xornadas, indicando expresamente por motivos de seguridade a localización aproximada, mediante coordenadas UTM, dos diversos postos fixos que poidan ocuparse.

Así mesmo, en terreos de réxime cinexético especial poderase autorizar os propietarios dos terreos afectados para realizaren, persoalmente ou mediante terceiros, agardos ou esperas, con autorización do titular do aproveitamento cinexético. Neste caso as persoas cazadoras deberán portar durante a acción de caza unha autorización por parte do titular cinexético, que será nominativa, persoal e intransferible para cada xornada, e deben cumprir, así mesmo, en todo caso, cos requisitos exixidos no artigo 58 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, para o exercicio da caza.

Co fin de aumentar a eficacia e optimizar o aproveitamento cinexético nesta modalidade, facilitar a identificación dos exemplares e garantir a seguridade das persoas, poderase utilizar con carácter excepcional un visor convencional/óptico de aumentos durante a práctica da modalidade do agarda ou espera nocturna e fontes luminosas para a iluminación dos albos.

Nestes terreos permitirase, así mesmo, a captura en vivo de exemplares de xabaril, mediante o emprego de capturadeiros, con posterior sacrificio de todos os exemplares capturados, de acordo co procedemento que estableza a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, para o cal será necesario dispoñer dunha autorización expresa.

Na solicitude deberá indicarse expresamente a súa localización mediante a achega dun plano a escala suficiente e os datos do persoal responsable da súa execución (nome, apelidos e DNI).

b) En terreos non cinexéticos:

Nos terreos non cinexéticos para o emprego de modalidades e procedementos de captura será necesario dispoñer dunha autorización expresa.

Permitirase a captura en vivo de exemplares de xabaril, mediante o emprego de capturadeiros, con posterior sacrificio de todos os exemplares capturados, de acordo co procedemento que estableza a Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Cando a aplicación de capturadeiros non reporte os resultados desexados, poderá permitirse a práctica da modalidade de agarda ou espera diúrna e nocturna, logo da solicitude do interesado, na cal se indicará a localización aproximada dos postos fixos, mediante coordenadas UTM por motivos de seguridade, adoptando as medidas ou precaucións necesarias para garantir a seguridade das persoas. Será preceptivo neste caso a acreditación da existencia dos danos mediante informe da xefatura territorial.

Nesta clase de terreos, as medidas ou medios de captura permitidos deberán solicitarse á xefatura territorial con, polo menos, 15 días de antelación á data de celebración. O prazo para resolver e notificar será dun mes, e o silencio administrativo será desestimatorio.

Cuarto. Os exemplares capturados como consecuencia da aplicación das medidas adoptadas na área de emerxencia cinexética temporal, deben identificarse mediante precintos e comunicarse debidamente á Xefatura Territorial da CMATV no prazo de 15 días naturais, segundo o seguinte procedemento:

a) En terreos de réxime cinexético especial: a comunicación das capturas realizadas en xornadas non planificadas no plan anual de aproveitamento aprobado para a tempada 2019/20, realizarase utilizando o procedemento MT720P (procedemento xenérico de caza), mentres que os resultados das cazarías planificadas no plan anual de aproveitamento se comunicarán utilizando o procedemento MT720D.

b) En terreos de réxime cinexético común e terreos non cinexéticos: a comunicación das capturas poderá realizarse utilizando o procedemento MT720P (procedemento xenérico de caza), ou ben, no caso de tratarse dun suxeito non obrigado a relacionarse electronicamente coas administracións públicas, poderá presentar os resultados en papel no rexistro das xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Quinto. A presente resolución permanecerá vixente ata a finalización do período hábil de caza do xabaril para a tempada 2019/20. Con todo, poderá quedar suspendida no seu conxunto ou en parte do ámbito de aplicación incluído no punto primeiro, logo de resolución, no momento en que se constate que desapareceron as causas que motivaron a súa declaración.

Sexto. A presente resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Pontevedra, 27 de setembro de 2019

José Manuel González González
Xefe territorial de Pontevedra

ANEXO

Terreos cinexéticos da comarca de Deza

Tecor

Matrícula

Nome

Réxime cinexético

PO-10077

O Farelo

Especial

PO-10084

Camba-Rodeiro

Especial

PO-10115

Río Grande

Especial

PO-10118

Dozón

Especial

PO-10120

Silleda

Especial

PO-10122

Vila de Cruces

Especial

PO-10128

Bertaña

Especial

PO-10129

Pena Cuntín

Especial

PO-10175

Fontao

Especial

PO-10182

Lalín

Especial

Zonas libres de caza

Código identificador

Concello

Réxime cinexético

PO-028

Lalín

Común