Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Luns, 14 de outubro de 2019 Páx. 45174

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 2019 pola que se convoca unha xornada sobre alertas por enxames de abellas e niños de avespas.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teña como fin a protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que se poidan producir en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dunha xornada sobre alertas por enxames de abellas e niños de avespas, conforme as seguintes bases:

Primeira. Datos da actividade

Tipo

Xornada

Denominación

Alertas por enxames de abellas e niños de avespas

Modalidade

Presencial

Edicións

1

Horas lectivas

4

Prazas

Limitadas pola capacidade do local

Segunda. Obxectivos e contido da actividade formativa

Obxectivos: adquirir a formación necesaria para coñecer como actuar cando se atopen con niños de avespas ou enxames de abellas que abandonaron as súas colmeas e estean ocasionando problemas á cidadanía.

Contido: na xornada trataranse os seguintes temas:

Tema 1.

– As abellas, avespas e abellóns son insectos sociais.

– Vida e comportamentos destes insectos.

– Reprodución.

– Similitudes e diferenzas.

– Onde viven e aniñan.

– Sistema defensivo das abellas e das avespas.

– Cando atacan as abellas e as avespas.

– Efectos do veleno destes insectos. Persoas alérxicas.

– Caixa de primeiros auxilios contra os efectos do veleno.

Tema 2.

– Métodos de recollida dun enxame de abellas.

– Equipo de actuación: careta, luvas, afumador, funda.

– Control de enxames imposibles de recoller.

– Control de niños de avespas.

– Métodos de control de enxames de abellas e niños de avespas en lugares de difícil acceso.

Terceira. Destinatarios/as

Persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia) e outras persoas interesadas no tema.

Cuarta. Desenvolvemento da actividade

Lugar: Agasp (avenida da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).

Datas: 7 de novembro de 2019.

Horario: das 10.30 ás 14.30 horas.

Quinta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.gal) e non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o cal é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37, 886 20 61 38 e 886 20 61 39, ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro en que xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles.

Sexta. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición é ata o 30 de outubro de 2019 a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Sétima. Criterios de selección

Non existen criterios de selección, xa que a xornada vai dirixida ao persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia) e outras persoas interesadas no tema.

Oitava. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As persoas seleccionadas serán informadas da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

O alumnado seleccionado só poderá renunciar á actividade formativa por causas de forza maior suficientemente xustificadas.

A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal e cunha antelación mínima de tres días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Novena. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

Décima. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente e penalizaranse de xeito disciplinario, no caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a Xefatura de Ensino proporá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e a actitude da/do alumna/o ao longo do curso».

Décimo primeira. Certificado de asistencia

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

Décimo segunda. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar sen necesidade de nova publicación o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá, sen necesidade de nova publicación, suprimir a actividade, cambiar as datas de realización dela, ampliar novas edicións ou prazas desta ou suspendela, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, se fose o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.

A Estrada, 4 de outubro de 2019

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública