Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Luns, 14 de outubro de 2019 Páx. 45132

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2019, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada para o día 16 de outubro de 2019 no que afecta o Xulgado de Paz das Pontes de García Rodríguez.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga. O artigo 496.d) da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, establece que o exercicio do dereito de folga por parte do persoal ao servizo da Administración de xustiza axustarase ao establecido na lexislación xeral do Estado para os funcionarios públicos, aínda que estará, en todo caso, suxeito ás garantías precisas para asegurar o mantemento dos servizos esenciais da Administración de xustiza.

O Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 20.1 que, en relación coa Administración de xustiza, lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia exercer todas as facultades que as leis orgánicas do poder xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial lle recoñezan ou atribúan ao Goberno do Estado.

Mediante os reais decretos 2166/1994, do 4 de novembro, e 2397/1996, do 22 de novembro, aprobouse o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia de funcións da Administración xeral do Estado en materia de provisión de medios persoais, materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza. O Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúe a este departamento exercer as competencias que lle corresponden á Xunta de Galicia relativas aos medios persoais, económicos e materiais ao servizo da Administración de xustiza.

As organizacións sindicais Unión Xeral de Traballadores (UGT), Confederación Intersindical Galega (CIG) e Comisións Obreiras (CC.OO.), comunicaron a convocatoria dunha folga para o día 16 de outubro de 2019, comezando ás 00.00 horas e rematando ás 24.00 horas, que afectará todas as actividades desempeñadas polos traballadores e traballadoras de empresas privadas e polos empregados e empregadas do sector público, con vínculo funcionarial, estatutario ou laboral, no ámbito territorial do Concello das Pontes de García Rodríguez na provincia da Coruña.

Á vista da delimitación do ámbito territorial da convocatoria, polo que respecta ao persoal ao servizo da Administración Xeral de Xustiza, materializase no Xulgado de Paz das Pontes de García Rodríguez.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento do servizo esencial prestado pola Administración de xustiza.

Os criterios determinantes para a fixación dos servizos mínimos establecidos na presente resolución tiveron en conta a doutrina do Tribunal Constitucional e mais a xurisprudencia do Tribunal Supremo existente na materia (entre outras, as sentenzas do 10 de novembro de 2008, do 21 de decembro de 2011 e do 17 de setembro de 2007), así como os distintos pronunciamentos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e en particular a Sentenza 1397/2012 ditada pola Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo con data do 19 de decembro de 2012, e a Sentenza 463/2018.

Así pois, a concreción dos servizos mínimos que se deben observar durante a xornada de folga debe efectuarse –e así se fai nesta resolución– tomando en consideración a afectación que a convocatoria daquela poida representar noutros dereitos, polo que cómpre articular uns servizos mínimos que permitan compaxinar o dereito á folga dos traballadores co mantemento dos servizos esenciais necesarios para garantir o servizo público.

Na Administración de xustiza, e en concreto polo que respecta ao ámbito obxecto dos servizos esenciais do Xulgado de Paz das Pontes de García Rodríguez, considéranse servizos esenciais necesarios para garantir o servizo público as actuacións urxentes do Rexistro Civil como as que se describen a seguir a título exemplificativo: as inscricións de defunción, inscricións de nacemento en prazo perentorio ou os certificados de defuncións; así como as actuacións referidas a asuntos e documentos en que venza un prazo preestablecido por lei e cuxo vencemento poida deparar perda de dereitos á cidadanía, así como a atención daquelas en que venza un prazo improrrogable establecido na lei cuxo incumprimento poida afectar o dereito da tutela xudicial efectiva e aquelas cuxa urxencia veña determinada polas leis procesuais ou polos bens xurídicos en xogo.

Respecto da dotación, fíxase a dotación mínima, un/unha funcionario/a do Xulgado de Paz, coa finalidade de garantir a apertura do servizo, dado que a ausencia dun/dunha funcionario/a implicaría a paralización do servizo, asegurando así que as funcións antes descritas se poidan realizar.

Para garantir a prestación dos anteditos servizos esenciais, por tanto, establécense os servizos mínimos que se concretan na presente resolución, para o que se ten en conta a extensión territorial e temporal da folga convocada e as distintas funcións dos distintos corpos.

En virtude do exposto, convocado o Comité de Folga, no exercicio das facultades atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1

Establécense, no ámbito do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza do Xulgado de Paz das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), os seguintes servizos mínimos durante a folga convocada por Unión Xeral de Traballadores (UGT), Confederación Intersindical Galega (CIG) e Comisións Obreiras (CC.OO.), para o día 16 de outubro de 2019 nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña), que dará comezo ás 00.00 horas e rematando ás 24.00 horas.

Xulgado de Paz das Pontes García Rodríguez.

– 1 funcionario/a do Corpo de Xestión Procesual Administrativa.

Artigo 2

O incumprimento da obriga de atender os servizos mínimos esenciais será sancionado de conformidade co disposto na lexislación vixente.

Artigo 3

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación.

Artigo 4

O exercicio do dereito de folga comportará as deducións salariais correspondentes en quen o exerza, de conformidade coa normativa de aplicación.

Disposición derradeira

Esta resolución producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2019

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza