Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Venres, 11 de outubro de 2019 Páx. 45008

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 2019, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018, pola que se fixa a data, a hora e o lugar de realización do terceiro exercicio do proceso selectivo e se establecen os criterios de corrección e cualificación deste.

En sesión que tivo lugar o 26 de setembro de 2019, o tribunal nomeado pola Orde do 1 de marzo de 2019 (DOG núm. 48, do 8 de marzo) encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1,

ACORDOU:

1. Que o terceiro exercicio terá lugar o día 26 de outubro de 2019 na aula 11 da Escola Galega de Función Pública (rúa de Madrid, nº 2, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela), en chamamento único que se iniciará ás 10.00 horas.

As persoas aspirantes deberán ir provistas de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade a xuízo do tribunal.

Non se permitirá o acceso ao recinto en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro material ou instrumento de que se poida valer a persoa aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.

2. O establecemento de criterios de corrección e cualificación do exercicio:

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de dez (10) puntos.

Acórdase que, no caso de non desenvolver todas as epígrafes do tema tal e como veñen enunciados no programa, non poderán acadarse os 10 puntos mínimos para superar o exercicio.

Ao tratarse dun exercicio vinculado a un correcto desempeño das actividades asignadas ao corpo da Administración pública a que aspiran acceder os/as aspirantes, o material e fontes de información sobre as cales operará o xuízo técnico do tribunal basearanse, sempre que sexa posible, nos textos consolidados das normas sobre as que recaian os temas. Ao respecto lembrar que, de conformidade coa base II.1 da convocatoria, en todos os exercicios da fase de oposición teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que no momento de publicación no DOG do nomeamento do tribunal do proceso conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

Así mesmo, tratándose dun proceso selectivo para o acceso ao corpo superior da Administración pública autonómica valorarase, sempre que sexa posible, a correcta descrición dos procedementos administrativos que integran o tema elixido.

Valorarase, non tanto a literalidade das normas de dereito positivo canto o contido do exercicio no que respecta á súa claridade e á orde de ideas, o rigor e alcance expositivo e a calidade da expresión escrita cunha redacción clara, ordenada e rigorosa do tema escollido polo/a aspirante.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2019

Alfonso García Magariños
Presidente do tribunal