Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Luns, 14 de outubro de 2019 Páx. 45172

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 11 de outubro de 2019 pola que se ditan normas que determinan os servizos mínimos durante a folga xeral convocada para o día 16 de outubro de 2019 no ámbito territorial do Concello das Pontes de García Rodríguez.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG do 20 de xuño).

O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, e o persoal preciso para prestalos.

A organización sindical Confederación Intersindical Galega (CIG), a organización sindical Comisións Obreiras (CC.OO.) e a organización sindical Unión Xeral de Traballadores (UGT) comunicaron a esta Administración a convocatoria dunha folga xeral no ámbito territorial do Concello das Pontes de García Rodríguez. A folga desenvolverase desde as 00.00 horas ás 24.00 horas do día 16 de outubro de 2019.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga á Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais e para garantir o dereito ao traballo, que se concretan e xustifican na presente orde, no que respecta aos servizos prestados por esta consellería.

No ámbito da Consellería de Política Social, tómase en consideración para a determinación dos servizos mínimos a necesidade da presenza efectiva que garanta o funcionamento dos centros, así como a súa apertura. Estes servizos mínimos fixados no ámbito dos servizos sociais considéranse imprescindibles para garantir unha atención axeitada ás persoas residentes ou usuarias destes centros, máxime cando é necesario dar unha resposta inmediata ás diferentes situacións de emerxencia social.

De acordo coa normativa citada e cos argumentos expostos, e oído o comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1. Centro de día As Pontes

Para o persoal que desempeña o seu traballo no centro de referencia terán a consideración de servizos mínimos os seguintes:

1 xerocultor/a na quenda de mañá.

1 xerocultor/a na quenda de tarde.

Artigo 2. Centro sociocomunitario As Pontes

En todo caso, quedará garantida a apertura e peche do centro mediante a designación dun/dunha traballador/a na súa quenda habitual.

Artigo 3. Garantía dos usuarios

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos correspondentes centros.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social