Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Luns, 21 de outubro de 2019 Páx. 45982

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 10 de outubro de 2019 pola que se aproban as bases que rexen os premios Talento Mozo Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento BS327A).

A Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, establece, no seu artigo 1, que as políticas públicas dirixidas á xuventude terán como finalidade mellorar a calidade de vida da xente nova, especialmente a través do acceso á información en materia xuvenil e mediante a participación activa dos mozos e mozas no desenvolvemento sostible, económico e social da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tamén establece a citada lei, no seu artigo 33, que a Administración xeral da Comunidade Autónoma exercerá as súas competencias a través da consellería competente en materia de xuventude, á que lle corresponden, entre outras, a xestión das actuacións en materia de xuventude, así como as políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil.

De acordo co artigo 9 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, a Xunta de Galicia fomentará o espírito emprendedor e potenciará entre a xuventude un sistema de actitudes e preocupacións do que formen parte a iniciativa propia, a responsabilidade, a planificación de obxectivos vitais, a perseveranza, o compromiso e a flexibilidade.

Pola súa parte, o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, establece que a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado é un dos órganos de dirección en que se estrutura a Consellería de Política Social.

De acordo co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, correspóndelle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, entre outras funcións, a xestión das actuacións en materia de xuventude, así como as políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil.

A Consellería de Política Social entende que, en cumprimento do mandato legal e para lograr unha verdadeira participación da xuventude nos diferentes ámbitos da sociedade actual, é fundamental impulsar actuacións e apoiar os proxectos que desenvolvan os mozos e mozas galegos en distintos ámbitos. Así, no exercicio das competencias propias e co fin de recoñecer e distinguir, de maneira institucional, as mellores iniciativas da nosa xuventude; visibilizar o seu talento e capacidades e servir de modelo e testemuña para a sociedade civil en xeral, a Consellería decidiu fomentar as ditas iniciativas a través da presente convocatoria.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto a regulación do procedemento de concesión dos premios ao talento mozo na Comunidade Autónoma de Galicia para o recoñecemento de traxectorias excelentes e proxectos impulsados e postos en marcha por mozos e mozas galegos, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2019.

2. Cos premios Talento Mozo Galicia tratarase de recoñecer e visibilizar o talento e capacidades da xuventude galega, nas modalidades de Ciencia, Rural, Deporte, Empresa e Cultura e Creación.

3. O código de procedemento administrativo é BS327A.

Artigo 2. Convocatoria e modalidades

1. A Consellería de Política Social convoca estes premios para o ano 2019. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos nos artigos 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En todo o non previsto nestas bases será de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada Lei 9/2007.

2. Os premios Talento Mozo Galicia que se convocan terán as seguintes modalidades:

a) Ciencia.

b) Rural.

c) Deporte.

d) Empresa.

e) Cultura e Creación.

Artigo 3. Premios

1. Outorgarase un premio en cada unha das modalidades establecidas no artigo 2, cuxa dotación económica será de 5.000 euros por modalidade.

2. As persoas premiadas recibirán, ademais da dotación económica do premio, unha distinción honorífica e un diploma acreditativo.

Artigo 4. Orzamento

Para o financiamento destes premios destínase un crédito de 25.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.313A.480.1 consignada na Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

Artigo 5. Persoas destinatarias e requisitos

Poderán optar aos premios Talento Mozo as persoas mozas que reúnan os seguintes requisitos:

1. Ter entre 18 e 30 anos na data en que finalice o prazo de presentación de candidaturas.

2. Estar domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia na data en que finalice o prazo de presentación de candidaturas.

3. Contar cunha traxectoria relevante na modalidade do premio a que concorra. Para estes efectos, os méritos que motivan a candidatura deben estar referidos a circunstancias acreditadas con carácter previo á data de publicación da convocatoria.

Artigo 6. Compatibilidade dos premios

1. A obtención do premio é compatible con outros outorgados coa mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados.

Artigo 7. Solicitude e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Para poderen optar aos premios Talento Mozo Galicia as persoas candidatas deberán acreditar documentalmente, na forma prevista no artigo seguinte desta orde, que se reúnen as cualidades que xustifiquen poder optar ao premio na modalidade de que se trate.

4. Unha mesma persoa non poderá presentarse como candidata a máis dunha modalidade de premio. No suposto de que se produza esta situación, a solicitude non será admitida a trámite.

5. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar co impreso de solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Memoria individualizada descritiva do proxecto ou traxectoria que opta ao premio, na modalidade de que se trate, que poña de manifesto os seus aspectos máis relevantes e valiosos e que conteña expresa mención dos méritos en que se fundamente a solicitude (anexo II).

b) Curriculum vitae da persoa candidata.

c) Documentación oficial acreditativa dos méritos alegados. Sen esta acreditación, os citados méritos non se terán en conta polo xurado.

2. Con carácter potestativo poderá xuntarse outra documentación que a persoa solicitante considere relevante tal como apoios á candidatura, tanto de persoas físicas como xurídicas, publicacións, fotografías ou outros documentos.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

4. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Emenda das solicitudes

Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, o órgano instrutor requirirá a persoa solicitante para que, no prazo de 10 días contado desde o seguinte ao da notificación, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, considerarase desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución, que será ditada nos termos do seu artigo 21.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa de protección de datos persoais, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas solicitantes a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Instrución do procedemento

O órgano instrutor do procedemento será o Instituto da Xuventude de Galicia. Unha vez completos os expedientes remitiraos ao xurado previsto no artigo seguinte para a súa valoración e unha vez emitido por este o informe previsto no artigo 14 elevará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver o procedemento.

Artigo 13. Xurado dos premios Talento Mozo Galicia

1. Para o exame e valoración dos expedientes constituirase un xurado que será designado para o efecto por resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que será quen desempeñe a súa presidencia.

Os membros do xurado serán designados entre persoas destacadas no ámbito institucional e/ou socialmente pola súa relevancia profesional e persoal en cada unha das modalidades dos premios.

2. O xurado, como órgano colexiado, rexerase pola Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, e pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3. Na composición do xurado procurarase acadar a presenza equilibrada de mulleres e homes.

4. A secretaría do xurado, con voz pero sen voto, corresponderalle a unha persoa funcionaria da citada dirección xeral, nomeada por resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

5. No caso de ausencia de calquera das persoas que compoñen o xurado, ou do/da secretario/a deste, será substituída por outra persoa nomeada, así mesmo, pola persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado conforme os mesmos criterios de elección recollidos no punto 1 e 4 deste artigo.

Artigo 14. Valoración das solicitudes admitidas

O xurado examinará e valorará as candidaturas presentadas para as distintas modalidades en función dos seguintes criterios:

a) Ciencia: valorarase o grao de innovación e orixinalidade, a calidade, o grao de excelencia da traxectoria no ámbito da investigación científica, a súa consideración como exemplo de éxito, o impacto positivo na sociedade e a repercusión na comunidade científica.

b) Rural: valorarase o grao de innovación e orixinalidade, a calidade, o impacto positivo na sociedade, a contribución á posta en valor do medio rural como espazo de oportunidades para a mocidade, a contribución á dinamización económica da zona e á promoción da fixación da poboación no medio rural.

c) Deporte: valorarase a excelencia no ámbito deportivo, o impacto positivo entre a sociedade e o seu efecto multiplicador entre a xuventude, a contribución á promoción de hábitos de vida saudable, a súa consideración como exemplo de éxito e de carreira deportiva de traballo e superación.

d) Empresa: valorarase o grao de innovación e orixinalidade, a relevancia no seu ámbito, a súa consideración como exemplo de éxito no ámbito do emprendemento ou xeración de emprego, a contribución á mellora do tecido produtivo galego, á fixación da poboación e á promoción de actividades vinculadas co sector primario ou a industria 4.0.

e) Cultura e creación: valorarase o grao de innovación e orixinalidade, grao de excelencia no ámbito da creatividade e expresión artística e cultural e a súa consideración como exemplo de éxito. Así mesmo, valorarase a obra desde o punto de vista da súa calidade artística no ámbito de que se trate.

O xurado emitirá un informe-proposta de candidatura premiada para cada modalidade, que elevará ao órgano instrutor. No informe-proposta o xurado poderá propor que se declare deserta algunha modalidade por non reunir, ao seu xuízo, os méritos suficientes ningunha das candidaturas presentadas.

Artigo 15. Resolución

1. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe-valoración do xurado, elevará ao órgano competente para resolver o procedemento a proposta de resolución dos premios para cada modalidade ou declaración de deserta se for o caso.

2. O órgano competente para resolver será a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

A resolución será notificada de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, no prazo máximo de tres meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 16. Réxime de recursos

1. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa notificación, a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Malia o anterior, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa notificación, a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 17. Obrigas das persoas premiadas

As persoas premiadas deberán:

a) Acreditar, con carácter previo á concesión e ao pagamento dos premios, que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e que non teñen débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Reintegrar, total o ou parcialmente, o importe do premio no suposto de incumprimento dos requisitos e condicións establecidos para a súa concesión e das demais obrigas contidas nesta orde, na Lei 9/2007 ou na restante normativa que sexa de aplicación. Para facer efectiva a devolución, tramitarase o procedemento de reintegro oportuno, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

d) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, as modificacións que se produzan nos requisitos e condicións que determinaron a concesión do premio. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza.

e) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a obtención doutras axudas para a mesma traxectoria e/ou proxecto. Para estes efectos, a persoa solicitante debe incluír no anexo I a declaración relativa a outras axudas e, con posterioridade á presentación da solicitude, comunicar a súa obtención, de ser o caso.

f) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

g) Cumprir cos requisitos e obrigas recollidas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 3 de xuño, e coas restantes obrigas contidas nesta orde e demais normativa aplicable.

Artigo 18. Publicación dos actos e resolucións

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

2. A relación de premiados/as de cada especialidade será publicada, así mesmo, na páxina web http://xuventude.xunta.gal.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Política Social publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas premiadas e o importe dos premios concedidos. Incluirá, igualmente, as sancións que, como consecuencia deles, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información de conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente orde a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias dos premios previstos nesta orde.

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar cantos actos sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file