Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Xoves, 10 de outubro de 2019 Páx. 44738

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 120/2019, do 26 de setembro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Ourense da rúa Otero Pedrayo (travesía da OU-536) desde o punto quilométrico 0+000 ao punto quilométrico 1+000.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Ourense asinaron un protocolo de colaboración o día 30 de novembro de 2018 para levar a cabo a mellora das estradas autonómicas no concello de Ourense. Este protocolo establece, que unha vez realizadas as obras previstas, se formalizará o cambio de titularidade dos treitos en que se actúe.

O Concello de Ourense conta cunha importante rede viaria de titularidade autonómica, que se compón non só de estradas senón tamén de rúas integradas no tecido urbano, ao terse vertebrado o crecemento da cidade ao longo das antigas vías de comunicación terrestres.

O treito inicial da estrada autonómica OU-536 atópase integrado no tecido urbano do núcleo de Ourense e as súas marxes están acoutadas en practicamente toda a súa lonxitude polas edificacións. O planeamento vixente no Concello de Ourense (Plan xeral de ordenación urbana aprobada definitivamente o 16 de setembro de 1986) clasifica os terreos polos que discorre o dito treito como solo urbano.

O día 2 de maio de 2019 recibíronse as obras relativas á mellora da accesibilidade na OU-536 (avda. Otero Pedrayo) puntos quilométricos 0+000-2+000 (clave OU/16/134.20).

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de setembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Ourense do treito da estrada:

Clave

Denominación

PQi

Coordenadas

UTM (ETRS89)

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89)

OU-536

Ourense-A Pobra de Trives (OU-636)

0+000

X=594.242

Y=4.688.758

1+000

X=594.913

Y=4.688.146

Artigo 2

Consonte os números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Ourense deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndelle ao Concello de Ourense, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de setembro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade