Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Venres, 11 de outubro de 2019 Páx. 45010

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2019, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018, pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización do segundo exercicio do proceso selectivo.

En sesión que tivo lugar o 2 de outubro de 2019, o tribunal nomeado pola Orde do 31 de maio de 2018 (DOG núm. 107, do 7 de xuño) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG núm. 48, do 8 de xuño), acordou, de conformidade co disposto na base II.1.2.6. da convocatoria, que o segundo exercicio da oposición terá lugar o día 22 de outubro de 2019, no salón de actos e na aula nº 1 da Facultade de Dereito en Santiago de Compostela, en chamamento único que se iniciará ás 15.00 horas.

As persoas aspirantes deberán ir provistas de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e bolígrafo de tinta azul. Os aspirantes serán provistos de calculadora polo tribunal e quedará prohibido o uso de calculadoras distintas daquelas que se lles faciliten.

En relación cos textos legais dos cales se poderán servir os aspirantes para o desenvolvemento do exercicio, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que no inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, estará expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, das resolucións do presidente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas, e de temarios, informes ou ditames de calquera tipo.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido nos parágrafos anteriores. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.

Non se permitirá o acceso ás aulas en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro material ou instrumento de que se poida valer o/a aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2019

Margarita Rodríguez Rama
Presidenta do tribunal