Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Xoves, 17 de outubro de 2019 Páx. 45674

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 129/2019, do 3 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Marín dun treito de 106 metros lineais da estrada EP-1201 Marín-Penizas (rúa Alcalde José del Río, treito situado entre a rúa da Ponte e a rúa Ponte Zapal).

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Marín asinaron o 11 de decembro de 2017 un convenio de colaboración para levar a cabo o proxecto de reforma da rúa Alcalde José del Río. Neste convenio, a cláusula quinta recollía que, unha vez recibida a obra pola Deputación, se iniciaría o cambio de titularidade dun tramo de 106 metros lineais (rúa Alcalde José del Río situado entre a rúa da Ponte e a rúa Ponte Zapal), xa que polo seu trazado, lonxitude e a súa funcionalidade actual ten a consideración de treito urbano.

A Deputación Provincial de Pontevedra, no Pleno da Corporación Provincial que tivo lugar o día 4 de marzo de 2019, aceptou o cambio de titularidade a favor do Concello de Marín dun treito de 106 metros lineais da EP-1201 Marín-Penizas (rúa Alcalde José del Río, treito situado entre a rúa da Ponte e a rúa Ponte Zapal).

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de outubro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Marín de:

• Treito de 106 metros lineais da estrada EP-1201 Marín-Penizas (rúa Alcalde José del Río, treito situado entre a rúa da Ponte e a rúa Ponte Zapal).

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Marín deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre Concello e Deputación.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Marín, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de outubro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade